A conta corrente bancaria é o depósito a través do cal o banco se obriga a prestar un servizo de caixa realizando operacións de pago e cobros por conta e en interese do seu cliente. Realmente é un depósito irregular xa que en ningún caso se produce unha concesión de crédito, e ademais o cliente pode dispor en calquera momento dos seus cartos, é dicir, trátase dun produto bancario grazas ao cal o usuario pode ingresar cartos na entidade e retiralo cando o desexe, estando a entidade obrigada á súa devolución cando lle sexa solicitado.

O servizo de caixa é a causa do contrato da conta corrente bancaria, dito servizo abarca desde o servizo de xanela, a domiciliación de títulos-valores ou de recibos e as tarxetas.

 

Tipos de contas segundo os titulares

As contas correntes poden ser individuais (cando teñen un único titular) ou plurais. As CONTAS PLURAIS son contas nas que a titularidade corresponde a dúas ou mais persoas, sen que elo implique que a propiedade dos fondos depositados pertenza nin a tódolos titulares nin a partes iguais.

Así, existen contas mancomunadas ou conxuntas, nas que os titulares necesitan consentimento de tódolos demais para poder efectuar reintegros ou operacións que diminúan o saldo.  Pode darse o caso de que non sexa necesaria a sinatura de tódolos titulares, senón so a sinatura de varios deles. As contas indistintas ou solidarias, nas que calquera dos titulares pode dispor da totalidade do saldo coa súa sinatura e a onta réxese polo contrato que as partes houbesen subscrito e non polas relacións persoais dos consumidores. E as contas subordinadas, nas que se crean diferentes niveis de autorizacións sobre as contas, asignando unha posición a cada titular (o titular en primeira posición non necesita autorización de ninguén, o que estea en segunda posición necesita a autorización do primeiro …).

Debes saber que os titulares orixinarios dunha conta poden variar ao longo do curso do contrato, xa que ningún cotitular está obrigado a permanecer no contrato, de maneira que calquera poderá pedir que se divida a conta. Nestes casos, as entidades resérvanse a opción de modificar a conta primitiva ou abrir unha conta, aínda que o razoable aquí sería que a decisión a tomasen o resto de cotitulares.

 

Falecemento dun titular

É importante atender aos supostos de falecemento dun titular, atendendo en primeiro lugar a se o falecido era o titular único da conta, en cuxo caso os herdeiros poderán dispor da totalidade do saldo da conta ou, se pola contra, o falecido era cotitular en calquera das modalidades posibles, suposto no que os herdeiros poderán dispor so da parte proporcional que lles correspondía.

En caso de falecemento do titular dunha conta corrente, as entidades deben asegurarse de que os que acoden a elas en condición de herdeiros solicitando información ou a disposición dos fondos do defunto son realmente herdeiros do mesmo. Para elo deberán solicitar o certificado de defunción, o certificado do Rexistro de Actos de Última Vontade, copia do testamento ou copia de declaración de herdeiros ab intestato e documentación da aceptación, aceptación e partición da herdanza.

Unha vez acreditada a condición de herdeiro, as entidades deberán facilitar a información sobre as posicións que o falecido mantiña fronte a elas en vida, así como os movementos producidos con posterioridade ao falecemento e incluso información sobre movementos e operacións concretas anteriores, sen embargo, para poder dispor dos fondos contidos na conta corrente, é necesario acreditarse o dereito á adxudicación dos bens, xa sexa a través de documento notarial ou de documento privado asinado por tódolos herdeiros, é dicir, necesítase que se houbera feito o reparto da herdanza.

Os herdeiros tamén deben acreditar o pago ou a exención do Imposto de Sucesións e Doazóns, xa que as entidades son responsables subsidiarias do pago de dito Imposto.

Calquera anotación en conta debe facerse co consentimento do seu titular, polo que as entidades deberán verificar que o titular dera a súa autorización ou comprobar que existe autorización para a operación concreta. No ámbito da banca electrónica deberase acreditar que o cliente asinase o contrato de adhesión aos servizos de banca electrónica.

