Aspectos xerais

Para a apertura dun depósito soamente se esixe como regra xeneral que sexas maior de idade  (tamén poderán facelo os menores emancipados). Á hora de abrir un depósito poden darse certas particularidades dependendo da persoa a nome de quen se quere realizar a apertura do depósito.

Así, no caso de persoas incapacitadas, haberá que atender ao contido da sentenza de incapacitación, podendo realizar a apertura dun depósito a nome dun incapaz a persoa que figure como o seu titor ou curador. No caso de menores non emancipados, está capacitado para a apertura do depósito a persoa que teña a patria potestade do menor; que en principio serán os pais os que poidan abrir e administrar os depósitos. No caso de que exista conflito entre os proxenitores deberán ser os tribunais os que o resolvan.

Cando se trate dunha Comunidade de propietarios, a apertura e administración dos depósitos correspóndelle ao presidente.

E no caso de persoas estranxeiras residentes en España, para poder realizar a apertura do depósito deberán presentar o seu NIF/NIE no momento da apertura do depósito ou no prazo de 15 días. Cando se trate de persoas estranxeiras non residentes en España,  ademais de presentar o seu NIF/NIE deberán presentar tamén a documentación acreditativa de non residencia, debendo ademais acreditar esta condición periodicamente á entidade financeira.

A identificación do cliente deberá facerse no momento da apertura dos depósitos, non podendo celebrarse en ningún caso contratos con persoas que non foran debidamente identificadas. A identificación realizarase presentando ou ben o DNI, o permiso de residencia, o pasaporte ou o documento de identificación válido do seu país de orixe no que apareza unha fotografía.

No caso de operacións non presenciais, a documentación deberá presentarse no prazo dun mes.

As COMISIÓNS percibidas e os XUROS aplicables serán os que a entidade e o consumidor fixen libremente. Hai que ter en conta que so se poderá esixir o pago de comisións por servizos solicitados en firme ou aceptados expresamente sempre e cando respondan a servizos efectivamente prestados ou a gastos habidos. Neste sentido, é necesario que as entidades poñan a disposición dos seus clientes información sobre as comisións habitualmente percibidas polos servizos prestados con maior frecuencia, os tipos de xuros habitualmente aplicados e as comisións, xuros ou recargas aplicables aos descubertos.

A entidade deberá remitir aos seus clientes anualmente unha comunicación na cal, de maneira completa e detallada, se recolla información sobre os xuros cobrados e pagados, e sobre as comisións e gastos devengados. Estas deberán expresar con claridade o tipo de xuro nominal aplicado, as comisións aplicadas e calquera outro gasto. E tamén recollerán os impostos retidos e os antecedentes necesarios para que o cliente poida comprobar a liquidación e calcular o custe do servizo.

En relación á publicidade hai que destacar que ademais de ser clara, suficiente, obxectiva e non enganosa, no caso dos depósitos deberá incluír unha referencia ao  FONDO DE GARANTÍA DE DEPÓSITO ao que se encontre adherida a entidade. Cando a publicidade se faga sobre depósitos nos que se aluda ao seu custe ou rentabilidade, este deberá expresarse en termos TAE.

As entidades non poden facer adeudos nas contas dos seus clientes sen o seu consentimento e autorización expresa, sen embargo, unha excepción a isto ven dada polos EMBARGOS DE DEPÓSITOS. A través do embargo, o acredor pode subtraer determinados bens da libre disposición do debedor. Hai que advertir, que para poder levar a cabo un embargo, este deberá estar autorizado polo órgano administrativo competente ou por un tribunal.

En todo caso, os embargos de depósito produciranse sobre o saldo da conta, non sobre a conta en si mesma, de maneira que en ningún caso, a entidade poderá autorizar un descuberto por non existir saldo suficiente que embargar. Así memso, a entidade debe aportar a orden de embargo para poder levalo a cabo e deberá limitarse a cumprir a orden de embargo nos seus xustos termos, non estando lexitimada para coñecer ningún dato relativo á causa que orixinou o embargo.

No caso de contas correntes indistintas, rexe a presunción de que os saldos pertencen aos titulares por partes iguais.

O organismo que realiza o embargo é quen debe notificarllo ao debedor, se ben é recomendable que as entidades comuniquen a orden de embargo que reciban para que poida exercitar os seus dereitos en prazo.

 

Conta de aforro

Hoxe en día, a maior parte das contas de aforro son case o mesmo que unha conta corrente, atopádonos con certas diferenzas como que o soporte fundamental da conta de aforro é a libreta na que se rexistran tódoslos movementos e que se usa para efectuar as disposicións, mentres que na conta corrente o soporte é o extracto periódico que se fai chegar ao consumidor e emprégase unha tarxeta para realizar as disposicións na conta.

A conta de aforro pode dar menos facilidades para realizar ingresos ou pagos, xa que en moitos casos non permiten domiciliar recibos. Para compensar estas restricións, as entidades poden dar un tipo de xuro algo mais alto que nas contas correntes.

Respecto á obriga das entidades de entregar unha copia do contrato  e a conservar unha copia asinada polo consumidor, no caso particular das libretas de aforro, a obriga de entrega do contrato exceptúase cando a libreta de aforro constitúa o documento contractual.

