Intensifícanse os controis para asegurar que os produtos que están á venda non presentan riscos, incrementando as inspeccións e analizando no Laboratorio de Consumo artigos de Entroido destinados aos máis pequenos
Esta iniciativa permitiu detectar o ano pasado 11 produtos inseguros, que foron comunicados á Rede de Alerta Nacional para a súa retirada do mercado
Tamén están programadas diferentes actividades formativas organizadas pola Escola Galega de Consumo
Desde o IGC recoméndase facer un consumo responsable ao mercar este tipo de produtos como medida de prevención de accidentes
Santiago, 2 de Febreiro de 2016.-

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, ten en marcha un ano máis unha campaña específica de información e control destinada a garantir a seguridade nas compras de produtos como disfraces e máscaras, cuxa venda se intensifica durante a tempada de Entroido.

Así, nas últimas semanas intensificáronse as inspeccións nos establecementos para comprobar que os artigos que están á venda non presentan ningún risco e cumpren coa normativa, ademais de tomar mostras de produtos para a súa análise no Laboratorio de Consumo de Galicia. A iniciativa céntrase nos artigos destinados aos nenos, por ser o colectivo máis vulnerable, e nestes momentos xa se está a analizar unha primeira partida de vinte mostras, entre as que se inclúen disfraces, máscaras, antefaces, perrucas e barbas.

Sempre que se detecta que algún destes produtos presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

Como resultado da campaña de Entroido que o Instituto Galego de Consumo levou a cabo o ano pasado comunicáronse á Rede de alerta nacional 11 produtos que non cumprían cos requisitos de seguridade establecidos na normativa, tras analizar un total de 21 mostras. Ademais, ao longo de 2015 a Inspección de Consumo procedeu a retirar do mercado máis de 220 unidades de disfraces e artigos de broma.

Consellos para a compra de disfraces

A campaña que está a desenvolver o Instituto Galego de Consumo tamén inclúe accións de formación e información, que desenvolve ao longo desta semana a Escola Galega de Consumo. Estas actividades teñen por obxectivo analizar os potenciais riscos de disfraces, máscaras, perrucas e pinturas faciais, entre outros, para que o alumnado aprenda a identificar cales destes produtos son realmente seguros.

Desde o IGC recoméndase facer un consumo responsable ao mercar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van destinados aos máis pequenos. Desde o Instituto recórdase que os disfraces para menores teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiquetaxe a marca CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias na súa utilización, así como o nome e marca do produto, razón social e enderezo do fabricante ou importador. Recoméndase gardar tanto a etiqueta como a factura, necesaria para realizar calquera reclamación posterior.

Os disfraces dos menores de 7 anos non deben ter compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia (cordóns demasiado longos ou botóns que se poidan desprender con facilidade). Tampouco se permiten cordóns ou fitas que colguen por debaixo das dobras inferiores da peza. Por outra banda, recoméndase elixir materiais non inflamables, e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter os nenos afastados de calquera fonte de calor intensa.

Os traxes que non sexan axeitados para menores de tres anos deberán indicalo explicitamente a través dunha advertencia, na que se explique o risco específico que motiva a exclusión. No tocante ás máscaras, hase de comprobar que os orificios son suficientes para permitir unha axeitada ventilación. Con respecto á maquillaxe, deberá ser axeitada para a pel dos nenos, e deberá probarse antes nunha zona da man ou do brazo. 

Temática:
Compras
ProdutosXoguetes