A disposición dos fondos depositados en conta corresponde ao seu titular, pero tamén poden existir supostos de REPRESENTACIÓN VOLUNTARIA, aparecendo así os autorizados. Os autorizados son as persoas aos que os titulares autorizan para que poidan dispor do saldo existente na conta.

A condición de autorizado obtense por autorización expresa e por escrito. En caso de contas mancomunadas, a autorización poderá ser dada por calquera dos cotitulares. No caso das contas de titularidade indistinta ou solidaria dependerá do pactado no contrato da conta, pero en caso de que non se houbese pactado nada, enténdese que sería necesario o consentimento de tódolos cotitulares.

Para revocar a condición de autorizado sería suficiente con que calquera dos cotitulares manifeste por escrito ao banco a súa decisión de revocar dita condición. A condición de autorizado en conta  extínguese tamén pola morte do titular que houbese dado a autorización.

 

Apertura e cancelación dunha conta corrente. Contas inactivas.

Apertura

A apertura dunha conta require do consentimento expreso de tódolos titulares así como da aceptación das condiciones polas partes que o formalizan. Á hora de abrir unha conta, a entidade ten a obriga de informar previamente sobre o contido do contrato, así como de dar suficientes explicacións adecuadas.

  • As explicacións poderán facerse verbalmente na comercialización, explicando e aclarando a información pre contractual. Ditas explicacións deben ser claras, adecuadas e suficientes. Existe un deber especial de dar explicacións e de informar nos supostos nos que na apertura da conta se ofrecen premios ou regalos, vinculados ou non á realización en conta de determinadas operacións, así como aos custes asociados e á súa remuneración.
  • Antes de asinar o contrato, as entidades deberán facilitar en papel (ou noutro soporte duradeiro) a información e as condiciones que deben figurar nos contratos con suficiente antelación, debendo tamén aportar información sobre o importe das comisións e dos gastos que se repercutirán. Na información pre contractual deberán resaltar os datos sobre a duración do contrato, se a retribución se condiciona á contratación ou uso dun ou varios servizos accesorios, referencia á TAE e ao fondo de garantías ao que se encontra adherida a entidade. Así mesmo, farase referencia ás circunstancias nas que o titular pode dispor do saldo, á forma na que se realizarán os ingresos, as operacións de pago que se poden levar a cabo, as comisións e gastos que poidan ir asociados e a retribución. E nos contratos de duración indefinida, terá que facerse referencia á resolución e á posibilidade de modificacións contractuais.

As contas correntes poden abrirse na oficina, por internet ou incluso por teléfono, pero deberás ter en conta unha serie de consellos.

Hai que partir da base de que tódalas entidades financeiras ofertan contratos de conta corrente que poden chegar a ser moi parecidos entre si, e é aquí onde entra en xogo e adquire importancia a información pre contractual que as entidades están obrigadas a proporcionar. En base á información proporcionada, é recomendable antes de decantarse por unha ou por outra comparar as ofertas para poder decidir cál é aquela que mais se axusta ás nosas circunstancias persoais, tendo sempre en conta que o mais importante é entender e comprender o contido do contrato.

As comparacións entre as diferentes ofertas han de ter en conta se ofrece rendibilidade, as comisións e gastos que leva e a súa contía, as operacións permitidas e as non permitidas, as tarxetas de crédito ou de débito que poden levar asociadas e as súas condicións, a posibilidade de esixencia de saldos mínimos, os descubertos e o seu tratamento e a existencia de rendibilidade.

Cando sexas titulares dunha CONTA INACTIVA, debes levar a cabo un correcto control das súas posicións e produtos bancarios, de tal maneira que se queres cancelar a conta non será suficiente para realizalo a simple retirada total do saldo, xa que a conta seguiría estando habilitada para soportar movementos.

