Considera que é imprescindible un traballo de información e de concienciación na sociedade que permita contar cunha xeración de consumidores responsables e informados
Subliña o compromiso da Xunta na defensa dos consumidores, e para promover a información e a educación necesaria entre as xeracións máis novas á hora de acceder a internet
A Escola Galega de Consumo impartiu o ano pasado cursos e charlas a preto de 10.000 persoas
Apela ao traballo conxunto de administracións, empresas e consumidores para que o avance das novas tecnoloxías supoña un salto cualitativo en termos económicos, pero sempre dentro dos marxes da responsabilidade e a seguridade
Santiago de Compostela, 4 de Decembro de 2017.-

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que a Xunta está comprometida coa promoción dun consumo responsable a través da formación e a educación, especialmente, entre os máis novos. Así o manifestou na clausura dunha xornada sobre Protección dos menores e outras persoas consumidoras vulnerables na internet celebrada en Santiago.

Conde considerou que é imprescindible un traballo de información e de concienciación na sociedade que permita contar cunha xeración de consumidores responsables e informados. E, nese sentido, destacou o traballo da Xunta non só para defender os consumidores, senón para promover a información e a educación necesaria entre as xeracións máis novas cando acceden á internet.

Segundo dixo, a educación para o consumo é imprescindible para que a cidadanía coñeza os seus dereitos como consumidores e para que os exerza de forma responsable. E ese, precisamente, é un dos principais obxectivos da Escola Galega de Consumo —dependente do Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC)— que, o ano pasado, impartiu cursos e charlas formativas a preto de 10.000 persoas.

Foi a través de iniciativas como o programa de educación para o consumo responsable, Cores, ao que asistiron este ano 771 alumnos que participaron en obradoiros e charlas para achegar ao alumnado as claves para empregar de xeito seguro as novas tecnoloxías.

Tamén o Plan Proxecta, no que colabora a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, con programas como Consumópolis, un concurso escolar de ámbito nacional que no pasado curso estivo centrado no uso responsable das TIC e no que participaron 500 alumnos e alumnas galegas. Ou Galicons-net, na que preto de 2000 estudantes elaboraron proxectos de innovación educativa sobre consumo responsable. E, finalmente, outra das accións foi a formación para profesorado impartida polo IGCC, centrada en comercio electrónico.

Ao respecto, o conselleiro esgrimiu que esta modalidade de comercio medrou un 22% en 2016 en España, superando os 25.000 millóns de euros. E que o 17% dos compradores tivo algún tipo de problema coas compras realizadas. Ademais, no relativo ao uso da internet, destacou que segundo o último EGM, internet ten en España unha audiencia de preto do 76% da poboación; unha porcentaxe que supera o 90% se nos referimos a persoas de entre 14 e 19 anos.

Por todo iso, Conde apelou ao traballo conxunto de administracións, empresas e consumidores para que o avance das novas tecnoloxías supoña un salto cualitativo en termos económicos, pero sempre dentro dos marxes da responsabilidade e a seguridade.
 

Temática:
Outros