Ao igual que calquera produto, os electrodoméstico e produtos electrónicos que merques teñen dous anos de garantía ou un ano, como mínimo, cando se trate dun aparato de segunda man. Isto implica que poidas esixir, directamente ao vendedor, a reparación ou substitución do produto sen custo algún (non se che poderá cobrar por gastos de envío, materias, man de obra, etc.).

O vendedor ou fabricante poderá darche unha garantía comercial adicional, adquirindo un compromiso contigo en relación ao produto mercado, máis aló dos dous ano da garantía legal. Esta será sempre voluntaria para o vendedor, non a poderás esixirse en ningún caso.

Lembra que todo produto que sexa novo ten, por lei, unha garantía mínima de dous anos, que non che fagan crer que é unha promoción do vendedor.

Así mesmo, calquera defecto que apareza dentro dos seis primeiros seis meses dende que o mercaches, presúmese que xa viña de fábrica, tendo que ser o vendedor, se non está de acordo, quen probe que foi provocado por un mal uso. Pola contra, calquera defecto que apareza despois deste prazo, ata cumprirse os dous ano da garantía, deberá ser analizado polo servizo técnico da empresa onde se determinará se o defecto era de orixe ou foi provocado por un uso incorrecto, caso no que, de non estares de acordo, terás que ser ti quen demostre que o defecto non se debeu a un mal uso do mesmo.

Naqueles casos nos que os defectos se deban a un uso non axeitado do aparato, a reparación non estará cuberta pola garantía, tendo que facerte cargo dos gastos da reparación. Se non estiveses de acordo co importe presupostado, terás que aboar os gastos derivados da súa elaboración.  

En todo caso, cando o ben sexa reparado en garantía disporás dun novo prazo de seis meses, a contar dende que se che entrega o produto reparado, durante o cal se entenderá que calquera defecto que apareza novamente virá derivado da reparación.

Temática:
ServizosServizos de asistencia técnica