A directora xeral de Consumo, Sol Vázquez, visitou o centro coruñés, gañador do Programa Galicons-net cunha iniciativa centrada na linguaxe publicitaria
Este certame de innovación educativa impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria ten aberta á presentación de solicitudes a convocatoria para este ano
Santiago de Compostela, 19 de Outubro de 2017.-

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou esta mañá o Colexio Santo Domingo FESD da Coruña, gañador do programa Galicons-net na categoría para alumnado de educación secundaria obrigatoria por un proxecto de innovación educativa centrado na linguaxe publicitaria.

O traballo leva por título Consumindo boa publicidade e publicitando o bo consumo e foron os propios alumnos e alumnas os encargados de crear a publicidade da que eles mesmos ían ser destinatarios, para posteriormente analizar as campañas publicitarias creadas polos seus compañeiros.

A iniciativa realizouse no marco do Programa Galicons-net, impulsado polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia dentro do Plan Proxecta, que coordina a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para promover o traballo por proxectos e a educación en valores nos centros educativos. Dentro do Programa Galicons-net, os centros poden realizar un proxecto sobre unha destas catro grandes temáticas relacionadas co consumo responsable: o consumo e o xénero; a linguaxe publicitaria; o comercio electrónico e os servizos financeiros.

Na convocatoria dos premios para este ano, á cal se poden presentar solicitudes ata o vindeiro 30 de xuño, establécense tres categorías de participación: Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria; Categoría B: alumando de educación secundaria obrigatoria, e Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas. O mellor proxecto en cada unha das categorías recibirá un premio en metálico de 1.500 euros.

Ademais, a persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante. Os centros interesados poden solicitar a súa inscrición no Programa Galicons-net a través aplicación do Plan Proxecta ou ben contactando directamente co Instituto Galego do Consumo e da Competencia no correo electrónico igc.escuela@xunta.gal ou no teléfono 881 999 091.

Temática:
Outros