O alumnado de 5º e 6º de primaria deste colexio desenvolveu un proxecto denominado ‘Coa Cooperativa Riomaior a publicidade irá mellor’
Santiago de Compostela, 19 de Outubro de 2017.-

Vilaboa (Pontevedra), 19 de outubro de 2017.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe de Riomaior, no concello pontevedrés de Vilaboa, premiado no programa de consumo responsable Galicons-net cun proxecto sobre linguaxe publicitaria.

O alumnado de 5º e 6º de primaria deste centro realizou un traballo denominado Coa Cooperativa Riomaior a publicidade irá mellor, que se desenvolveu no marco da cooperativa creada polo alumnado do centro para coñecer o funcionamento deste tipo de sociedades.

Entre as distintas actividades realizadas polo alumnado destacan a creación do logo e o slogan da cooperativa e a elaboración da campaña de marketing publicitario; a promoción do camiño de Santiago ao seu paso por Vilaboa ou o fomento da reciclaxe e da compostaxe como unha forma de coidar o medio ambiente.

Para levar a cabo este proxecto os rapaces e rapazas analizaron as distintas técnicas publicitarias e visualizaron populares anuncios televisivos de diferentes épocas, entrevistando aos seus pais e avós, para estudar deste xeito a influencia da publicidade sobre as decisións de consumo da poboación e como foron evolucionando as técnicas publicitarias na última metade do século.

O traballo realizouse no marco do Programa Galicons-net, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia. Neste programa, os centros poden realizar un proxecto sobre unha destas catro grandes temáticas relacionadas co consumo responsable: o consumo e o xénero; a linguaxe publicitaria; o comercio electrónico e os servizos financeiros. Galicons-net inclúese dentro do Plan Proxecta, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para promover o traballo por proxectos e a educación en valores nos centros educativos.

Na convocatoria dos premios para este ano, aberta á presentación de solicitudes ata o 30 de xuño, establécense tres categorías de participación: Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria; Categoría B: alumando de educación secundaria obrigatoria, e Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e de grao superior e formación profesional e de educación de persoas adultas. O mellor proxecto en cada unha das categorías recibirá un premio en metálico de 1.500 euros. Ademais, a persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria unha certificación de 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

Os centros interesados poden solicitar a súa inscrición no Programa Galicons-net a través aplicación do Plan Proxecta ou ben contactando directamente co Instituto Galego do Consumo e da Competencia no correo electrónico igc.escuela@xunta.gal ou no teléfono 881 999 091.

Temática:
Outros