Cando falamos de bebidas, atoparás especificacións distintas segundo se trate de augas envasadas, bebidas refrescantes e bebidas espirituosas ou alcohólicas. 

Augas envasadas

En canto á auga envasada, debes distinguir entre augas preparadas, augas minerais naturais e augas de manancial.

Teñen a consideración de AUGAS PREPARADAS aquelas que non  proveñen de mananciais e que poden ter calquera tipo de procedencia, estando sometidas a tratamentos fisioquímicos autorizados, necesarios para reunir os niveis de potabilidade esixibles para o consumo humano legalmente establecidos. 

Os recipientes que se utilicen para o envasado deberán dispor dun dispositivo de peche (para evitar a contaminación da auga). Estes poderán ser utilizados de novo pero non poderán ter ningunha rotura, fisura ou defecto que poida alterar a auga ou poñer en perigo a túa saúde. En canto ao etiquetado, este deberá conter a denominación de venda “auga potable preparada” de forma destacada, para que non poida levarte a un erro sobre as características da auga, e os datos e información obrigatoria (xa vistos no epígrafe do etiquetado dos produtos alimenticios envasados) non poderán inscribirse nos tapóns ou outras partes que non se utilicen ao abrir o envase.

Son AUGAS MINERAIS NATURAIS as microbiolóxicamente saudables que teñan o seu orixe nun estrato ou xacemento subterráneo e que broten dun manancial ou poidan ser captadas artificialmente mediante sondaxe, pozo, gabia ou galería (ou a combinación de calquera deles).

E as AUGAS DE MANANCIAL son as de orixe subterráneo que emerxen espontaneamente na superficie da terra ou que se captan mediante labores practicadas ao efecto, coas características naturais de pureza que permiten o seu consumo.

Estas deben estar envasadas en recipientes provistos dun dispositivo de peche hermético, deseñado para evitar calquera falsificación ou contaminación; en todo caso, deberán estar exentos de fisuras, roturas ou defectos que poidan alterar a auga ou presentar perigo para a saúde. Así mesmo, o etiquetado debe incluír o nome do manancial ou captación subterránea e o lugar de explotación, a maiores da que se indica no epígrafe do etiquetado de produtos alimenticios envasados. No caso das augas minerais naturais, deberá incluírse a composición analítica cuantitativa que enumere os seus compoñentes característicos e, de ter unha concentración de flúor superior a 1,5 mg/l, deberá facerse constar dita circunstancia. Estes datos e información obrigatoria non poderán inscribirse nos tapóns ou outras partes que non se utilicen ao abrir o envase.

Bebidas refrescantes

Por outro lado, atopámonos coas bebidas refrescantes, que son bebidas analcohólicas (carbonatadas ou non) preparadas con auga de consumo humano, augas preparadas, auga mineral natural ou de manancial e que conteña un ou máis dos seguintes ingredientes: anhídrido carbónico, azucres, zumes, purés, disgregados de froitas e/ou vexetais, extractos vexetais, vitaminas e minerais, aromas e aditivos autorizados.

O envasado destas bebidas pódese volver a utilizar ou non pero sempre se deberá garantir o cumprimento dos requisitos de seguridade alimentaria.

En canto á información do etiquetado, nas bebidas refrescantes de zume de froitas deberá sinalarse a porcentaxe de zume que contén.

Por outra parte, no etiquetado das bebidas refrescantes sen alcohol, non terá que indicarse a data de duración mínima, pero si deberán facer mención ao resto de datos vistos no epígrafe sobre o etiquetado dos produtos alimenticios envasados.

Bebidas espirituosas ou alcohólicas

Cando se está a tratar de bebidas espirituosas ou alcohólicas é obrigatorio indicar no etiquetado (ademais do indicado no epígrafe relativo ao etiquetado dos produtos alimenticios envasados), o grado de alcohol nas bebidas cunha graduación superior no volume ao 1,2 por 100. Estas, polo tanto, deberán incluír a indicación do grado alcohólico volumétrico adquirido. A cifra correspondente ao grado alcohólico incluíra un decimal como máximo e irá seguida do símbolo “% vol” e poderá estar precedida da palabra «alcohol» ou da abreviatura “alc”.

As bebidas cunha graduación dun 10 por 100 ou máis en volume de alcohol non será necesario que especifiquen no seu etiquetado a data de duración mínima. 

Temática:
ProdutosAlimentación