Como usuario de servizos de telefonía tes dereito a que o teu operador che presente facturas polos cargos efectuados, diferenciando os conceptos que a integran. Tes así mesmo, dereito a recibir se o desexas, facturas independentes para os servizos de tarificación adicional e facturación detallada das chamadas realizadas, agás as que teñan carácter gratuíto que non figurarán no detalle. En calquera caso, tamén poderás solicitar ao teu operador non recibir facturas desagregadas. Os abonados a modalidades prepagamento tamén teñen dereito a esixir dita información detallada.

 

Contido das facturas

Todo usuario ten dereito a obter unha factura co seguinte nivel mínimo de información:

  • O período de facturación.
  • A cota mensual fixa.
  • Outros cargos mensuais fixos.
  • Calquera cota fixa non recorrente.
  • Detalle de tódalas comunicacións facturadas, excepto as comunicacións encadradas en grupos tarifarios de baixo prezo, tales como as metropolitanas, as de tarifa en horario normal inferior ao equivalente de 3 céntimos de euro por minuto ou as de tarifa en horario normal inferior a 20 céntimos de euro por comunicación. Este detalle debe incluír: o número chamado, data e hora da chamada, duración da chamada, tarifa aplicada e o custe total da chamada.
  • Datos agregados por grupos tarifarios diferenciados, tales como: metropolitanas, nacionais, internacionais, a móbiles e tarificación adicional, que inclúan o número de chamadas efectuadas, o número total de minutos e o custe total de cada grupo.
  • Base impoñible.
  • Total Ive ou imposto equivalente que lle sexa de aplicación.
  • Importe total da factura, impostos incluídos.

Esta información de nivel mínimo será prestada de forma gratuíta por Telefónica como prestadora do servizo universal. Sen embargo cando sexa prestada por outro operador poderá cobrarse, se ben deberá informarse do seu custe nas condicións xerais de prestación do servizo.

É importante que saibas que a normativa vixente prohibe a práctica do redondeo á alza do tempo consumido, por tanto, os operadores están obrigados a facturar unicamente polo tempo consumido (por segundos). A factura poderá ser mensual ou bimensual, segundo o operador de telefonía de que se trate e todo abonado terá dereito a elixir o medio de pago entre os comunmente aceptados no tráfico comercial, debendo reflectirse claramente este dereito nos contratos.

Se non estás de acordo coa facturación debes reclamar en primeiro lugar ante o propio operador. O prazo para presentar a reclamación será dun mes a partir do coñecemento do feito que a motive, é dicir, nunha factura será a data de emisión da mesma. O operador tomará nota da túa reclamación e está obrigado a facilitarche un número de referencia para que poidas facer un seguimento da incidencia. O prazo máximo que o operador ten para resolver é dun mes desde a presentación da reclamación, agás nos supostos relativos á continuidade do servizo ou ás incidencias relativas á dita continuidade, como o corte ou a suspensión do servizo, nos que a resposta deberá darse no prazo máximo de dúas horas. Se a resolución é favorable para ti, a compañía deberá abonarche a contía que facturou de mais, en caso contrario, poderás continuar coa túa reclamación ante as Xuntas Arbitrais de Consumo ou ante a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información.

Debes recordar que no suposto de servizos de carácter continuado, a compañía non che poderá suspender o servizo con posterioridade á presentación da reclamación ata que dea unha resposta á mesma, de estar relacionada a reclamación co motivo da suspensión.

 

Ficheiros de morosos

Especial relevancia están tendo ultimamente, as situacións nas que ante a falta de pago ou a devolución dun recibo, os operadores ameazan coa inclusión dos datos do usuario nun ficheiro de morosos.

As empresas só poderán manifestar que un consumidor se encontra en mora cando exista un recoñecemento do consumidor ou un título executivo que así o declare, sen prexuízo do dereito á exixencia das obrigas por parte daquelas.

Debe efectuarse unha notificación ao interesado por cada débeda concreta, e nunca poderán incluírse datos con mais de seis anos de antigüidade.

O titular dos datos pode exercitar o seu dereito a cancelalos ou rectificalos e o responsable do tratamento terá obriga de facelos efectivos no prazo de dez días e serán rectificados ou cancelados, no seu caso, os datos de carácter persoal cuxo tratamento non se axuste ao disposto na Lei e, en particular, cando tales datos resulten inexactos ou incompletos.

As infraccións que poidan cometerse na xestión destes rexistros poderán ser sancionadas pola Axencia Española de Protección de Datos. 

Temática:
TelecomunicaciónsTelefonía