Principais pasos para reclamar a unha compañía aseguradora no caso dun sinistro:

 1. COMUNICACIÓN DO SINISTRO Á ASEGURADORA 

Con carácter xeral, no prazo máximo de 7 días, deberá comunicarse o sinistro á aseguradora. 
É importante consultar a póliza, porque nela pode fixarse un prazo máis amplo. 

2. COMUNICACIÓN POR ESCRITO DOS DANOS 

No prazo de 5 días, a partir da primeira comunicación do sinistro á aseguradora, deberán comunicarse por escrito á aseguradora os seguintes datos: 

  • A relación dos obxectos existentes no momento de producirse o sinistro 
  • A relación dos obxectos que se salvaron 
  •  A estimación dos danos que se produciron 

É a persoa asegurada quen debe probar ante a aseguradora a existencia dos obxectos e o seu estado antes do sinistro. 
Como medio de proba pode achegarse fotografías, escrituras, inventarios de bens, etc. Ademais, tamén pode servir como proba a relación dos bens asegurados que se inclúa dentro da propia póliza. 

3. PAGO DA INDEMNIZACIÓN 

A aseguradora deberá pagar a indemnización ao concluír as investigacións e as peritaxes.

En todo caso, no prazo de 40 días, a partir da comunicación do sinistro, a aseguradora deberá pagar a indemnización acordada.

Poderá substituírse o pago da indemnización pola reparación ou a reposición do obxecto sinistrado, sempre que exista acordo entre ambas as partes.

4. RECLAMACIÓNS

No caso de que a aseguradora non abone a indemnización acordada no prazo de 40 días, ou se a aseguradora non quere facerse cargo das coberturas contratadas, pode dirixirse unha reclamación ante o servizo de atención ao cliente da compañía.

Se a compañía non contestara a reclamación ou se a resposta fose desfavorable, pode acudirse ao Defensor do cliente do asegurado.

Cando a reclamación non fose atendida de forma favorable ou, transcorrido o prazo de 2 meses sen resposta, pode acudirse á Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións.

Pica na seguinte ligazón para acceder á páxina da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións:

http://www.dgsfp.mineco.es/direcciongeneral/index.asp

5. INDEMNIZACIÓNS EN CASO DE SINISTROS EXTRAORDINARIOS

No caso de danos producidos por determinados fenómenos da natureza, como inundacións extraordinarias, terremotos, maremotos, tempestade ciclónica atípica, erupcións volcánicas e caídas de corpos siderais e astrolitos, os perxudicados poden dirixirse ao Consorcio de Compensación de Seguros.

É labor do Consorcio satisfacer as indemnizacións derivadas de sinistros extraordinarios ás persoas aseguradas que, pagando os correspondentes cargos no seu favor, non teñan amparado o risco extraordinario de que se trate na póliza de seguro contratada cunha compañía do mercado, ou que, contratándoa, a entidade aseguradora non puidese facer fronte ás súas obrigas indemnizatorias por atoparse en quebra, suspensión de pagos ou proceso de liquidación.

Requisitos para a cobertura:

Para poder ter dereito a unha indemnización do Consorcio polos danos sufridos como consecuencia dos riscos sinalados, deben darse as seguintes condicións:

  • Cobertura supeditada a un contrato dun seguro de danos, de vida ou de accidentes persoais.
  • A protección fronte aos riscos extraordinarios está obrigatoriamente vinculada á subscrición dunha póliza de seguro en certos ramos. O feito de subscribir unha cobertura de seguro nalgún deses ramos leva aparellada a obriga de ter cubertos os mesmos bens e, polo menos, polas mesmas contías aseguradas, contra os citados riscos.

Pode consultarse máis información sobre o Consorcio de Compensación de Seguros no número de teléfono 91 339 55 00 ou na seguinte páxina web:

http://www.consorseguros.es/web/ad_re_rp 

Temática:
Serv. financeiros e segurosSeguros