Programa educativo realizado en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, incluido dentro do Plan Proxecta.

Xustificación

Favorecer o tratamento da educación para o consumo responsable nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado.

Promover a educación para o consumo responsable nos centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Obxectivo xeral

O obxectivo deste programa é a realización dun proxecto de innovación educativa en materia de consumo responsable coa finalidade de potenciar a educación para o consumo responsable nos centros de ensino, así como motivar un traballo activo e colaborativo de alumnado e profesorado.

Obxectivos específicos

Para o alumnado:

  • Concienciar ao alumnado da súa condición de persoa consumidora, iniciándoo no funcionamento dunha sociedade de consumo responsable.
  • Fomentar que o alumnado actúe na sociedade de maneira informada, de xeito que poida elixir, con pleno coñecemento, entre os bens e servizos e coñecer os seus dereitos e deberes.
  • Desenvolver no alumnado un pensamento crítico e independente e fomentar a reflexión sobre os aspectos éticos, solidarios e ambientais que determinan a responsabilidade no consumo.

Para o profesorado:

  • Comprender a importancia e o significado de realizar un consumo responsable e trasladalo ao seu alumnado.
  • Coñecer e manexar os recursos e as ferramentas para traballar estes contidos e transmitirllas ao seu alumnado.
  • Aumentar as habilidades de uso das Tecnoloxías da Información e da  Comunicación.

Para o resto da comunidade educativa:

  • Colaborar e participar de xeito activo nas iniciativas sobre consumo responsable promovidas polo alumnado participante no proxecto.
  • Ser consciente da importancia de desenvolver actitudes e comportamentos cara un consumo máis crítico.

Temporización

A duración deste programa é de todo o curso.

Alumnado ao que vai dirixido

2º ciclo de infantil, primaria, ESO, bacharelato, FP, persoas adultas e educación especial.

Descrición do programa e modalidades de participación

Os centros deberán realizar un proxecto de innovación educativa sobre algunha das seguintes temáticas de consumo responsable que mellor se adapte ás necesidades ou aos intereses do centro (débese escoller só unha):

a) Consumo e xénero (Por exemplo: xoguetes, xénero e publicidade; impacto das relacións de xénero no consumo; consumo e xénero: onte, hoxe e mañá …)

b) Linguaxe publicitaria (Por exemplo: publicidade na miña contorna; publicidade dirixida á adolescencia; publicidade: onte, hoxe e mañá …)

c) Comercio electrónico (Por exemplo: hábitos de consumo de comercio electrónico; seguridade no comercio electrónico; comercio: onte, hoxe e mañá …)

d) Servizos financeiros (Por exemplo: tipoloxía dos servizos financeiros: captación e inversión; identificación de servizos inseguros: créditos rápidos e cláusulas abusivas; servizos financeiros: onte, hoxe e mañá …)

Características básicas que debe ter o proxecto

  • Ser un proxecto interdisciplinario.
  • Implicar a alumnado, profesorado e familias.
  • Implicar unha análise das diferentes fases e actividades do traballo, e elaboración de conclusións que o alumnado participante deberá comunicar e expoñer a outros grupos non participantes no proxecto utilizando diferentes técnicas, ferramentas e recursos.
  • Co fin de ter unhas pautas para o desenvolvemento do proxecto en cada centro participante, no arquivo anexo pódese descargar a "Guía Galicons-net: definición e propostas dos ámbitos de traballo".

Produto final

  • O proxecto deberá concretar o proceso de aprendizaxe na elaboración dun produto final, que permita expoñer o coñecemento adquirido e o traballo realizado.
  • Terá formato libre e formalizarase a través de calquera tipo de soporte (textual, audiovisual, informático, virtual, gráfico, campaña de concienciación...)

Actividades e recursos

A Escola Galega de Consumo ofértalle aos centros participantes as seguintes actividades e recursos para axudarlles a desenvolver con éxito o seu traballo:

Xornada de formación inicial:

  • Carácter: voluntario. Recoméndase a asistencia para aqueles docentes que participen por primeira vez no programa.
  • Duración: 9 horas.
  • Modalidade: Semipresencial.
  • Data: novembro.
  • Lugar: Instalacións da Escola Galega de Consumo. Santiago de Compostela.
  • Descrición: Farase unha presentación inicial do proxecto e explicaranse os contidos básicos sobre consumo responsable necesarios para a realización do proxecto a e elaboración do produto final
  • Esta formación está integrada dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado.

