 Galicia ostenta a representación das comunidades autónomas ata o 31 de decembro de 2017
 Na reunión acordáronse dúas importantes modificacións da Directiva de Seguridade de Xoguetes, que veñen a incrementar a seguridade nestes produtos
Santiago de Comspotela, 23 de Novembro de 2016.-

María Jesús Muñoz Chesa, Xerente do Instituto Galego de Consumo asistiu, como representante autonómica, ao Comité dá Comisión Europea de Seguridade de Xoguetes celebrado o pasado 14 de novembro en Bruxelas. A representación autonómica recibiu tamén a invitación para participar no Grupo de Expertos en Seguridade de Xoguetes que se celebrou o mesmo día e ao que tamén asistiu Natalia Crespo González, Directora do Laboratorio de Consumo de Galicia, centro especializado na realización de ensaios de seguridade de xoguetes, dependente do Instituto Galego de Consumo.

Galicia ostenta a representación do resto das CCAA neste Comité da Comisión Europea ata o 31 de decembro de 2017, e o obxectivo desta participación é crear un foro de debate que permita establecer un diálogo entre a Comisión e as diferentes administracións nacionais con competencias executivas antes de adoptar as medidas normativas.

Neste sentido, na reunión do pasado 14 de novembro acordáronse dúas importantes modificacións da Directiva de Seguridade de Xoguetes, que veñen a incrementar a seguridade nestes produtos destinado a un dos grupos de consumidores máis vulnerables: os nenos.

As modificacións aprobadas teñen que ver coa diminución dos límites para varios produtos químicos que poden estar presentes nos xoguetes, endurecendo a normativa, no sentido de limitar a presenza daqueles materiais ou compostos que poden presentar algún risco para a saúde.

Nos últimos anos, a normativa sobre seguridade de xoguetes vense centrando na composición dos xoguetes e introducindo límites cada vez máis esixentes para determinados produtos e compostos químicos ao ritmo dos avances científicos da comunidade internacional. Neste sentido, o grupo de expertos que asesora á Comisión, e no que tamén participou Galicia nesta ocasión, estudan e analizan estes avances para propoñer ao Comité as medidas máis adecuadas para garantir a seguridade dos xoguetes.

Temática:
ProdutosXoguetes