Dereitos e obrigas dos consumidores

Como consumidor tes dereito a acceder e conectar ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, a elixir libremente a compañía coa que contratas o servizo, a que se formalice o correspondente contrato, a escoller a forma de pago e a recibir a factura detallada, a cambiar de compañía subministradora e a dispor de procedementos de resolución de conflitos, así como dun servizo de asistencia telefónica gratuíto as 24 horas do día, cuxo número deberá aparecer claramente identificado na túa factura.

 

Calidade do servizo

Cando se incumpran os valores fixados para a calidade do subministro, a distribuidora deberá adoptar as medidas correspondentes para emendar, nun prazo máximo de 6 meses, as causas que motiven a deficiente calidade do produto, salvo que pola alta complexidade técnica a Administración competente determine un superior.

 

Interrupcións

A CONTINUIDADE do subministro ven determinada polo número e a duración das interrupcións. Distas interrupcións poderán ser imprevistas ou programadas, para permitir a execución de traballos programados na rede. Deberás ser informado pola empresa distribuidora, con unha antelación mínima de 24 horas.

As interrupcións deberán ser comunicadas de forma individualizada e de xeito que quede constancia do seu envío, tanto ao consumidores que dispoñan dun subministro con potencia contratada superior a 1 kw e aos establecementos que presten servizos declarados esenciais.

Para o resto de consumidores, esta comunicación poderá facerse mediante carteis anunciadores, situados en lugares visibles ou por anuncios nos medios de comunicación escrito de maior difusión da provincia. Se a administración Autonómica non autoriza a interrupción programada e esta xa fose anunciada, deberá informarse aos consumidores polos mesmos medios anteriores. En toco caso, o documento de aviso deberá conter, a data e hora de inicio da interrupción e a data e hora da súa finalización.

Debes saber que as interrupción programadas non darán lugar a redución na facturación, salvo que incumpran os requisitos esixidos no RD 1955/2000, a tales efectos. En todo caso, requírese autorización previa da Administración competente, solicitada cunha antelación de 72 horas e sen que computen a eses efectos os sábados, domingos nin festivos.

A determinación da continuidade do subministro, polas interrupcións de subministro, baséase en 2 parámetros: no tempo de interrupción, que será o tempo transcorrido desde que se inicia ata que se finaliza, medido en horas (o tempo de interrupción total será a suma de todos os tempos de interrupción durante un prazo determinado) e o número de interrupción, que será a suma de todas as interrupcións habidas durante un prazo determinado.

Por tanto, a distribuidora está obrigada, con relación a cada un dos consumidores a que o tempo e número de interrupcións imprevisibles maiores de 3 minutos de cada ano natural, non supere os seguintes valores:

 - En media tensión (de 1 a 36 kV):

  • Zona urbana: 3,5 h - 7 interrupcións.
  • Zona semiurbana: 7 h - 11 interrupcións.
  • Zona rural concentrada: 11 h - 14 interrupcións.
  • Zona rural dispersa: 15 h - 19 interrupcións.

- Os consumidores conectados a redes de tensión superior a 36 kV, asimilaranse aos limiares definidos en zonas urbanas, sexa cal sexa a súa localización.

- En baixa tensións (menor ou igual a 1 kv):

  • Zona urbana: 5 h - 10 interrupcións.
  • Zona semiurbana: 9 h - 13 interrupcións.
  • Zona rural concentrada: 14 h - 16 interrupcións.
  • Zona rural dispersa: 19 h - 22 interrupcións.

Tes dereito a instalar un sistema de rexistros de medida de incidencias de calidade de servizo o cal deberá estar debidamente precintado, co previo acordo de ambas as partes e en caso de discrepancia, resolverá o órgano competente da administración autonómica. En calquera caso, a instalación correrá do teu cargo.

Cando a distribuidora non cumpra os valores fixados para a continuidade do subministro, esta quedará obrigada a aplicar determinados descontos na facturación dentro do primeiro trimestre do ano seguinte ao do incumprimento.

Vaise a distinguir segundo sexas un consumidores a tarifa, en cuxo caso, se o incumprimento é polo número de horas de interrupción, aplicaráseche un desconto con carácter anual sobre a túa facturación ou ben nunha cantidade equivalente ao consumo da túa potencia anual facturada, pola diferenza entre o numero de horas de interrupción do consumidor e o número de horas regramentariamente fixadas, valorado en cinco veces o prezo do kwh correspondente á tarifa contratada, con un tope máximo do 10% da súa facturación anual.

