Esta iniciativa ten como obxectivo axudar aos damnificados a tramitar as súas solicitudes para facer efectivas as indemnizacións polos danos causados
Santiago de Compostela, 12 de Decembro de 2017.-

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), e a Fundación Aon España xa teñen activado o protocolo de colaboración para axudar ás persoas afectadas pola vaga de lumes do pasado mes de outubro a tramitar os seus expedientes para as reclamacións ante as aseguradoras.

Este acordo permite dar asistencia técnica en materia de seguros aos damnificados, prestando ás persoas que o precisen a colaboración necesaria para presentar e tramitar coas súas compañías de seguro as reclamacións que consideren oportunas co obxectivo de facer efectivas as indemnizacións polos danos ocasionados polos incendios.

Aon, en coordinación coa Xunta e a través do seu Observatorio de Grandes Catástrofes, presta esta axuda poñendo a disposición dos afectados os técnicos que se precisen para poder reclamarlle ás compañías aseguradoras os danos sufridos. Pola súa banda, o IGCC pon a disposición da Fundación Aon os seus recursos en materia de información e asistencia ás persoas consumidoras.

Esta medida súmase ás que tamén ten en marcha a Xunta para dar resposta ás consecuencias da vaga de incendios que Galicia rexistrou a mediados de outubro. Neste sentido, entre outras medidas, a Administración autonómica, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, activou axudas por valor de 3 millóns de euros para financiar obras de reconstrución e recuperación de establecementos comerciais, mercantís ou industriais afectados polos incendios.

Tamén resalta o programa de formación especializada e emprendemento para facilitar a continuidade dos negocios afectados e para promover a xeración de novas actividades económicas impulsado entre o Igape e a Fundación Incyde.

Así mesmo, a Xunta puxo a disposición dos afectados o teléfono gratuíto 900815400 no que se informa sobre as axudas que xa están publicas no Diario Oficial de Galicia (DOG) entre as que destacan indemnizacións ás vítimas, apoio aos concellos, rexeneración da natureza, recuperacións dos terreos cinexeticamente ordenados (Tecor), da rede viaria e vivendas, apoios ás explotacións, reparación de naves e tendas, e axudas a establecementos turísticos e deportivos. Ata a data, o teléfono recibiu máis de 400 consultas.

Temática:
Outros