Nestes casos, a entidade podería seguir cobrando comisións de mantemento. Transcorrido un tempo sen que o cliente realice ningún movemento, a entidade a efectos internos, pode declarar a conta como “inactiva”, sen embargo considerarase legalmente abandonada se non se efectuou ningunha xestión durante 20 anos, de maneira que o seu saldo pasaría a ser posesión do Estado.

Hai que ter en conta que en todo caso o deber de dilixencia das entidades financeiras implica tamén o deber de facilitar aos titulares información sobre a existencia de depósitos á vista, advertindo que esa situación pode provocar gastos ou prexuízos.

 

A cancelación

O contrato de depósito á vista pode ser resolto en calquera momento tanto polo titular como pola entidade.

En todo caso, as entidades soamente poden instar a resolución do contrato cando o servizo sexa de duración indeterminada e expresamente se houbese acordado.

Pola contra, ti poderás resolver o contrato en calquera momento, salvo que se houbese pactado un pre aviso (nunca poderá exceder do mes), debendo asumir en todo caso os gastos derivados da resolución. A resolución será gratuíta se o contrato fose indefinido ou por un prazo superior a 12 meses e se houbese resolto transcorridos os 12 meses.

Unha vez cancelada a conta, a entidade deberá por a disposición do  titular o saldo e o titular deberá entregar á entidade tódolos medios de pago asociados á conta.

Hai que advertir que cando o consumidor solicite a cancelación da conta, e a entidade se negue alegando e acreditando a existencia dun saldo debedor ou a existencia de contratos vinculados vixentes non se considerará unha mala práctica bancaria, pero si se considera unha mala práctica bancaria a reapertura da conta por parte da entidade para cobrar importes pendentes.

Á hora de proceder á cancelación dunha conta corrente RECOMÉNDASE:

  1. Comprobar se existe algún tipo de comisión por peche.
  2. Verificar que non existen débedas nin recibos domiciliados, nin compromisos co banco.
  3. Solicitar de forma expresa a cancelación da conta a fin de evitar futuros problemas.
  4. Retirar os cartos que poida haber.
  5. Asinar a cancelación da conta corrente.
  6. Entregar as tarxetas de débito, de crédito e os talonarios.
  7. Solicitar un certificado de peche da conta.

 

O contrato de conta corrente

En todo caso, o contido mínimo que deberá ter este tipo de contratos é o seguinte:

  • A entidade contratante.
  • A utilización da conta.
  • Os gastos, comisións e os tipos de xuro.
  • A forma na que se debe facilitar a información sobre as operacións que se fagan e a súa frecuencia.
  • As responsabilidades e requisitos necesarios para a devolución das operacións de pago non autorizadas ou executadas incorrectamente.
  • As modificacións contractuais.
  • A rescisión do contrato.
  • A lei aplicable e os procedementos de reclamación.
  • Referencia ao fondo de garantía de depósitos ao que se encontra adherida a entidade.

A entidade deberá entregarche unha copia do contrato en papel ou outro soporte duradeiro, e ademais deberá conservar o contrato e poñelo á súa disposición cando o solicite. Deberanse conservar os documentos relativos ao nacemento, modificación e extinción da conta. O prazo de conservación é o prazo de prescrición das accións civís, xeralmente 15 anos. No caso de que haxa algunha cláusula sobre a que existan dúbidas deberá tratar de resolverse o antes posible no mellor interese do cliente.

 

Disposicións en efectivo. Límites e restricións.

Unha vez formalizado o contrato cunha entidade financeira, poderás reintegrar efectivo en calquera das oficinas da entidade correspondente. Se aquela na que o solicitase non fora a oficina na que se realizou a apertura, será obrigatorio que despois de identificar á persoa como titular ou autorizado, se realicen tódalas comprobacións necesarias.