Se o incumprimento é polo número de INTERRUPCIÓNS, o desconto que che farán na facturación anual será o equivalente á potencia media anual consumida polo número de horas de interrupción, valoradas ao prezo do kWh correspondente á tarifa contratada, pola diferenza entre o número real de interrupcións, menos o fixado reglamentariamente, dividida  por  oito,  con  un  tope  máximo  do 10% da túa facturación anual.

En calquera caso, se o incumprimento é por ambos índices, tomarase o máis favorable para ti.

 

Medida e control

En canto aos contadores, atopámonos con distintos tipos, tendo que distinguir entre contadores analóxicos (ou mecánicos) e contadores dixitais (ou electrónicos).

Cando falamos dos CONTADORES ANALÓXICOS, debes saber que estes, a única función que poden realizar de forma automática é a totalización da enerxía consumida (kwh). Poderán realizar unha segunda función, que será a discriminación horaria, pero necesitan un equipo externo (reloxo de conmutación). Estes só permiten unha lectura visual, por tanto non son aptos para a telexestión.

En canto aos CONTADORES ELECTRÓNICOS, dispoñen dun sistema de telexestión que permite á compañía electrónica coñecer a medición a distancia, así como realizar outro tipo de xestións realizadas ata agora polos técnicos in situ. Estes dispoñen dunha Led, xeralmente vermella, que se activa cada vez que se supera unha determinada cantidade de enerxía. Así mesmo, estes contadores memorizan datos, rexistran medidas absolutas e incrementais, valores máximos; admite numerosos períodos tarifarios e pode conectar ou desconectar o circuíto de alimentación da vivenda do aboado e permite a xestión a distancia (telexestión).

 

Debes saber que, a 31 de decembro de 2018, todos os contadores de medida de enerxía eléctrica  con unha potencia contratada de ata 15 kw, deberá estar substituídos polos novos equipos que permitan a telexestión e a discriminación horaria.

Para elo, lévase a cabo o Plan de substitución dos contadores de ata 15 kw, como a continuación se recolle:

Así mesmo, debes saber que segundo o tipo de contador do que se trate, facturaranche distintas cantidades, así:

 

En calquera caso, serás ti quen elixas entre instalar os equipos en réxime de aluguer ou adquirilos en propiedade. Lembra que se o contador do que dispós no teu subministro o tes en réxime de propiedade e aínda non transcorreron 15 anos dende a súa instalación, se cando leven a cabo o cambio de contador baixo o plan de substitución dos contadores, decidises instalalo en réxime de aluguer, a compañía non poderá facturarche cantidade algunha pola substitución nin en concepto de aluguer durante o período restante de vida do equipo ata que alcance os 15 anos dende a súa adquisición.

As distribuidoras deberán por a disposición das comercializadoras  a data prevista (trimestre e ano) para levar a cabo a substitución dos contadores, con unha antelación mínima de un ano. Ademais, deberán comunicar directamente aos clientes a data prevista para a substitución dos contadores tres meses antes de dita data, que tamén se deberá c0municar as correspondentes comercializadoras para que teñan constancia da substitución do contador dos seus clientes. En calquera caso, é RECOMENDABLE que te atopes presente ao tempo da substitución do contador para poder anotar a lectura final do que che retiran e a lectura actual do que instalan.

 

Tarifas

Así, en mercado regulado, para os supostos de potencia contratada igual ou inferior a 10 kw, dispós da tarifa xeral (2.0A), tarifa con discriminación horaria de dous períodos (2.0DHA) e tarifa con discriminación horaria supervalle (2.0DHA)[1].

En mercado libre, dispós de estas mesmas tarifas para os contratos de potencia igual ou inferior a 10 kw;no caso de que a potencia contratada vaia de 10 kw a 15 kw poderás elixir entre a tarifa xeral (2.1A), a tarifa de discriminación horaria (2.1DHA) e tarifa de Discriminación horaria superreducida (2.1DHS). E, para aqueles supostos de potencia contratada superior a 15 kw dispós da tarifa con discriminación horaria 3.0A.                               

En todo caso, para que poidas ACCEDER AO MERCADO da electricidade tes que ter instalado un contador e o Interruptor de Control de Potencia (ICP) reglamentarios e ter asinado un contrato con unha comercializadora.

