Como usuario de telecomunicacións, tes dereito a que o servizo que se che preste se realice de forma continuada e sen interrupcións, de sorte que se estas se producen, poderás esixir ao teu operador as correspondentes indemnizacións. O contrato de abono do servizo telefónico deberá recoller os termos e condicións nos que se dará cumprimento a esta obriga.

 

 Interrupción do servizo de telefonía fixa

Se sofres interrupcións temporais do servizo de telefonía fixa, o teu operador está obrigado a indemnizarche coa maior destas dúas contías:

  • A media do importe facturado por tódolos servizos interrompidos durante os tres meses anteriores á interrupción, rateado polo tempo que durase a interrupción. No caso dunha antigüidade inferior a tres meses, considerarase o importe da factura media nas mensualidades completas efectuadas ou a que se houbese obtido nunha mensualidade estimada de forma proporcional ao período de consumo efectivo realizado.
  • Cinco veces a cota mensual de abono ou equivalente vixente no momento da interrupción rateado polo tempo de duración desta.

Se o importe é superior a 1 €, deberán facerche a compensación de maneira automática na seguinte factura, a cal sinalará a data e a duración da interrupción así como o cálculo aplicado para determinar a indemnización.

Cando as interrupcións se deban a causas de forza maior, o operador unicamente terá obriga de compensarche automaticamente coa devolución do importe da cota de abono e outras independentes do tráfico, rateado polo tempo que houbese durado a interrupción.

Non obstante o anterior, a obriga de indemnizar non se aplicará cando a interrupción se deba ao incumprimento do contrato polo usuario (especialmente fraude ou retrasos no pago), a realización de conexións por parte do usuario de equipos e terminais non conformes coa normativa vixente que provoquen danos na rede ou ao incumprimento do código de conduta por parte dun usuario que preste servizos de tarificación adicional, cando a titularidade do contrato de abono corresponda a este último.

 

Interrupción do servizo de internet

As interrupcións do servizo de acceso a internet deberán indemnizarse coa devolución da cota de abono e demais cotas fixas rateadas polo tempo de duración da interrupción. A indemnización realizarase de forma automática na seguinte factura cando a interrupción tivese unha duración superior a seis horas (continuadas ou non) en horario de 8 a 22 horas. O contrato de abono do servizo de acceso a internet deberá recoller os termos e condicións nos que se dará cumprimento a esta obriga.

Non operará a indemnización cando concorran as causas imputables ao usuario previstas para a telefonía fixa.

 

Interrupción do servizo de telefonía e internet móbil

Terás dereito a reclamar pola interrupción destes servizos nos seguintes casos:

  • Cando o operador coñeza a través dos seus sistemas de información que te atopabas nunha zona afectada pola interrupción dos servizos.
  • Cando o domicilio que figura no teu contrato se atope dentro da zona afectada e o operador non che poida situar noutra zona durante o tempo da interrupción.
  • Cando lle manifestes ao operador nos 10 días seguintes ao restablecemento do servizo que te atopabas na zona afectada pola interrupción e o operador non poida contradicilo cos datos dos seus sistemas de información.

O importe da indemnización determinarase de igual forma que para a telefonía fixa. 

Temática:
TelecomunicaciónsTelefonía