Como usuario de telecomunicacións, tes dereito a cambiar de operador en calquera momento (ten presente a cuestión dos compromisos de permanencia). Así mesmo, terás dereito a conservar o teu número de teléfono móbil en todo caso e o teu número de teléfono fixo cando non cambies de localización física, en telefonía a isto chámaselle portabilidade.

A túa solicitude de portabilidade para liñas solo de voz  (liña fixa ou móbil) deberá ser atendida no prazo dun día laborable desde que chegues a un acordo co novo operador. Pero se o teu desexo é cambiar conxuntamente de operadora de telefonía fixa e de banda ancha, neste caso o proceso de portabilidade é algo distinto, xa que os operadores implicados (o que perde o cliente e o que o gaña) deben coordinarse para poder prover o servizo de banda ancha, non podendo executarse a portabilidade ata que estea preparada a infraestrutura de rede, co cal o prazo amplíase neste caso ata un máximo de 6 días.

Debes saber, que sempre lle poderás solicitar ao teu novo operador que realice a túa portabilidade noutro prazo, sempre que non sexa superior a un mes desde a data da solicitude.

No caso de que te cambies de domicilio e queiras conservar o teu número de teléfono fixo, terás que consultar co operador de acceso se o novo domicilio pertence ao ámbito da central telefónica do antigo domicilio, xa que no caso contrario, non estaría obrigado a atender a túa solicitude de conservación do número.

A portabilidade implica tamén o cambio de proveedor de servizos asociados á liña telefónica, tales como chamada en espera, conferencia a tres ou contestador. Por tanto, unha vez efectuada a portabilidade, este tipo de servizos serán substituídos polos ofrecidos polo novo operador. A recepción polo operador receptor dunha solicitude válida de portabilidade implicará a baixa co antigo operador de tódolos servizos asociados ao servizo telefónico identificado pola numeración portada. Non necesariamente ocorre o mesmo respecto á baixa do aluguer do terminal telefónico, posto que se trata dun servizo independente do servizo telefónico, por tanto, se non desexas manter o terminal telefónico en réxime de aluguer, terás que contactar co teu antigo operador e dar de baixa este servizo.  

 

Cancelación dunha solicitude de portabilidade fixa

No tocante á posibilidade de cancelar unha solicitude de portabilidade fixa, o operador que gaña ao cliente (operador receptor), está obrigado a informar ao usuario de cal é o día límite para poder “arrepentirse” do cambio de operador e cancelar a portabilidade, tendo en conta que é unicamente o operador receptor o que pode cancelar a petición de portabilidade.

Así mesmo, deberá informar ao usuario por calquera medio que utilice para a tramitación da súa portabilidade (teléfono, tenda, web, etc), do procedemento detallado para cancelar, incluíndo os datos esixibles, horario de atención de cada canle e prazo de cancelación. Dentro desa información, ha de especificarse ao usuario que a cancelación da portabilidade non leva custe ou penalización algunha, é dicir, é gratuíta. Tamén deberá especificarlle ao usuario se existen custes que este deba asumir se o operador comezara a prestar o servizo durante o prazo de cancelación.

Con respecto ao prazo de cancelación, o operador receptor deberá informar ao usuario que a solicitude de portabilidade poderá ser cancelada, a petición deste, en calquera momento desde a data inicial da solicitude do usuario ata unha hora determinada do día anterior á execución da portabilidade. Tanto a data como a hora prevista para a execución da portabilidade, como a hora límite para a súa cancelación serán comunicadas polo operador receptor ao usuario, en canto dispoña das mesmas, é dicir, cando a solicitude de portabilidade fora validada polo operador donante.

O operador deberá asegurar que o nivel de calidade do servizo e o horario de dispoñibilidade dos canles para cancelar sexan os mesmos que para contratar.