Teñen dereito a acollerse á TARIFA DE ÚLTIMO RECURSO (antigo bono social), os consumidores que teñan a condición de vulnerables, que por analoxía entenderase que son os mesmos que os que anteriormente se podían acoller ao antigo bono social. Debes saber que a aplicación da tarifa de último recurso supón un desconto do 25 % sobre o PVPC (que se aplicará tanto ao termo de potencia como ao termo de enerxía).

Por tanto, poderás solicitar que se che aplique o bono social se cumpres algún dos seguintes requisitos: ser persoa física cunha potencia contratada inferior a 3 kw na túa vivenda habitual; ser pensionista con 60 ou máis anos e que percibas unha pensión mínima por xubilación, incapacidade permanente ou viuvez; ser familia numerosa ou ser familia con todos os membros en situación de desemprego.

É importante que lembre que só podes solicitar o bono social se estás en mercado regulado, por tanto, aínda que cumpras os requisitos antes mencionados, se estas en mercado libre ou te cambias perderás o desconto do bono social.

A continuación recóllense os TRÁMITES e DOCUMENTACIÓN requirida para solicitar que se che aplique o desconto do bono social[2], segundo o tipo de consumidor:

  • PENSIONISTAS. Deberán entregar unha solicitude e aportar unha fotocopia do DNI do titular do punto de subministro de electricidade, certificado de empadroamento do titular, fotocopia da última factura, unha declaración da veracidade da documentación presentada e un certificado emitido pola Secretaría de Estado da Seguridade Social  acreditando que é beneficiario do bono social.
  • FAMILIAS NUMEROSAS. Deberás entregar unha solicitude e aportar unha fotocopia do DNI do titular do punto de subministro de electricidade, certificado de empadroamento do titular do subministro, fotocopia da última factura, unha declaración de veracidade da documentación presentada e fotocopia do carné de familia numerosa.
  • FOGARES CON TODOS OS SEUS MEMBROS EN DESEMPREGO. Deberás entregar unha solicitude e aportar unha fotocopia do DNI do titular do punto de subministro de electricidade, fotocopia do libro de familia (só no caso de unidade familiar de dous ou máis membros), certificado expedido polo concello coa lista de empadroados no domicilio do pinto de subministro, fotocopia da última factura, unha declaración da veracidade da documentación presentada, facendo figurar na mesma os compoñentes da unidade familiar, autorizando a comprobación dos datos, relativos á súa condición de desempregados, nos correspondentes rexistros  públicos e, no seu caso, das Mutualidades de Previsión Social alternativas. Considerarase en situación de desemprego aqueles solicitantes e membros da unidade familiar que, sen ter a condición de pensionistas, non realicen ningunha actividade laboral por conta allea ou propia.

Debes saber que estás obrigado a comunicarlle á túa comercializadora de último recurso calquera cambio que supoña a perda do dereito a percibir o bono social, a compañía poderá cobrarche unha penalización.  Por tanto, o incumprimento dos requisitos para a aplicación do bono social dará lugar á refacturación do subministro desde a data na que se produza dito incumprimento en función da tarifa de último recurso vixente aplicando un recargo do 10 %.

Polo demais, as condicións dos contratos acollidos á tarifa de último recurso serán os mesmos que as dos contratos dos consumidores acollidos ao PVPC. E o prezo da tarifa que pagarás será a que resulte de aplicarlle á facturación correspondente ao PVPC un desconto do 25 por cen en todos os termos que o compoñen. Dita porcentaxe poderá ser modificada por orden do Ministerio de Industria.

Pola contra, os consumidores que, sen cumprir os requisitos para a aplicación do PVPC (por ter contratados máis de 10 kw) e que transitoriamente non dispoñan dun contrato de subministro en vigor cunha comercializadora en mercado libre, aplicaráselles a TUR que resulte de sumar os termos das peaxes de acceso que correspondan ao punto de subministro a facturar incrementado nun 20 % e o resto de termos que inclúe o PVPC correspondente ao consumidor coa peaxe de acceso 2.0A sen discriminación horaria incrementados nun 20 % en todos os seus conceptos. Ditas porcentaxes poderán ser modificadas por orde do Ministerio de Industria.

Asemade, sobre as TUR aplicaranse os correspondentes impostos.

 

Potencia

A continuación móstrase un cadro coas diferentes tarifas normalizadas en relación a potencia, xunto co prezo por kw, onde podes orientarte á hora de comprobar a potencia que realmente necesitas segundo ao teu subministro. Así, naqueles casos nos que non dispoñas de calefacción eléctrica, será suficiente con que dispoñas de 5,75 kw, podendo reducir esta ata 3,45 kw atendendo ao electrodomésticos dos que dispoñas na túa vivenda.