 

Depósitos a prazo

No caso dos depósitos a prazo, sempre que teñan garantida a devolución do principal ao seu vencemento, as entidades, están obrigadas a darche explicacións adecuadas sobre as características dos depósitos que se contrataran, sen que se esixa forma escrita para as explicacións adecuadas, polo que normalmente realízanse de forma verbal, aclarando e complementando a información pre contractual.

As entidades deberán facilitar gratuitamente ao cliente toda a INFORMACIÓN PRE CONTRACTUAL que sexa legalmente esixible para adoptar unha decisión informada sobre o depósito a prazo e comparar ofertas similares. Esta información deberá ser clara, oportuna e suficiente, obxectiva, non enganosa e deberá entregarse coa debida antelación.

En todo caso, antes de prestar o servizo, ha de informarse de maneira clara, acerca do importe das comisións que se adebedaran por calquera concepto e de tódolos gastos que se repercutirán. A información que se debe resaltar para este tipo de produtos é a duración do contrato, a existencia ou non do dereito a cancelar anticipadamente o depósito e a comisión ou penalización que tería, debe indicarse se a retribución está condicionada á contratación ou uso dun ou varios servizos accesorios, así como a referencia á TAE e o fondo de garantía de depósitos ao que está adherida a entidade.

Así memso, o contrato deberá recoller de forma explícita e clara, o tipo de xuro nominal, a TAE, a periodicidade coa que se producirá o devengo de xuros, as datas de devengo e liquidación dos xuros, a fórmula ou método utilizado para o cálculo de xuros; as comisións e gastos repercutibles, indicando o seu concepto, contía, datas de devengo e liquidación, así como calquera outro dato necesario para o seu cálculo. Tamén deberá incluír a duración do depósito e as condicións de prórroga se a houbese e as normas relativas ás datas de valor aplicable; os dereitos e obrigas que correspondan á entidade de crédito para modificar o tipo de xuro pactado e os dereitos e obrigas do cliente en canto á cancelación do depósito e o custe total da cancelación.

As entidades deberán reter e conservar unha copia do contrato asinado polo consumidor, así como o recibí do contrato.

 

Depósito estruturado ou híbrido

Tamén podes contratar un depósito estruturado ou híbrido, este é un depósito bancario a prazo determinado, cun rendemento vinculado en todo ou en parte, á evolución dun determinado índice ou referencia bursátil, (ou de outra natureza diferente a un tipo de xuro) ou a varios, sendo neste caso mixto.

En todo caso, as entidades deberán facilitarche explicacións adecuadas e suficientes para comprender os termos esenciais do depósito estruturado ofertado, pero ademais, deberán extremar esta dilixencia cando se trate de produtos, como os depósitos estruturados que impliquen riscos especiais (como unha remuneración nula), ou que para a súa comprensión haxa que examinar múltiples aspectos como a evolución de índices de referencia ou do prezo de produtos vinculados, que poidan entrañar obrigas onerosas para ti ou que a súa comercialización se acompañe dunha recomendación personalizada.

En todo caso, deberás ter sempre en conta que se ben a entidade ten obriga de proporcionar unha información adecuada sobre o produto, correspondéndoche a ti avaliar se os produtos que se che ofrecen se axustan as túas necesidades, intereses e á túa situación financeira.

Na INFORMACIÓN PRE CONTRACTUAL dos depósitos estruturados deberase indicar a obriga da entidade de reembolsar o principal ao seu vencemento, as circunstancias das que dependerá a remuneración, os riscos de que a remuneración non se produza ou que sexa inferior á ofrecida para un depósito cun xuro periódico, a forma na que se calcula o custe de cancelación e deberánseche facilitar exemplos da remuneración do depósito estruturado así como exemplos de cancelación.

A vixencia do depósito establecerase en base á vontade das partes.

 

Fondo de Garantía de Depósitos de Entidades de Crédito

Créase o Fondo de Garantía de Depósitos de Entidades de Crédito para garantir os depósitos en entidades de crédito. A adhesión ao Fondo de Garantía é obrigatoria para tódalas entidades de crédito españolas, salvo para o ICO. Así como para as sucursais de entidades de cédito de Estados non membro da Unión Europen en España, salvo que estas entiddades ofrezan un nivel de protección igual ou superior ao establecido polo Real Decreto-ley 16/2011, de 14 de octubre, polo que se crea o Fondo.

O Fondo de Garantía deberá satisfacer aos titulares de depósitos ou de valores ou de outros instrumentos financeiros confiados a unha entidade de crédito sempre e cando a entidade estea en concurso de acredores ou houbéseo solicitado ou que se producise o impago ou a non restitución dos valores e o Banco de España determinase que a entidade non pode restituílos pola súa situación financeira.

O IMPORTE GARANTIDO MÁXIMO dos depósitos é de 100.000 euros por cada titular, con independencia do número de titulares que haxa da clase de depósitos que teña na entidade.

O importe garantido máximo dos valores ou instrumentos financeiros confiados á entidade é independente do anterior, e alcanza igualmente os 100.000 euros por cada inversor, ao marxe do número e clase de valores.

En ambos casos, se no contrato de depósito ou no de valores ou instrumentos financeiros, houbese dous titulares, estes terían garantidos ata un máximo de 200.000 euros.

 

Temática:
Serv. financeiros e segurosServizos financeiros