Dúas comunicacións científicas do LCG foron presentadas no congreso internacional sobre exercicios de intercomparación.

O 9th Workshop on Proficiency Testing in Analytical Chemistry, Microbiology and Laboratory Medicine, foro internacional organizado por EURACHEM, desenvolveuse entre o 9 e o 12 de outubro na cidade de Portoroz, en Eslovenia; evento no que participaron 250 delegados de 52 países.

O Comité Científico da entidade organizadora EURACHEM, rede de organizacións europeas cuxo obxectivo é harmonizar a trazabilidade dos ensaios químicos e a promoción das boas prácticas no control da calidade dos laboratorios de ensaio, valorou moi positivamente os traballos desenvolvidos polo Laboratorio de Consumo de Galicia.

A comunicación científica titulada Preparation of items for a Proficiency Testing Scheme of textiles recibiu o segundo premio no concurso celebrado neste foro. Este traballo foi desenvolvido coa colaboración do Departamento de Química da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC) así como coa colaboración do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA). Nesta comunicación sintetizáronse os estudos levados a cabo utilizando técnicas como a Microscopía Electrónica de Varrido ou a Espectroscopia Infravermella na identificación de fibras, e presentouse o exercicio de intercomparación organizado polo LCG no campo dos produtos téxtiles, no que participaron 25 laboratorios de 12 países. Por outra banda, aplicáronse os métodos de ensaio descritos nas normas técnicas internacionais da serie ISO 1833, normas que se están a harmonizar no Comité Europeo de Normalización CEN do TC248 WG30, do que o LCG forma parte.

A segunda comunicación presentada polo LCG, tras a deliberación presentada polo Comité Científico sobre 57 estudos de 20 países, quedouse ás portas de recibir o terceiro premio do concurso. O traballo Design of proficiency test items by 3D printing technology é un traballo novidoso, que versa sobre o deseño e produción de ítems para intercomparación no campo dos xoguetes.

A colaboración coa Universidade, a participación en Comités de Normalización Europeos para o desenvolvemento das metodoloxías a aplicar nos laboratorios de ensaio para a aplicación das regulamentacións da Comisión, así como, a comunicación das actividades desenvolvidas en foros internacionais, é clave para que o LCG sexa laboratorio de referencia no campo do consumo.

Os recoñecementos recibidos do Comité Científico, no Congreso do EURACHEM, dan validez á competencia técnica do LCG e consolida o seu traballo ao servizo das persoas consumidoras.