SUBMINISTRO DE GAS NATURAL

Á hora de contratar o subministro de gas tes dereito a contratar libremente coa compañía comercializadora que prefiras.

 

Proceso de contratación

Á hora de contratar o teu subministro de gas, as compañías deberán informarte e asesorarte sobre os distintos aspectos que afectarán o teu contrato  como a tarifa que máis te conveña, os complementos da mesma e outras condicións.

É importante que ti, como usuario, teñas a información necesaria para facer unha boa elección.

 

Mercados

As compañías comercializadoras son as empresas que che poden vender gas natural, é dicir , a que che factura. Compre saber que os consumidores que se decidan polo mercado regulado estarán a contratar cunha comercilizadora de último recurso mentres os que elixan o mercado libre o farán con outras comercializadoras. Pero, ¿cales son as diferenzas?

Se te acolles ao MERCADO REGULADO, a contratación realizase con empresas comercializadoras de último recurso. Estas compañías son:

  • Endesa Energía XXI, S.L.U.
  • Iberdrola Comercialización de Último Recurso, S.A.U.
  • Gas Natural S.U.R. SDG, S.A.
  • Madrileña Suministro de gas S.U.R, S.L.
  • EDP Comercializadora de Último Recurso, S.A.

As condicións económicas e contractuais do subministro están reguladas legalmente

Pola contra, en mercado libre a contratación realizase con empresas comercializadoras de mercado libre. 

As condicións económicas e do subministro son as previstas na oferta da comercializadora. 

A diferenza máis importante entre un mercado e outro é o grao de protección como consumidor, pois se contratas cunha comercializadora de mercado regulado disporás de máis dereitos. Unha vez feita a túa elección, podes darte de alta no subministro de gas.

 

Proceso de alta

Existen dúas condicións necesarias para darte de “alta” no teu subministro de gas. A primeira será establecer o teu contrato de subministro coa comercializadora elixida. Para iso, podes poñerte en contacto directamente coa compañía que finalmente elixas, contratar por teléfono ou dende a súa páxina web. A segunda condición refírese as acometidas pois no momento de contratar, debes ter en conta se son necesarias ditas instalacións.

 

Novos puntos de subministro

As acometidas son todas as instalacións necesarias destinadas a subministrar gas por canalización a un ou máis usuarios. É dicir, no caso de ser necesario un novo punto de subministro de gas ou a ampliación dun xa existente, ti como consumidor podes solicitar as instalacións. Pola contra, se a túa vivenda non ten subministro pero si instalación de gas non será necesario acometidas.

A encargada de facer as  instalación será a empresa distribuidora polo que deberás ser comunicado nun prazo de 15 días pola mesma en caso de ser necesario un proxecto específico para a acometida, así como o custe que debe aboar, os prazos para a construción e para o inicio do subministro.

Cales son os conceptos que debes pagar como consumidor?

CON NECESIDADE DE ACOMETIDA

  • Un importe en función da tarifa ou peaxe contratado*
  • Gastos da fianza
  • Dereitos de alta: enganche + verificación das instalacións*

SEN NECESIDADE DE ACOMETIDA

  • Enganche + Verificación das instalacións
  • Gastos da fianza

Qué son os dereitos de alta?  Son aqueles custes que debes pagar ao contratar a prestación do servizo. Estes dereitos tan só se pagan no caso de novos subministro ou de ampliación dos xa existentes, estando incluídos os servizos de enganche e verificación das instalacións.

Enganche: consiste na adaptación das instalacións receptoras  a rede da empresa distribuidora.

Verificación das instalacións: consiste na revisión e comprobación das instalacións que deben axustarse as condicións técnicas e de seguridade regulamentarias. Sen embargo, non se pagará a verificación en dous casos:

  • Cando sexa necesaria a presentación dun boletín de instalador autorizado de gas.
  • Cando sexa necesaria a presentación dun proxecto e o certificado final da obra.

 

Cambio de comercializadora

Se estás interesado en cambiar de comercializadora, tan só necesitas contactar co novo subministrador elixido e firmar un novo contrato de subministro. Polo demais, será este comercializador o encargado de tramitarte o cambio de subministro coa empresa distribuidora de gas natural.

É importante que saibas que o cambio de subministrador é gratuíto e deberá realizarse nun prazo máximo de tres semanas. Ademais o inicio de subministro co novo comercializador implica a finalización da relación contractual co anterior que deberá enviarte a última factura nun prazo máximo de seis semanas.

 

Contrato

É importante que saibas que o teu contrato é persoal, é dicir, o titular debe ser o real consumidor do subministro de gas. Non podes utilizalo en lugar distinto para o que foi contratado, nin cedelo, nin venderllo a terceiros. Por outra parte, a compañía comercializadora debe comunicarte a seguinte información antes da celebración ou confirmación do contrato:

  • Identidade e dirección do subministrador.
  • Características do servizo contratado: servizos prestados, nivel de calidade e prazo para a conexión inicial así como o tipo de servizo de mantemento e os seus gastos.
  • Tarifa aplicable: Tarifa de último recurso, tarifa plana, tarifa variable ou bono social.
  • Duración do contrato: en principio son anuais e, mentres non manifestes a túa vontade de darte de baixa, renóvase de maneira automática durante prazo iguais. 
  • As condicións para a renovación do contrato.
  • A cancelación dos servizos e do contrato. As razóns para cancelar o teu contrato son:
  • A túa solicitude de baixa.
  • Se solicitas un novo contrato para un mesmo punto de subministro.
  • A interrupción do subministro durante máis de dous meses dende a data de suspensión.
  • A suspensión do subministro nos casos de fraude.
  • Ao darse calquera modificación no contrato. Neste caso podes cancelar o contrato sen custe algún.
  • O modo de compensación e reembolso se non se cumpren os niveis de calidade contratados e por facturación incorrecta e retrasada.
  • Método para iniciar un procedemento de resolución de conflitos.
  • Información sobre os dereitos que tes como consumidor, inclúese o trámite de reclamacións. 

Documentación e ligazóns relacionadas

Temática:
SubministrosGas