Que é un produto alimenticio envasado?

É a unidade de venda que se che presenta, formada por un produto alimenticio e o envase no que fora acondicionado antes de ser posto á venda. Dito envase pode recubrir o produto por enteiro ou só parcialmente pero, en ningún caso, debe poder modificarse o contido sen abrir ou modificar dito envase.

Como deben ir etiquetados?

Os produtos envasados deben indicar:

  • A denominación de venda do produto.
  • A lista de ingredientes. Esta non será necesaria, entre outros casos, cando o produto se atope constituído por un só ingrediente e a denominación de venda sexa idéntica ao nome do ingrediente.
  • A cantidade de determinados ingredientes ou categoría de ingredientes.
  • A cantidade neta. Esta expresarase en unidades de volume (para os produtos líquidos) ou en unidades de masa (para os demais produtos).
  • A data de duración mínima ou a data de caducidade. A data de duración mínima expresarase do seguinte modo: “consumir preferentemente antes do…” ou “consumir preferentemente antes do fin de… ”
  • As condicións especiais de conservación e de utilización.
  • O modo de emprego, cando a súa indicación sexa necesaria para facer un uso adecuado do produto alimenticio.
  • Identificación da empresa.
  • Con referencia establecida dentro da Unión Europea e, en todo caso, o seu domicilio.
  • O lote, que é o conxunto de unidades de venda dun produto alimenticio producido, fabricado ou envasado en circunstancias practicamente idénticas
  • O lugar de orixe ou de procedencia.

Non obstante, os datos presentes no etiquetado dos alimentos envasados poderán sufrir variacións dependendo do tipo de produto. A maiores, poderán indicar outros datos, sempre que non contradigan os anteriormente citados. Tamén poderá recollerse información nutricional no envase dos produtos alimenticios envasados.

En canto aos envases pequenos (aqueles cuxa superficie sexa inferior a 10 cm2), o etiquetado dos mesmos deberá indicar, como mínimo, a denominación do produto, a cantidade neta e o produto alimenticio envasado.

En todo caso, as indicación obrigatorias deberán ser facilmente comprensibles, reflectíndose nun lugar destacado, de forma que sexan visibles e poidan lerse con claridade.

Consideracións específicas para o aceite de oliva e a comida preparada

O ACEITE DE OLIVA non pode adquirirse a granel, debe estar envasado, etiquetado correctamente e precintado.

A comercialización e etiquetado deste alimento está suxeita a unha normativa específica, a cal distingue entre: aceite de oliva, aceite de oliva virxe e aceite de oliva virxe extra. Estes aceites non poderán presentarse en envases con volume superior a 5 litros, límite máximo que poderá excederse cando vaia destinado a hospitais, comedores ou establecementos do sector da hostalería.

Dependendo da categoría do aceite, variará a información que debe reflectirse no etiquetado; así, por exemplo, no caso dos aceites de oliva virxe ou virxe extra deberá indicarse a orixe dos mesmos.

A comida preparada

A COMIDA PREPARADA é toda elaboración culinaria resultado da preparación en cru ou do cociñado ou do precociñado, dun ou varios produtos alimenticios de orixe animal ou vexetal, con ou sen adición de outras substancias autorizadas e, no seu caso, condimentada. A comida preparada poderá presentarse envasada ou non e disposta para o seu consumo, ben directamente ou ben tras un quentamento ou tratamento culinario adicional. 

As comidas preparadas que non sexan consumidas no propio establecemento no que se elaboren, serán envasadas adecuadamente (con cerre hermético ou non, dependendo do procedemento de conservación utilizado e do proceso de distribución). 

Temática:
ProdutosAlimentación