En tódolos canles deberase proporcionar ao usuario unha referencia da súa solicitude de cancelación, onde conste a data e hora da mesma, con independencia do resultado de dita tramitación. Se a cancelación non se chegase a executar téndoa solicitado o usuario en prazo, este poderá reclamar unha portabilidade de retorno ao anterior operador donante sen que se lle apliquen penalizacións de ningún tipo.

A maiores, toda a información relativa á cancelación, deberá estar accesible na web do operador de forma clara, comprensible, precisa e equivalente a como se informa do procedemento para darse de alta por portabilidade.

O operador receptor tamén deberá informar ao usuario das consecuencias que poidan derivarse dos compromisos de permanencia en caso de proceder á cancelación da portabilidade, cando o usuario solicitou de forma expresa e nun soporte duradeiro que se lle comezara a prestar o servizo durante o prazo en que é posible a cancelación.

O operador receptor deberá permitir que os usuarios poidan cancelar as súas solicitudes de portabilidade por tódolos medios habilitados polo operador para contratar, sen esixir un medio ou canle específico. Ademais, deberá asegurar que o nivel de calidade do servizo e o horario de dispoñibilidade do canle utilizado para cancelar sexa o mesmo que o ofrecido no mesmo canle para contratar.

 

Cancelación dunha solicitude de portabilidade móbil

Respecto ás cancelacións de portabilidades de liñas móbiles, debes ter presente que soamente poderás cancelar a túa solicitude de portabilidade ata as 14:00 horas do día anterior á data na que se realice a ventá de cambio. En canto ao resto dos dereitos, tes os mesmos que no caso dunha cancelación de portabilidade de liña fixa.

Se a solicitude de portabilidade é correcta e tódolos datos están cumprimentados, o operador donante non se pode negar a ceder a súa numeración ao novo operador. Soamente se pode negar a portabilidade nos seguintes supostos:

  • Cando haxa, ademais, un cambio de domicilio.
  • Por datos incompletos ou erróneos.
  • Por existir outra portabilidade en curso para o mesmo número.
  • Por imposibilidade técnica.
  • Por causas de forza maior.

 

O consentimento verbal

O titular dunha liña poderá solicitar unha portabilidade ben por escrito ou ben por medio dun sistema de verificación telefónica; neste último caso, a conversación gravada tamén ten carácter contractual.

Como a técnica do consentimento verbal no transcurso dunha chamada propiciou no seu día a proliferación de casos de slamming[1], na actualidade, a lexislación vixente establece que necesariamente, ha de ser verificada por un terceiro, é dicir, unha empresa independente do operador beneficiario, podendo utilizarse o consentimento verbal tanto para solicitudes de portabilidades como para a súa cancelación.

A solicitude a través dun verificador consiste en que un terceiro (verificador) grava unha conversa telefónica con carácter contractual na que se confirman os datos necesarios para tramitar a portabilidade. O verificador non pode realizar actividade algunha de marketing e debe cinguirse a un cuestionario elaborado pola CNMC.

Unha vez finalizada a chamada, o verificador determinará se é positiva ou non, dando traslado ao operador beneficiario, que á súa vez, deberá remitir ao usuario a confirmación documental do contrato telefónico acordado e da súa verificación. Correspóndelle ao operador demostrar o cumprimento da súa obriga de envío de documentación.

 

Preselección

É a facultade do abonado de elixir operador para cursar determinadas chamadas, pero mantendo o contrato de abono co operador que lle prové a liña telefónica, sen que sexa necesaria ningunha instalación nin adaptación na mesma. O operador que prové a liña facturará as cotas de abono e as chamadas e servizos non preseleccionados, e o operador preseleccionado facturará as chamadas e servizos contratados con el. O único operador obrigado a admitir a preselección se un abonado o solicita é Telefónica.  

[1] Práctica ilegal que supón dar de alta a un usuario nunha compañía distinta á súa sen o seu consentimento. 

Temática:
TelecomunicaciónsTelefonía