O 21 de decembro de 2016, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, modifica o criterio establecido polo Tribunal Supremo respecto aos efectos retroactivos da incorporación de cláusulas chan nos créditos hipotecarios. É dicir, pronúnciase a favor da retroactividade dos efectos das cláusulas chan que foron, á súa vez, declaradas nulas nun anterior pronunciamento por falla de transparencia.

Que son as cláusulas chan?

Trátase dun tipo de cláusulas establecidas nos contratos de préstamo hipotecario a interese variable (fundamentalmente Euribor), que prevén que, aínda que o tipo de interese baixe por baixo dun determinado limiar (“chan”), que se establece no propio contrato, a persoa consumidora seguirá aboando o correspondente a ese limiar e non á oportuna cantidade en virtude da baixada do interese variable.

Que establecía a Sentenza ditada no seu día polo Tribunal Supremo?

O 9 de maio de 2013, o Tribunal Supremo ditou Sentenza que consideraba nulas por abusividade as cláusulas chan postas polas entidades financeiras en casos de falla de transparencia na información ofrecida ás persoas consumidoras.

Non obstante, o Tribunal Supremo establecía a irretroactividade das consecuencias da nulidade das cláusulas chan (limitándoas a os efectos posteriores ao 9 de maio de 2013). Polo que as persoas consumidoras, pese a ser nulas as cláusulas chan non podían reclamar o indebidamente abonado pola aplicación en concepto de cláusula chan desde a firma dos contratos ata a data anteriormente mencionada.

Como se pronuncia agora o Tribunal de Xustiza da Unión Europea?

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea analiza a Sentenza do Tribunal Supremo e modifica o criterio desta en canto á irretroactividade dos efectos das cláusulas chan declaradas nulas. Por iso, os consumidores teñen dereito á devolución das cantidades indebidamente cobradas sen que poida aplicarse a limitación establecida polo Tribunal Supremo respecto ás cantidades cobradas antes do 9 de maio de 2013. Con isto o que se busca é o restablecemento da situación na que se atoparían as persoas consumidoras de non existir a cláusula chan nulas.

Ónde podo informarme?

En calquera das oficinas do Instituto Galego de Consumo, a través do teléfono gratuíto 900 23 11 23, ou en calquera das OMICs o das Asociacións de consumidores e usuarios de Galicia.

A continuación inclúense uns enlaces de interese, entre os que se atopa un protocolo de actuación, asÍ como un formulario de reclamación .