O Instituto Galego de Consumo intensifica os controis para asegurar que os produtos que están á venda non presentan riscos
Ademais de incrementar as inspeccións, analízanse no Laboratorio de Consumo artigos de entroido destinados aos máis pequenos
Desde o IGC recoméndase facer un consumo responsable ao mercar este tipo de vestimentas como medida de prevención de accidentes
Esta iniciativa permitiu detectar o ano pasado 12 produtos inseguros, que foron comunicados á Rede de Alerta Nacional para a súa retirada do mercado
A Coruña, 10 de Febreiro de 2015.-

A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, ten en marcha un ano máis unha campaña específica de información e control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e máscaras cuxa venda se intensifica durante a tempada de entroido. Tal e como explicou esta mañá en rolda de prensa a directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez Abeal, nas últimas semanas intensificáronse as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio de Consumo de Galicia. A iniciativa céntrase nos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está a analizar unha primeira partida de vinte mostras, entre as que se inclúen disfraces, máscaras, antefaces, perrucas e barbas. Sempre que se detecta que algún destes produtos presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro. Tal e como se sinalou na rolda de prensa, na que tamén participaron a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz, e a directora do Laboratorio de Consumo de Galicia, Natalia Crespo, como resultado das actuacións centradas en produtos de entroido que o Instituto Galego de Consumo levou a cabo o ano pasado comunicáronse á Rede de alerta nacional 12 produtos que non cumprían cos requisitos de seguridade establecidos na normativa, tras analizar un total de 22 mostras. Ademais, ao longo de 2014 a Inspección de Consumo procedeu a retirar do mercado máis de 154 unidades de disfraces, máscaras ou perrucas, como resultado de todas as alertas producidas a nivel nacional. Consellos para a compra de disfraces A campaña que está a desenvolver o Instituto Galego de Consumo tamén inclúe accións de formación e información, con xornadas destinadas a centros de ensino e diferentes colectivos, e distribuíndo a través da súa páxina web e nas oficinas de información ao consumidor e asociacións de consumidores e usuarios consellos e recomendacións. Así, desde o IGC recoméndase facer un consumo responsable ao mercar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van destinados aos máis pequenos. Desde o Instituto recórdase que os disfraces para menores teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiquetaxe a marca CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias na súa utilización, así como o nome e marca do produto, razón social e enderezo do fabricante ou importador. Recoméndase gardar tanto a etiqueta como a factura, necesaria para realizar calquera reclamación posterior. Os disfraces dos menores de 7 anos non deben ter compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia (cordóns demasiado longos ou botóns que se podan desprender con facilidade). Tampouco se permiten cordóns ou fitas que colguen por debaixo das dobras inferiores da peza. Por outra banda, recoméndase elixir materiais non inflamables, e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter os nenos afastados de calquera fonte de calor intensa. Os traxes que non sexan axeitados para nenos menores de tres anos deberán indicalo explicitamente a través dunha advertencia, na que se explique o risco específico que motiva a exclusión. No tocante ás máscaras, hase de comprobar que os orificios son suficientes para permitir unha axeitada ventilación. Con respecto á maquillaxe, deberá ser axeitada para a pel dos nenos, e deberá probarse antes nunha zona da man ou do brazo.

Temática:
Compras
ProdutosCosméticos
ProdutosTéxtil, calzado e complementos
ProdutosXoguetes