Os fondos depositados na entidade da que se trate deben ser entregados en calquera momento aos seus titulares cando o soliciten, non existindo ningún tipo de limitación de pagos en efectivo, os cales deberanse facer en moeda ou billete de curso legal. Sen embargo, no suposto de que a entidade non dispoña do efectivo necesario, deberá informar ao titular da imposibilidade de facer fronte ao pago debendo ofrecer solucións alternativas gratuítas que lle permitan recuperar os seus cartos.

Cabe a posibilidade de que as entidades poidan proceder lexitimamente ao BLOQUEO DAS CONTAS dos seus clientes, para o que será necesaria unha autorización xudicial, a concorrencia de tódolos titulares ou a concorrencia dunha causa debidamente xustificada.

Así mesmo, non se poderá bloquear a conta ante a falta de entrega da documentación identificadora requirida unha vez que xa existe unha relación comercial e tampuco se poderá bloquear a conta por existir discrepancias entre os cotitulares que fagan inviable a súa continuidade sen avisar previamente aos clientes e sen adoptar as medidas cautelares necesarias.

Neste punto e necesario que saibas que non existe ningunha norma que estableza un HORARIO obrigatorio para que as entidades de crédito admitan o pago de recibos non domiciliados, polo que adoptar un horario mais ou menos restrinxido para a súa admisión en xanela é unha decisión propia da entidade como un elemento propio da súa organización interna.

Por outro lado, non se pode levar a cabo unha limitación de datas ou horaria para a realización de ingresos ou reintegros na conta corrente dun cliente ao estar dentro do servizo de caixa.

 

Comisións e intereses. Retribucións en especie.

As COMISIÓNS son o elemento do contrato da conta corrente que che carrexarán os maiores custes.

Nunha conta corrente  poderaste atopar con distintas comisións, como son as comisións de mantemento, as de administracións, as de mantemento e administración en contas vinculadas, as comisisóns por descubertos e por reclamación de descuberto, as comisión por cobro de cheque en oficina distinta á da apertura da conta, comisión por ingreso en efectivo e gastos de correo.

As comisións de mantemento son as que xurden polo mero feito da existencia da conta corrente. O mantemento inclúe o servizo de caixa básico, onde se engloban a custodia dos cartos, o mantemento dos rexistros necesarios para o funcionamento da conta corrente,  dereito a ordenar cargos e abonos na conta, o servizo de caixa básico asociado á conta e a emisión de extractos e liquidacións que che deben ser facilitados.

As comisións de administración son as que están vinculada ao funcionamento da conta, é dicir, ao uso que se fai dela. Establécese como o pago dunha contía fixa por cada apunte que se realice durante o período de liquidación. É totalmente compatible coa comisión de mantemento.

As comisións de mantemento e administración en contas vinculadas refírense a contas que se manteñen por imposición da entidade sendo utilizadas exclusivamente para abonar os intereses dun depósito ou para dar servizo a un préstamo hipotecario.

As comisións por reclamación de descubertos, para que se poidan reclamar, esíxese que estea prevista no contrato, que houbese unha reclamación efectiva de posicións debedoras. Asemade, non se poden reiterar na reclamación dun mesmo saldo por xestións adicionais realizadas co mesmo fin e  non deben ser de aplicación automática.

As comisións por cobro de cheque en oficina distinta á da apertura da conta, proceden cando se presenta ao cobro un cheque nunha oficina que non é na que se encontra aberta a conta. Cóbrase en concepto de gastos de comprobación de sinatura e de existencia de fondos.

As comisións por ingresos en efectivo, débense á aceptación de ingresos en efectivo para abono nunha conta da entidade onde se fai o ingreso. É unha prestación do servizo de caixa inherente ao contrato, polo tanto, non procede o cobro desta comisión.

Os gastos de correo son os custes que supoñen o envío de calquera documentación coa fin de manterte informado da túa situación, que che serán repercutidos, sempre e cando non se trate de información referida aos contratos de servizos de pago. Poderán repercutírseche estes gastos cando solicites información adicional ou cando a comunicación se faga por medios distintos aos especificados no contrato.

