Son catro sesións informativas, que se emitirán por videoconferencia a vinte concellos con aula CeMIT os primeiros luns de cada mes desde o 7 de marzo
A asistencia é de balde, previa inscrición na web da rede CeMIT
Santiago, 27 de Febreiro de 2016.-

O Instituto Galego de Consumo, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon en marcha en marzo un ciclo de charlas informativas dentro do programa CORES de Educación para o Consumo Responsable, que se retransmitirán por videoconferencia en vinte aulas da rede CeMIT, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Son catro sesións que comezarán o luns 7 de marzo e se celebrarán os primeiros luns de cada mes ata xuño. Cunha duración aproximada de hora e media están orientadas ao público en xeral e abordarán temas de actualidade como a resolución de conflitos de consumo, a linguaxe publicitaria, a etiquetaxe dos alimentos ou o consumo responsable e o comercio xusto

Para facilitar a divulgación desta iniciativa e chegar ao maior número de persoas interesadas, estas actividades emitiranse desde a Escola Galega de Consumo a vinte localidades de Galicia que contan con aula da rede CeMIT a través do sistema de videoconferencia en sesións de mañá e tarde.*

O único requisito para poder asistir a estas charlas gratuítas e abertas ao público en xeral é ser usuario/a da rede CeMIT e solicitar praza na localidade de interese, estando aberta a inscrición nas mesmas na web http://cemit.xunta.gal.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Consulta aquí as localidades e os horarios das actividades

Temática:
Compras
Subministros