 Técnicos do organismo dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria participaron nunha charla da Semana da Saúde do instituto coruñés
 No encontro prestouse especial atención aos procedementos de acreditación de calidade que realiza o laboratorio situado na Grela, ademais da avaliación de riscos dos produtos non conformes coa normativa de seguridade
 Galicia é líder no control de produtos perigosos estando cada ano entre as comunidades que máis alertas comunican á Rede Nacional
A Coruña, 16 de Febreiro de 2017.-

Técnicos do Laboratorio de Consumo de Galicia, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, achegaron onte ao estudantado do CIFP Ánxel Casal de Monte Alto (A Coruña) o labor que realiza este organismo tanto na avaliación de riscos dos produtos non conformes coa normativa de seguridade como na acreditación da calidade.

 

A charla desenvolveuse no marco da Semana da Saúde que está a celebrar o instituto coruñés, na que convidaron a participar ao Laboratorio logo dunha visita a este centro situado no Polígono da Grela para coñecer de preto o traballo que desenvolve.

 

Natalia Crespo, directora do Laboratorio que forma parte do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, e o técnico responsable de calidade do organismo foron os encargados de trasladar aos alumnos tanto os procedementos para manter os elevados estándares de calidade que precisa un laboratorio destas características como os centrados na avaliación de riscos que permiten determinar se un produto debe ser retirado do mercado e comunicalo á rede de alerta nacional.

 

Esta actividade enmárcase no plan de formación e divulgación que cada ano realiza o Laboratorio de Consumo, e que conta con outra actividades programadas como son a visita ás súas instalacións de alumnos da UDC, ou o obradoiro de Consumo para alumnos da ESO.

 

Grazas ao traballo do Laboratorio de Consumo, en coordinación coa Inspección, Galicia é líder no control de produtos perigosos, estando cada ano entre as comunidades que máis alertas comunican á Rede Nacional.

 

GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

Temática:
Outros