O CEIP de Riomaior, do concello pontevedrés de Vilaboa e o CPR Santo Domingo da Coruña son os gañadores do Programa Galicons-net
Este certame de innovación educativa enmárcase no plan Proxecta, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que busca promover o traballo por proxectos e a educación en valores
A convocatoria para este ano está aberta á presentación de solicitudes
Santiago de Compostela, 22 de Setembro de 2017.-

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, premiou a través do Programa Galicons-net, cuxa resolución se publica hoxe no DOG, os proxectos de innovación educativa sobre a linguaxe publicitaria realizados polo CEIP Plurilingüe de Riomaior, do concello pontevedrés de Vilaboa e o CPR Plurilingüe de Santo Domingo da Coruña.

 

O alumnado de 5º e 6º de primaria do centro pontevedrés realizou un proxecto denominado Coa Cooperativa Riomaior a publicidade irá mellor, que se desenvolveu no marco da cooperativa creada polo alumnado do centro para coñecer o funcionamento deste tipo de sociedades.

 

Entre as distintas actividades realizadas polo alumnado destacan a creación do logo e o slogan da cooperativa e a elaboración da campaña de marketing publicitario; a promoción do camiño de Santiago ao seu paso por Vilaboa ou o fomento da reciclaxe e da compostaxe como unha forma de coidar o medio ambiente.

 

Para levar a cabo este proxecto os rapaces e rapazas analizaron as distintas técnicas publicitarias e visualizaron populares anuncios televisivos de diferentes épocas, entrevistando aos seus pais e avós, para estudar deste xeito a influencia da publicidade sobre as decisións de consumo da poboación e como foron evolucionando as técnicas publicitarias na última metade do século.

 

Por outra banda, o proxecto do CPR Plurilingüe Santo Domingo da Coruña leva por título Consumindo boa publicidade e publicitando o bo consumo e nel participou todo o centro, de xeito que foron os propios alumnos e alumnas os encargados de crear a publicidade da que eles mesmos ían ser destinatarios, para posteriormente analizar as campañas publicitarias creadas polos seus compañeiros.

 

Nunha primeira etapa do proxecto cada grupo de alumnos e alumnas  analizaron diferentes materiais publicitarios para, nunha segunda etapa, crear campañas publicitarias destinadas a outros grupos, de xeito que os rapaces e rapazas traballaran respectivamente as boas prácticas publicitarias asumindo os roles de publicistas e consumidores. Entre as temáticas das campañas destacan a promoción de hábitos de vida saudables ou a adopción de prácticas de consumo responsable no comercio electrónico ou o impacto das relacións de xénero no consumo.

 

Estes proxectos realizáronse no marco do Programa Galicons-net, incluído dentro do Plan Proxecta, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, neste caso en colaboración co Instituto Galego do Consumo e da Competencia, para promover o traballo por proxectos e a educación en valores nos centros educativos. Dentro do Programa Galicons-net, os centros poden realizar un proxecto sobre unha destas catro grandes temáticas relacionadas co consumo responsable: o consumo e o xénero; a linguaxe publicitaria; o comercio electrónico e os servizos financeiros.

 

Na convocatoria dos premios para este ano establécense tres categorías de participación: Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria; Categoría B: alumando de educación secundaria obrigatoria, e Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas. O mellor proxecto en cada unha das categorías recibirá un premio en metálico de 1.500 euros. Ademais, a persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

 

Os centros interesados poden solicitar a súa inscrición no Programa Galicons-net a través aplicación do Plan Proxecta ou ben contactando directamente co Instituto Galego do Consumo e da Competencia no correo electrónico igc.escuela@xunta.gal ou no teléfono 881 999 091.

 

 

SAÚDOS,

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

Temática:
Outros