Son nove sesións informativas, que se emitirán por videoconferencia a concellos con aula CeMIT os primeiros luns de cada mes desde o 2 outubro e ata o 4 de xuño
A asistencia é de balde, previa inscrición na web da rede CeMIT
Santiago de Compostela, 25 de Setembro de 2017.-

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través da Escola Galega do Consumo, pon en marcha en outubro a iniciativa “Educación para o consumo responsable CORES”, un ciclo de charlas informativas, que se retransmitirán por videoconferencia en aulas da rede CeMIT, dependente da  Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

 

Son  nove sesións, que comezarán o luns 2 de outubro e se celebrarán os primeiros luns de cada mes ata o mes de xuño. Cunha duración aproximada de hora e media están orientadas ao público en xeral e abordarán temas de actualidade que nos afectan en gran medida como consumidores habituais: a resolución de conflitos de consumo, a factura da luz ou do gas, a telefonía móbil, os dereitos nos talleres de reparación de vehículos, a contratación de viaxes,  a etiquetaxe dos alimentos ou o consumo responsable e todo o relacionado co aluguer e a vivenda.

 

Para facilitar a divulgación desta iniciativa e chegar ao maior número de persoas interesadas, estas actividades emitiranse desde a Escola Galega do Consumo a diversas localidades de Galicia que contan con aula da rede CeMIT a través do sistema de videoconferencia, en sesións de mañá ás 11:00 horas.

 

O único requisito para poder asistir a estas charlas gratuítas e abertas ao público en xeral é ser usuario da rede CeMIT e solicitar praza na localidade de interese, que se poderá realizar ben presencialmente co responsable da aula da nosa localidade ou a través da web http://cemit.xunta.gal

 

     *Calendario de actividades

 

2 de outubro

Consumo responsable

6 de novembro

Resolución de conflitos

4 de decembro

Dálle luz a túa factura

8 de xaneiro

Telefonía móbil

5 de febreiro

Etiquetado

5 de marzo

Talleres de reparación de vehículos

9 de abril

Aluguer e vivenda

7 de maio

A factura do gas

4 de xuño

A contratación de viaxes

 

 

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

 

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia é o organismo autónomo adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria que ten atribuídas as competencias en materia de defensa das persoas consumidoras e usuarias na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Dentro do Instituto, a Escola Galega do Consumo realiza de xeito permanente ao longo de todo ano diversas actividades educativas, formativas e divulgativas en materia de consumo responsable, dirixidas a todos os sectores da poboación.  

Temática:
Outros