As entidades teñen a obriga de remitir de modo anual aos seus clientes unha comunicación na  que de maneira completa e detallada se recolla a información sobre os xuros cobrados e pagados, as comisións e gastos devengados por cada servizo bancario prestado ao cliente durante o ano anterior.

Así mesmo, as entidades teñen liberdade para fixar os tipos de XUROS que se vaian a aplicar aos contratos de conta corrente, polo que para saber que xuros se aplicarán á conta haberá que estar ao contido do contrato. Polo tanto, ademais de que o tipo de xuro deba estar recollido no contrato, as entidades, deberán por a disposición dos seus clientes, os tipos de xuro actualizados que se aplican aos servizos que presten con maior frecuencia.

Soe ser habitual que as entidades oferten determinados REGALOS asociados aos contratos de conta corrente co obxectivo de captar clientes. Nestes casos haberá que ter en conta o compromiso de permanencia que leva e se suporá algún tipo de gasto co paso do tempo.

As entidades deberán informar aos seus clientes de maneira veraz, sobre os regalos e promocións que ofrecen, así como dos requisitos para a súa obtención, para que deste modo poidan ter un coñecemento claro e preciso das prestacións que poidan recibir sen facerlles concibir falsas expectativas.

 

Descubertos

Un descuberto nunha conta corrente prodúcese cando se realiza unha retirada de cartos sen que na conta exista saldo suficiente,  polo cal se deixa a conta en números negativos, debendo ser a propia entidade a que adiante os fondos necesarios. Isto é o que comunmente se coñece como “estar en números vermellos”.

Supón unha facilidade de crédito que a entidade che concede para permitir atender pagos autorizados cando na conta non existe saldo suficiente para facer fronte ao pago en cuestión, polo tanto, son as entidades as que deciden se se realiza o descuberto ou non, salvo que expresamente estivese pactado no contrato.

Unha vez admitida polas entidades a apertura do descuberto, a entidade poderá esixir o pago dos xuros e comisións estipuladas no contrato de conta corrente para saldos debedores. Hai que advertir que non tódalas contas correntes levan asociada a posibilidade de incorrer en descubertos.

Nos casos nos que se produce un descuberto o cliente ten a obriga de devolver de forma inmediata o anticipo, pagar os xuros do descuberto e pagar as correspondentes comisións bancarias.

Ao producirse un descuberto na conta corrente, o banco ten a obriga de comunicar o detalle da liquidación efectuada na conta como consecuencia do mesmo.

Normalmente as entidades, ante a existencia dun descuberto proceden ao cobro da coñecida comisión por reclamación de descubertos, a cal soe ser unha contía fixa. O cobro desta comisión xustifícase na xestión que realiza a entidade para reclamar ao cliente o saldo negativo. Non pode cobrarse de maneira repetida por un mesmo descuberto.

Cabe a posicinilidade dun DESCUBERTO TÁCITO, cando se trate dun descuberto aceptado tacitamente mediante o cal a entidade pon a disposición del consumidor fondos que superan o saldo da conta á vista do consumidor ou a posibilidade de descuberto convida.

Para estes supostos, establécese que no contrato de apertura da conta á vista onde exista a posibilidade de que se permita ao consumidor un descuberto tácito, deberase conter a información sobre o tipo debedor, as condicións de aplicación de dito tipo, os índices ou tipos de referencia aplicables, as recargas aplicables e as condicións en que poden modificarse. Así mesmo, no caso de descuberto tácito importante que se prolongue durante un período superior a un mes, a entidade deberá informar ao consumidor sobre o descuberto tácito e o seus importe, sobre o tipo debedor e das posibles penalizacións, gastos e xuros de demora aplicable.

Non poderá aplicarse un xuro que dea lugar a unha TAE superior a 2,5 o xuro legal dos cartos.

