No caso de sufrir danos por causa dun incendio, é preciso analizar se estes danos poden ser reembolsados no caso de ter contratada unha póliza de seguros.

O risco de incendio é un dos máis habituais cando se contrata un seguro do fogar ou da comunidade de propietarios, por exemplo, pero é preciso revisar a póliza porque as coberturas poden variar.

Para calquera dúbida ou consulta pode dirixirse ao teléfono gratuíto de información ao consumidor  do Instituto Galego do Consumo e da Competencia 900 23 11 23 ou a calquera das súas oficinas (https://consumo.xunta.gal/gl/igc/directorio). 

 

1. RISCOS E DANOS CUBERTOS

Riscos

Con carácter xeral, no seguro contra incendios a compañía aseguradora obrígase a indemnizar os danos producidos polo incendio no obxecto asegurado (por exemplo, na vivenda, nos mobles...), cos límites establecidos na Lei e no propio contrato.

Para estes efectos, considérase incendio a combustión e o abrasamento con chama, capaz de propagarse, dun obxecto ou obxectos que non estaban destinados a ser queimados no lugar e momento en que se produce.

En que casos o seguro se fai cargo do sinistro?

A aseguradora estará obrigada a indemnizar os danos producidos polo incendio cando este se orixinara por caso fortuíto, por malquerencia de estraños, por neglixencia propia ou das persoas de quen se responda civilmente.

A aseguradora non estará obrigada a indemnizar os danos provocados polo incendio cando este se orixinara por dolo ou culpa grave do asegurado.

Danos cubertos

A aseguradora indemnizará todos os danos e perdas materiais causados pola acción directa do lume, así como os producidos polas consecuencias inevitables do incendio e en particular:

1 Os danos que ocasionen as medidas necesarias adoptadas pola autoridade ou o asegurado para impedir, cortar ou extinguir o incendio, con exclusión dos gastos que ocasione a aplicación de tales medidas, salvo pacto en contrario.

2 Os gastos que lle ocasione ao asegurado o transporte dos efectos asegurados ou calquera outras medidas adoptadas co fin de salvalos do incendio.

3 Os menoscabos que sufran os obxectos salvados polas circunstancias descritas nos dous números anteriores.

4 O valor dos obxectos desaparecidos, sempre que o asegurado acredite a súa preexistencia, e salvo que o asegurador probe que foron roubados ou furtados.

5 Calquera outros que se consignen na póliza.

 

2. OBXECTOS INCLUIDOS NA PÓLIZA

O seguro só cubrirá os obxectos descritos na póliza, por iso é preciso revisar a póliza. É importante ter en conta se o seguro cubre só o continente ou cubre tamén o contido. Ademais, tamén hai que revisar o límite de cobertura.

No caso do seguro sobre o mobiliario, a cobertura incluirá os danos causados polo incendio nas cousas de uso ordinario.

Con carácter xeral, non quedan cubertos os danos que cause o incendio nos valores mobiliarios, efectos de comercio, billetes, pedras e metais preciosos, obxectos artísticos ou calquera outros obxectos de valor que se acharen no obxecto asegurado, aínda cando se probe a súa preexistencia e a súa destrución ou deterioración polo sinistro. Esta cobertura debe contratarse de xeito expreso.

 

3. ACREDITACIÓN DOS DANOS

Sempre que sexa posible, débense gardar os restos dos bens danados polo incendio, isto facilitará a súa identificación.

Se non fora posible conservar os bens danados, a súa identificación pode facerse achegando a correspondente documentación xustificativa.

 

4. COMUNICACIÓN DO SINISTRO Á ASEGURADORA

Con carácter xeral, no prazo máximo de 7 días, deberá comunicarse o sinistro á aseguradora.

É importante consultar a póliza, porque nela pode fixarse un prazo máis amplo.

No prazo de 5 días, a partir da primeira comunicación do sinistro á aseguradora, deberán comunicarse por escrito á aseguradora os seguintes datos:

-  A relación dos obxectos existentes no momento de producirse o sinistro

-  A relación dos obxectos que se salvaron

-  A estimación dos danos que se produciron

É o asegurado quen debe probar ante a aseguradora a existencia dos obxectos e o seu estado antes do sinistro.

Como medio de proba pode achegarse fotografías, escrituras, inventarios de bens, etc. Ademais, tamén pode servir como proba a relación dos bens asegurados que se inclúa dentro da propia póliza.

 

5. PAGO DA INDEMNIZACIÓN

A aseguradora deberá pagar a indemnización ao concluír as investigacións e as peritaxes.

En todo caso, no prazo de 40 días, a partir da comunicación do sinistro, a aseguradora deberá pagar a indemnización acordada.

Poderá substituírse o pago da indemnización pola reparación ou a reposición do obxecto sinistrado, sempre que exista acordo entre ambas as partes.

 

6. RECLAMACIÓNS

No caso de que a aseguradora non abone a indemnización acordada no prazo de 40 días, ou se a aseguradora non quere facerse cargo das coberturas contratadas, pode dirixirse unha reclamación ante o servizo de atención ao cliente da compañía.

Se a compañía non contestara a reclamación ou se a resposta fose desfavorable, pode acudirse ao Defensor do cliente do asegurado.

Cando a reclamación non fose atendida de forma favorable ou, transcorrido o prazo de 2 meses sen resposta, pode acudirse á Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións. (www.dgsfp.mineco.es/direcciongeneral/index.asp).