Aínda que o acceso a internet está garantido polo servizo universal, está claro que a capacidade operativa das conexións que se subministran baixo este servizo é moi limitada e no tocante á instalación de liñas ADSL, estas non forman parte do servizo universal.

Telefónica está obrigada a instalarche unha liña que lle permita cumprir cos dereitos que se engloban no servizo universal pero non a que dito acceso se faga mediante un par físico de cobre, senón que poderán utilizarse outras tecnoloxías como GSM, GPRS, LMDS ou satélite, aínda que o normal é que ao menos Telefónica proporcione dito servizo aos abonados cuxas centrais de conexión dispoñan de tal posibilidade.

O ADSL funciona baixo os mesmos bucles de abonado da rede telefónica permitindo a transmisión de datos de maneira independente ao servizo telefónico. O CABLE emprégase nas redes despregadas polos operadores de cable e non se basean nun par de cobre senón en cables de fibra óptica e coaxiais.

O feito de contar con servizo telefónico fixo non garante a posibilidade de ter acceso á tecnoloxía ADSL, xa que é necesario que as centrais conten cunha instalación de equipos determinada (denominados DSLAM) e incluso nalgúns casos, aínda que a central conte con estes equipos podería non facilitarse o servizo debido ás características físicas da liña. En calquera caso, o operador deberá informarche da posibilidade real da prestación deste servizo. 

Pola súa banda, o acceso á tecnoloxía cablemódem so será posible naquelas zonas nas que un operador de cable estendese a súa rede de acceso.

A FIBRA ÓPTICA é un medio de transmisión consistente nun fío moi fino de material transparente, vidro ou materiais plásticos, polo que se envían pulsos de luz que representan os datos a transmitir. Permite enviar grande cantidade de datos a unha grande distancia, con velocidades similares ás da radio e superiores ás de un cable convencional, sendo o medio de transmisión por cable mais avanzado.

Na actualidade, está tomando forza unha nova TECNOLOXÍA DE TELECOMUNICACIÓNS FTTH (especialmente en países como EEUU, Colombia, Uruguay, Xapón e algúns de Europa), tamén coñecida como “fibra ata a casa” ou “fibra ata o fogar”, baseada na utilización de cables de fibra óptica e sistemas de distribución ópticos adaptados a esta tecnoloxía para a distribución de servizos avanzados, como o Triple Play, telefonía, internet de banda ancha e televisión, aos fogares dos abonados. Algúns operadores están reducindo a promoción de servizos ADSL en beneficio da fibra óptica co obxectivo de propor servizos moi atractivos de banda ancha para o usuario (música, vídeos, fotos, etc).

A tecnoloxía FTTH propón a utilización de fibra óptica ata a casa do usuario ou cliente de fibra (usuario final). A rede de acceso entre o abonado e o último nodo de distribución pode realizarse con unha ou dúas fibras ópticas dedicadas a cada usuario (unha conexión punto-punto que resulta nunha topoloxía en estrela) ou unha rede óptica pasiva que usa unha estrutura arborescente cunha fibra no lado da rede e varias fibras no lado do usuario.

En 2005, o goberno de Asturias despregou a primeira rede de fibra ata o fogar na zona dos vales mineiros do Principado de Asturias, tratándose do primeiro proxecto destas características en España.

Desde o 2008, Telefónica ofrece comercialmente catro paquetes Triple Play sobre a súa rede FTTH, trala autorización da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, despois de verificar o seu correcto funcionamento. Hoxe en día, Telefónica ofrece fibra a 300 Mbits/s nalgunhas zonas de case a totalidade das capitais españolas e nalgúns outros puntos xeográficos, realizando acordos de despregamento con Jazztel e de uso con Yoigo. Pola súa banda, Vodafone e Orange, decidiron unir os seus esforzos para facer o seu propio despregamento.

Temática:
TelecomunicaciónsInternet