A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, entregou esta tarde o recoñecemento aos integrantes do grupo formado por 6 rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos
O vídeo gañador. elaborado como traballo final dunha xincana sobre alternativas de lecer responsable que se celebrou no marco dos campamentos de verán da localidade, foi o máis votado en Facebook
Máis de 2.400 persoas participaron durante os meses de xullo e agosto no conxunto de actividades de Lecer Consumo, que chegou a 25 concellos galegos
Boqueixón (A Coruña), 27 de Setembro de 2017.-

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, entregou esta tarde o recoñecemento ao equipo gañador do concurso de vídeos do programa de actividades Lecer Consumo, que na súa quinta edición recaeu en estudantes do concello coruñés de Boqueixón.

 

Como cada verán desde hai cinco anos, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través da Escola Galega do Consumo, promove alternativas de lecer saudable entre a poboación máis nova a través deste programa. Unha das actividades que se propoñían dentro de Lecer Consumo, co que se busca aproximar á poboación os valores do consumo responsable a través do ocio estival, e no que este ano participaron máis de 2.400 persoas, chegando a 25 concellos galegos, era a xincana Actívate no verán, ao remate da cal os participantes gravaban un vídeo por grupos.

 

Nestes vídeos, que foron publicados no Facebook da Escola Galega do Consumo, os participantes debían deseñar un plan para realizar na súa vila ou cidade, promovendo os espazos naturais da súa contorna e actividades de lecer ao aire libre, propoñendo unha xornada que inclúa alternativas de lecer que puidesen levar a cabo no seu concello.

 

O vídeo do equipo premiado, formado por 6 rapaces e rapazas de Boqueixón de entre 8 e 12 anos, e que leva por título “Planazo en Boqueixón, o concello de Boqueixón é o máis molón”, foi o máis votado dos 45 vídeos que se presentaron.

 

O programa Lecer Consumo, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, celebrou a súa edición este verán baixo o lema Actívate co lecer, e centrouse nas temáticas de publicidade, comercio xusto ou dieta equilibrada. As actividades desenvolvéronse dentro dos campamentos urbanos e outras iniciativas impulsadas por diversos concellos e entidades para os meses de xullo e agosto.

 

Esta iniciativa está dirixida ao conxunto da poboación galega, adaptando a súa oferta ás necesidades de cada colectivo participante tendo en conta criterios de idade. Ademais da xincana Actívate no verán, para rapaces de 8 a 12 anos, este verán tamén se propoñía para nenos e nenas de 3 a 7 anos un obradoiro en torno ás alternativas de ocio que non respondan só ao lecer como produto de consumo, coa proposta de A maxia do lecer, que incluía a narración dun conto e a creación dun xoguete.

 

Os participantes maiores de 13 anos puideron coñecer criterios de seguridade nas diferentes formas de viaxar, a compra de viaxes por internet, así como os dereitos que teñen os consumidores do tempo de lecer a través do obradoiro De oca a oca, os dereitos non se tocan. Tamén se propoñía a charla Educando nun lecer responsable sobre os riscos do sedentarismo, o consumismo ou o uso abusivo das novas tecnoloxías, destinada ao público adulto. 

Temática:
Outros