Formación en PLATEGA:

  • Carácter: Voluntario.
  • Cursos ofertados:

1. Traballando coa publicidade na aula:

  • Curso dirixido á análise crítica da publicidade e ao seu uso como recurso pedagóxico para o traballo en materia de consumo nas aulas.
  • Duración: 32 horas lectivas
  • Temporalización: 1º trimestre
  • Prazas: 50

2. Comercio electrónico:

  • Curso dirixido á aprendizaxe do uso e manexo da ferramenta en liña "Simulador de Compras", co obxectivo de realizar compras seguras na Internet.
  • Duración: 30 horas lectivas
  • Temporalización: 3º trimestre
  • Prazas: 50

3. Consumo e xénero:

  • Curso dirixido á adquisición dos coñecementos e ao manexo das ferramentas que lle permitan ao profesorado desenvolver na aula o traballo en materia de consumo desde una perspectiva de xénero.
  • Duración: 30 horas lectivas
  • Temporalización: 2º trimestre
  • Prazas: 50

4. Consumo e finanzas na aula:

  • Curso dirixido á adquisición dos coñecementos básicos e as ferramentas para o fomento do consumo responsable dos servizos financeiros básicos.
  • Duración: 30 horas lectivas
  • Temporalización: 2º trimestre
  • Prazas: 50

Guías didácticas destes cursos dispoñibles en formato PDF en: http://consumo.xunta.gal/gl/formacion/actividades

As persoas interesada en asistir poden solicitalo a través de PLATEGA.

Actividades para o alumnado:

  • Carácter: Voluntario.
  • Duración aproximada: 2 horas.
  • Modalidade: Presencial.
  • Temporización: Na data elixida polo centro entre os meses de outubro a marzo.
  • Lugar: No lugar elixido polo centro educativo e/ou nas instalacións da Escola Galega de Consumo, en Santiago de Compostela.
  • Descrición: Persoal técnico especializado en formación sobre consumo responsable impartirá un ou varios obradoiros especificamente deseñados en relación coa temática do proxecto.
  • Matrícula: Os centros inscritos no programa poden solicitar a participación nos obradoiros directamente a través da páxina web do Instituto Galego de Consumo (www.consumo.xunta.gal).
  • Custo: No caso de que a actividade se realice no lugar designado polo centro educativo, a Escola Galega de Consumo asumirá os custos de realización do obradoiro. No caso de que a actividade se realice nas instalacións da Escola Galega de Consumo, en Santiago de Compostela, o centro educativo terá que asumir os custos de desprazamento e, no seu caso, manutención do alumnado.

Saídas extra escolares:

Para asistir á entrega de premios.

Asesoramento ao profesorado:

A Escola Galega de Consumo estará ao dispor dos centros participantes para facilitarlles a orientación e o apoio que precisen.

Material didáctico:

Dispoñible na Mediateca da Escola Galega de Consumo. Para solicitalo contactar coa Escola Galega de Consumo.

Web de referencia:

http://consumo.xunta.gal

Premio:

Concederanse catro premios en metálico de 1.500 euros para o mellor proxecto en cada unha das seguintes categorías de participación:

- Categoría A: Alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria.

- Categoría B: Alumnado de educación secundaria obrigatoria.

- Categoría C: Alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio de formación profesional e de educación de persoas adultas.

- Categoría D: Alumnado de educación especial.

A convocatoria de premios publicarase no DOG durante o primeiro trimestre do 2018. Podes consultar o borrador da convocatoria de premios no enlace situado ao final desta páxina.

No curso 2016/2018 resultaron gañadores na Categoría A o proxecto Coa Cooperativa Riomaior a publicidade irá mellor, elaborado polo alumnado de 5º e 6º de primaria do CEP Plurilingüe de Riomaior, Vilaboa, e na Categoría B o proxecto Consumindo boa publicidade e publicitando o bo consumo, realizado polo alumnado do CPR Plurilingüe Santo Domingo, de A Coruña.  

 

Tipo:
Proxecto