O contrato subscrito entre consumidor e operador vai determinar os dereitos e obrigas de cada unha das partes. Por este motivo, a lexislación obriga a que ditos contratos inclúan un CONTIDO MÍNIMO que garanta que o usuario conte coa información suficiente sobre o servizo que contrata e as condicións aplicables ao mesmo. Como mínimo os contratos deberán expresar:

  • Nome ou razón social, domicilio e teléfono do que presta o servizo.
  • Características da rede e do servizo ofertado.
  • Prezo dos servizos.
  • Período contractual, sinalando no seu caso a existencia de prazos mínimos de contratación e renovación.
  • Niveles mínimos de calidade, mecanismos de indemnización ou reembolsos ofrecidos polos incumprimentos do operador.
  • Mecanismos de resolución de conflitos.
  • Tipos de servizos de mantemento ofrecidos.
  • Política de protección de datos persoais.
  • A existencia de períodos de permanencia e as penalizacións aplicables para o caso de incumprimento.
  • Causas e formas de modificación e extinción do contrato.
  • Páxina web na que figure a información sobre as condicións xurídicas e económicas dos contratos.

Das condicións do teu contrato, o operador deberá entregarche xustificante ou copia. No caso de que contrataras vía telefónica, terás dereito a que se che remita xustificación das condicións do contrato polo medio mais adecuado segundo o tipo de contratación (p. ex. correo electrónico). Cando contrates vía telemática non esquezas imprimir e gardar copia do contrato e no caso de que non dispoñas dunha copia do teu contrato, sempre poderás solicitala en calquera momento da súa vixencia a través do servizo de atención ao cliente da compañía, sen custe algún. No momento de solicitar a copia, ten a precaución de pedir o número de referencia da túa petición no caso de que non cha faciliten motu propio para poderes ter constancia da túa xestión.

Se con motivo dunha contratación telefónica ou telemática, te acolles a unha oferta que teña previstas condicións distintas ás que figuran nas condicións xerais publicadas na web da operadora, esta deberá enviarche no prazo de 15 días desde a contratación, un documento no que se expresen os termos e condicións da oferta, así como o prazo de duración da mesma.

O contido mínimo que acabamos de ver deberá constar, igualmente, nas condicións xerais e particulares dos contratos dos usuarios finais de servizos de comunicacións electrónicas na modalidade de prepago. Nesas condicións xerais figurará o procedemento para coñecer o saldo e o detalle do consumo, así como para a recarga.

 

Modificacións do contrato

Os contratos de servizos de comunicacións electrónicas soamente poderán ser modificados polos motivos válidos expresamente previstos no contrato, polo que a protección do usuario esténdese aos supostos nos que o operador decide de forma unilateral modificar as condicións do contrato. Calquera cambio que o teu operador pretenda introducir no teu contrato deberache ser comunicado como mínimo cun mes de antelación, e durante este prazo poderás resolver o contrato sen ser penalizado, é mais, o propio operador deberá informarche do teu dereito a darte de baixa se non estás de acordo con esas modificacións.

Neste punto, é importante que teñas clara a diferenza entre o contrato de servizo telefónico ou de internet con outros contratos vinculados a este e en virtude dos cales en moitas ocasións pódenche obrigar a permanecer determinado tempo coa empresa. Son os chamados compromisos de permanencia.

Como acabamos de dicir, os COMPROMISOS DE PERMANENCIA teñen a súa orixe nun contrato independente ao contrato principal que é o de servizo telefónico ou de acceso a internet. Este outro contrato que nos impón a obriga de permanecer como clientes do operador ten a súa base na contraprestación que realizou a empresa, polo xeral mediante a entrega de equipos ou terminais, ben gratuítas ou ben a prezos reducidos. Os importes que cuantifican esas contraprestacións son os que permiten impor esa permanencia entre tanto non sexan amortizados.

O que ocorre na práctica, é que non sempre a penalización que o operador quere impor ao consumidor polo incumprimento dese compromiso é equivalente ao valor da contraprestación realizada por el, dándose casos nos que o importe da penalización é superior ao aporte económico realizado pola compañía.

Todo o anterior non quere dicir que non poidas rescindir o contrato principal antes do vencemento do teu compromiso de permanencia, senón que nese caso, váiseche aplicar a penalización prevista, e tampouco toda, senón que o importe da penalización deberá ser proporcional ao tempo transcorrido desde que formalizaches o compromiso de permanencia.

Tamén pode darse o suposto de que queiras solicitar a baixa ante a imposibilidade de utilizar o servizo, e neste caso, así como noutros nos que exista un incumprimento do operador en relación co contrato principal, o compromiso de permanencia non sería aplicable dado que a túa solicitude de baixa ten orixe no previo incumprimento das obrigas que lle corresponden ao operador no contrato principal, ben na propia prestación do servizo, ou ben nas calidades coas que haxa de prestalo.     

En todo caso, sempre deberás ser informado da existencia de compromisos de permanencia, da súa duración e das consecuencias do seu incumprimento.

 

Depósitos de garantía

No caso do servizo de telefonía fixa, o operador pode obrigarche a constituír un depósito de garantía, tanto no momento en que contratas como durante toda a vixencia do contrato, cando sexas ou foras anteriormente abonado do servizo e houberas deixado sen pagar un ou mais recibos ou ben cando manteñas débedas por outro contrato ou incluso cando te retrases habitualmente no pago.

A contía dos depósitos, a súa duración e o procedemento para a súa constitución e devolución, determinarase mediante orden ministerial, actualmente, a súa contía limítase ao importe das tres últimas facturas ou no seu caso ao importe da última multiplicado por tres.

Nos casos dos servizos de telefonía móbil e internet, aínda que non se prevé legalmente esta figura, é conveniente que esteas atento ás condicións do contrato e á previsión que no mesmo se poida facer sobre este aspecto.

 

Extinción do contrato

Aparte das causas xerais de extinción dos contratos, os celebrados con empresas de telecomunicacións poderán ser resoltos pola vontade do consumidor. Para elo, deberás comunicarllo ao operador cunha antelación mínima de dous días hábiles á data na que haxa de surtir efectos a baixa. O operador non poderá facturarche contía algunha, por causa non imputable a ti, con posterioridade a ese prazo de dous días na que a baixa debe surtir efecto.

Recorda que podes realizar a solicitude de baixa telefonicamente e que o servizo de atención ao cliente do operador está obrigado a deixar constancia da túa petición e a informarche do dereito a solicitar un documento que acredite a túa solicitude. 

Temática:
TelecomunicaciónsTelefonía