 

Facturas

Podes atoparte con distintos mecanismos de facturación, segundo te atopes en mercado regulado ou en mercado libre; o tempo que se terá en conta se xa tes contador dixital plenamente integrado ou se aínda dispós de contador analóxico.

Por tanto, se te atopas en mercado regulado dispós do mecanismo de facturación denominado prezo horario, para o que é necesario dispor de subministros que conten con equipos de medida con capacidade de telemedida e telexestión efectivamente integrados, a facturación realizarase considerando os valores horarios de consumo postos a  disposición ou, no seu caso, remitidos polo encargado de realizar a lectura.

No caso de dispor aínda de contador analóxico ou contador dixital que non está plenamente integrado, pagarás un prezo fixo por cada megavatio hora (MWh) consumido durante os meses facturados, cuxo prezo será a media do acordado no mercado diario (pool) nese período,a facturación realizarase aplicando ás lecturas reais uns determinados perfís de consumo.

Se xa dispós de contador dixital facturaráseche a electricidade en función do prezo de mercado en cada hora de consumo, cuxos prezos se coñecerán con un día de antelación. Poderás consultar ditos prezos da enerxía na web do operador oficial do mercado ben, en Internet ou ben a través da aplicación para móbiles Smart View.

A CNMC puxo en marcha un simulador da factura da luz, onde poderás facer unha simulación da túa factura de electricidade no caso de subministros acollidos ao PVPC e facturas de último recurso para consumidores vulnerables.

Tamén dispós do denominado PREZO FIXO PARA O CONXUNTO DO ANO, suposto no que as comercializadoras están obrigadas a facerche unha oferta para o conxunto do ano con un prezo fixo do kilovatio hora (kwh). En todo caso, debes ter en conta que o importe desta oferta será previsiblemente superior ao do resto de operacións, e soamente se aplicará no momento en que expresamente aceptes a oferta da compañía.

Por outro lado, se es un consumidor en mercado libre, é dicir, con un acordo bilateral do prezo, neste caso dependerá do acordo ao chegues coa empresa e comezará a aplicarse dende que aceptes a oferta que a compañía eléctrica che realice.

Cando se dea un FUNCIONAMENTO INCORRECTO DO CONTADOR, a empresa está facultada a unha facturación complementaria. Neste caso, cando se facturasen cantidades inferiores ás debidas, tes dereito a que se che ratee a diferenza en tantas facturas mensuais como meses transcorridos no erro. En todo caso, ten presente que o tempo máximo, tanto do aprazamento como do período a ratificar, non poderá ser superior a 1 ano. No caso de que se facturasen cantidades superiores ás debidas, a compañía está obrigada a devolverche todo o indebidamente cobrado na primeira facturación, sen que poida fraccionar os importes a devolver e, as cantidades adiantadas,  aplicaráselle o interese legal do diñeiro vixente no momento da re facturación.

Cando se trate dun erro administrativo, os cobro e devolucións terán o mesmo tratamento anterior.

A túa factura da luz debe recoller tres conceptos básicos relativos ao prezo que pagas, así consumo eléctrico realizado, impostos (imposto sobre a electricidade e IVE) e peaxes[3]. Debes saber que, cos recentes cambios no modelo da factura de luz, as compañía de mercado regulado veñen obrigadas a detallar os importes que se pagan polas peaxes.

Ademais, a factura da luz debe facer referencia ás páxinas web da CNMC onde se atope o listado de todas as comercializadoras (tanto de referencia como de mercado libre) con indicación dos seus teléfonos gratuítos e páxinas web; requisitos que os consumidores vulnerables deben cumprir para ter dereito a que se lles aplique a TUR (antigo bono social) e os datos do servizo de atención ao cliente onde obter dita información.

Dende maio de 2014 está en vigor un modelo único de factura para os consumidores acollidos ao PVPC e para os consumidores que sen ter dereito ao PVPC transitoriamente carezan dun contrato de subministro en mercado libre. A resolución publicada en maio de 2014 recolle o contido e un formato tipo das facturas que deberán empregar os comercializadores de referencia. Así mesmo, tamén se establece o contido mínimo obrigatorio e un formato tipo voluntario tanto das facturas que deberán remitir as comercializadoras de referencia aos consumidores, que tendo dereito ao PVPC estean acollidos á oferta de prezo fixo anual,como das facturas que as comercializadoras  en mercado libre emitan aos consumidores cuxo subministro se realice en baixa tensión ata 15 kw de potencia contratada.

