Que son os alimentos frescos?

Son alimentos frescos e por tanto, perecedoiros, aqueles que polas súas características naturais conservan as súas calidades aptas para a comercialización e o consumo durante un prazo inferior a 30 días ou que precisan condicións de temperatura regulada, de comercialización e de transporte.

Estes alimentos pódelos adquirir sen envasar ou envasados, se así o solicitas ao vendedor. En ámbolos dous casos, o etiquetado terá que indicar, como mínimo, a denominación de venda e cuantificación do produto ou ingrediente e, nos casos nos que se esixa, deberá indicarse a categoría de calidade, a variedade e a orixe. Cando o alimento sexa envasado nos propios establecementos comerciais e se presenten así, o mesmo día do seu envasado, para a súa venda inmediata en dito establecemento, o etiquetado deberá indicar os datos previstos para os produtos envasados, a excepción do lote.

Como deben ser etiquetados os alimentos frescos?

O etiquetado de CARNE debe incluír, obrigatoriamente, a clase ou o tipo de canle de procedencia e a denominación comercial da peza de que se trate. A carne e demais derivados cárnicos, que producidos por establecementos de comercio ao por menor (como carnicerías), se che presenten envasados para a venda, levarán no etiquetado (ademais do indicado nos produtos envasados), a marca sanitaria e, no caso dos derivados cárnicos, a denominación comercial conforme ás normas de calidade correspondentes a cada tipo de produto, ou ben as denominacións comerciais consagradas polo uso e as clasificacións de calidade tipificadas en ditas normas, facendo especial mención da especie ou especies a partir das que se obtivo a carne e a lista de ingredientes.

Os demais alimentos cárnicos ou derivados que se che presenten sen envasar, deberán ter un cartel ou rótulo próximo ao produto no expositor no que figurará a indicación “elaboración propia”, así como a denominación comercial conforme ás normas de calidade correspondentes a cada tipo de produto, ou ben as denominacións comerciais consagradas polo uso e as clasificacións de calidade tipificadas en ditas normas, facendo especial mención da especie ou especies a partir das que se obtiveron a carne e a lista de ingredientes, nos derivados cárnicos.

A información relativa ao etiquetado da carne poderá ser máis ampla en certos sectores cando rexa normativa que así o prevea (como acontece coa carne de vacún).

Os PRODUTOS PESQUEIROS vivos, frescos, refrixerados ou cocidos, deberán levar no envase e/ou embalaxe correspondente, en lugar visible, unha etiqueta que contemplará en carácteres lexibles e indelebles, como mínimo, a denominación comercial e científica da especie, o método de produción (pesca extractiva ou pescado, pescado en augas doces, criado ou acuicultura ou marisqueo), o nome da zona de captura ou de cría, o peso neto (no caso de estar envasados) e o modo de presentación e/ou tratamento (eviscerado: evs; con cabeza: c/C; sen cabeza: s/c; fileteado: fl; cocido: c; desconxelado ou outros). E tamén debe identificar o primeiro expedidor ou centro de expedición.

O contido do etiquetado que sirve de información na venda a granel, será exposto nos lugares de venda coa etiqueta ou nun cartel, de tal forma que se poidan identificar as características do produto (denominación comercial da especie, o método de produción, o nome da zona de captura ou de cría e o modo de presentación e/ou tratamento).

No etiquetado de estoxos e embalaxes de OVOS debes distinguir os ovos de categoría A (son ovos frescos, destinados aos consumidores). Cando o número de unidades poida verse claramente e contarse facilmente desde o exterior, ou no seu defecto veña indicado no etiquetado, non será obrigatorio indicar a cantidade neta mínima contida no envase. Ademais, os ovos estarán marcados cun díxito que fai referencia á súa orixe ou procedencia.

Os PRODUTOS DE PANADERÍA (ou repostería), coma o pan, que pola súa natureza consúmense normalmente no prazo de 24 horas despois da súa fabricación, non terán que indicar a data de duración mínima (“consumir preferentemente antes del…” o “consumir preferentemente antes del fin de…”).

As FROITAS e as HORTALIZAS FRESCAS non terán que indicar a data de duración mínima (“consumir preferentemente antes del…” o “consumir preferentemente antes del fin de…”) nin a lista de ingredientes.

Cando os produtos sexan envasados polos comerciantes, ou no etiquetado de bolsas e outros envases de materiais plásticos, que permitan a simple vista unha identificación normal do produto e conteñan froitas, hortalizas, tubérculos ou froitos secos, deberán indicar a denominación de venda (acompañada da variedade, a categoría de calidade e o orixe, cando así o esixa a norma de calidade correspondente), a calidade neta e a identificación da empresa.

Recomendacións que debes ter en conta á hora de comprar alimentos frescos

  • Que os produtos (como a carne e o pescado) están baixo condicións de temperatura adecuadas no establecemento onde os adquiras e que se atopen separados dos clientes por un cristal ou vitrina, de modo que non poidan ser alcanzados e sobados polos mesmos sen as medidas de seguridade e hixiene oportunas.
  • Cando se trate de carne picada, que ese proceso se faga diante de ti e comproba, en calquera caso, que a carne ten o marcado sanitario.
  • Que o pescado especifice a súa orixe e, en caso de dúbida, pregunta se este pode comprarse para conxelalo ou xa foi desconxelado.
  • Non compres produtos frescos cando non esteas seguro de que vaian a ser consumidos antes de poñerse en mal estado ou perdan as súas propiedades.

En todo caso, se vas manipular alimentos frescos ou crus, mantén a precaución de conservalos en espazos frescos e en condicións que eviten que poidan deteriorarse antes do tempo e garda importantes medidas de hixiene, sobre todo cos ovos e a carne de polo. Unha vez manipulados, debes desinfectar as zonas que poidan estar en contacto directo cos alimentos crus. En relación á froita, debes lavala ben antes de comela. 

Temática:
ProdutosAlimentación