 

Información sobre operacións asentadas en conta

As entidades están obrigadas a facilitar ao titular da conta de pago despois da execución de cada operación en papel ou noutro soporte duradeiro unha referencia que lle permite identificar a operación e, no seu caso, á outra parte; o importe da operación, o importe dos gastos que se produciran e a data de valor do adebedado ou a recepción da orden de pago ou a data de valor do abono. Tamén se indicará, no caso de que se realizase un cambio de divisas, o tipo de cambio utilizado e o importe da operación.

As entidades están obrigadas a comunicar gratuitamente ao cliente ao menos unha vez ao mes o EXTRACTO de tódolos movementos producidos nas súas contas correntes se os houbera, informando da data, do concepto e importe da operación e na forma acordada polas partes sempre que permita almacenar a información e reproducila sen cambios.

A comunicación poderá ser activa mediante o seu envío ou mediante a posta a disposición do usuario da información, o cal deberá constar no contrato, co único requisito de que o titular da conta poida almacenar a información e reproducila sen cambios.

Cando se fala dun extracto bancario estase facendo referencia ao documento que se fai chegar ao titular da conta corrente no que se recolle o saldo dispoñible na conta e os movementos que se realizaran durante o último mes. A emisión e recepción do extracto bancario é gratuíta para o cliente.

No extracto bancario deben aparecer os datos persoais do titular da conta corrente, o IBAN (Código Internacional de Conta Bancaria), que en España está composto por un total de 24 díxitos, a data da emisión do extracto, a data na que o banco anota o movemento da conta, o concepto da operación e os saldos contemplados nun determinado período, así como o detalle dos depósitos e das retiradas de fondos realizadas durante o período referido e as actividades das tarxetas de débito e dos cheques realizados.

 

Dereitos e obrigas das partes

Cando contratas unha conta corrente cun banco, ambos debes asumir determinadas OBRIGAS.

Así, como titular da conta debes pagar ao banco os gastos e comisións pactados polos servizos, conservar e custodiar os cheques así como comunicar ao banco o seu furto ou extravío para que proceda á súa anulación, debes ter fondos suficientes para facer fronte aos pagos evitando facer operacións cando se estea ante un descuberto e facilitar os datos necesarios que a entidade solicite para identificalo e comunicar os cambios de domicilio.

Ao mesmo tempo, a entidade queda obrigada a entregar unha copia do contrato, así como os documentos de liquidación. Debe ter cartos a disposición do cliente da forma pactada (inmediatamente ou previo aviso) e dispor do servizo de caixa contratado, é dicir, efectuar pagos, cobros, domiciliacións, abonos en xeneral e retiradas de cartos baixo as ordes do cliente. Cando corresponda, informará ao cliente sobre as liquidacións, xuros, comisións e gastos que existan e comunicará gratuitamente, e ao menos unha vez ao mes,  o extracto de movementos da conta con información sobre a data, concepto e importe da operación.

En todo caso, este tipo de contrato darache DEREITO a retirar fondos para ti mesmo ou para un terceiro (a través de cheques por exemplo) en todo momento e ao instante, a ordenar xiros e transferencias, a pagar os talóns que subscriba sobre o seu saldo acreedor, a domiciliar pagos de facturas ou letras de cambio, a abonar en conta as entregas e transferencias que efectúen outras persoas ao seu favor, así como a recibir periodicamente un extracto de conta que reflicta os movementos (adeudos e abonos) da mesma e o seu saldo e a recibir periodicamente a liquidación da conta e o conseguinte abono dos xuros pactados. 

 

Os 24 díxitos da conta bancaria defínense do seguinte xeito:

  • Os dous primeiros díxitos son de carácter alfabético e identifican ao país.
  • Os dous seguintes son díxitos de control.
  • Os restantes díxitos son o número de conta bancaria, estando constituído en España polos 20 díxitos que identifican ao Código Conta Cliente (CCC) nos cales se especifica a entidade, a oficina, os díxitos de control e o número de conta.

 

Documentación e ligazóns relacionadas

Temática:
Serv. financeiros e segurosServizos financeiros