Pincha aquí se queres visualizar o modelo unificado de factura para os consumidores acollidos ao PVPC.

 

Suspensión do subministro

Debes saber que dispós dun prazo de 20 días naturais a contar desde que se emite a factura por parte da empresa para proceder a realizar o pago, salvo que o último día do período de pago sexa sábado ou festivo, en cuxo caso, o prazo vencerá o primeiro día hábil seguinte.

Así mesmo, dentro do período de pago, poderás abonar os importes facturados mediante domiciliación bancaria, a través das oficinas de cobro da empresa distribuidora ou en quen esta delegue ou mediante xiro postal ou outro medio similar si se trata de zonas xeográficas onde existan dificultades para empregar os anteriores sistemas.

En caso de IMPAGO, cando transcorresen, aló menos  dous meses desde que che foi requirido o pago de xeito que quedase constancia, sen que procedeses a realizar o pago, a empresa distribuidora poderá suspender o subministro, sempre coa obriga de comunicarcho previamente. 

En calquera caso, para proceder á suspensión do subministro por impago, a distribuidora non poderá sinalar, como día para levar a cabo a interrupción, un día festivo, un día no que non exista servizo de atención o cliente tanto comercial como técnico a efectos de reposición do subministro, nin en véspera de días nos que se dea algunha das mencionadas circunstancias.

Unha vez realizado o abono da cantidade adebedada, dos intereses devengados ou da cantidade autorizada en concepto de reconexión do subministro, a compañía terá que reporche o subministro como máximo ao día seguinte (no prazo máximo de 24 horas desde o pago da factura).

Enténdese por GASTOS DE DESCONEXIÓN os orixinados pola suspensión do subministro, que serán por conta da empresa distribuidora. Pola contra, enténdese por GASTOS DE RECONEXIÓN os que se deriven das xestións para dispor novamente do servizo, en cuxo caso, cando se trata dun corte xustificado, será por conta do consumidor, que deberá aboar unha cantidade equivalente ao dobre dos dereitos de enganche vixentes como compensación polos gastos de desconexión.

 

Traspaso e subrogación

Poderás TRASPASAR o teu contrato a outro consumidor que vaia a facer usos do mesmo en idénticas condicións, sempre que te atopes ao corrente de pago. Para elo, como titular do subministro, deberás polo en coñecemento da empresa distribuidora mediante comunicación que permita ter constancia a efectos de expedición do novo contrato.

Para a subrogación en dereitos e obrigas dun contrato de subministro a tarifa ou de acceso ás redes bastará a comunicación que lle permita ter constancia á distribuidora e efectos do cambio de titularidade do contrato.

Cando sexas o usuario efectivo da enerxía ou do uso efectivo das redes, con xusto título (por ex. contrato de aluguer ao teu nome), e non sexas o titular que figura no contrato de subministro, sempre que te atopes ao corrente de pago, poderá esixir o cambio ao teu nome do contrato existente, sen máis trámites. E a distribuidora non poderá percibir cantidade algunha pola expedición dos novos contratos que se deriven dos cambios de titularidade, salvo as referida á actualización do depósito.

Cando se trate de modificacións de contratos en baixa tensión cuxa antigüidade sexa superior a 20 anos, a empresa distribuidora deberá proceder a verificar as instalacións, en cuxo caso estarán autorizadas a cobrar os dereitos de verificación vixentes. Se realizada dita verificación se comproba que as instalacións non cumpren as condicións técnicas e de seguridade reglamentarias, a distribuidora deberá esixir a adaptación das instalacións e a presentación do correspondente boletín do instalador.

 

[1] Os horarios das tarifas con discriminación horaria, en horario reducido, irán de 22 h. a 12 h, en inverno e de 23 h. a 13 h, en verán.

[2] http://www.minetur.gob.es/energia/bono-social/Paginas/bono-social.aspx

[3] As denominadas peaxes son os importes que se derivan dos pagos polas subvencións ás enerxías do réxime especial (eólica, solar, etc.), retribucións ás distribuidoras, das compensacións estra peninsulares, polo transporte de electricidade e pago de débeda de anos anteriores.

Temática:
SubministrosElectricidade