Seguros de persoas

Son aqueles contratos que teñen como finalidade asegurar á persoa. Neste caso, protéxese a persoa asegurada contra un posible risco que che afecte directamente, como pode ser falecemento, supervivencia, alteración da saúde, etc. 

En todo caso, o obxecto do contrato pode referirse tanto a unha persoa como a un grupo de persoas, delimitado por algunha característica común. Ao tempo, dispós de distintas modalidades de seguros de persoas segundo o ben asegurado, como o seguro de vida, o seguro de accidente ou o seguro de enfermidade e asistencia sanitaria.

No SEGURO DE VIDA, o pago das cantidades que pactaras coa compañía queda condicionada ao falecemento ou supervivencia do asegurado. É por elo importante distinguir entre asegurado, de cuxa vida dependendo o pago do capital; tomador, que é quen contrata o seguro e paga a prima (pode coincidir co asegurado); e beneficiario, que será o que perciba o capital pagado pola aseguradora no caso de que suceda a circunstancia prevista no contrato (por exemplo, morte do asegurado).

Neste tipo de contrato, o asegurado pode ser calquera persoa, sempre que sexa maior de 14 anos e non estea incapacitada. Así mesmo, para os supostos de que o asegurado sexa menor de idade será necesaria a autorización por escrito dos seus representantes legais.

En todo caso, segundo o obxecto do seguro de vida, dispós de dispós de distintas modalidades como seguro de falecemento, de supervivencia ou seguro mixto (morte e supervivencia).

O beneficiario poderá ser o propia asegurado ou un terceiro. Se o tomador do seguro é persoa distinta do asegurado, será necesario o consentimento do asegurado por escrito.

O tomador do seguro poderá designar beneficiario ou modificar a designación feita, sen necesidade de consentimento do asegurador. A designación do beneficiario poderá facerse na póliza, nunha declaración escrita comunicada ao asegurador con posterioridade ou en testamento.

Se falece o asegurado e o beneficiario non estivese designado, o capital formará parte do patrimonio do tomador.
     Idade do asegurado 

Se á hora de contratar un seguro, non indicas a túa idade real, e sobre pasa os límites establecidos pola compañía, esta poderá impugnar o contrato.  Consecuentemente, se pagas unha prima inferior á que che correspondería aboar, reduciranse as prestacións pactadas en proporción á prima que se estea a pagar. Pola contra, se a prima aboada é superior a que correspondería atendendo á idade, a compañía restituirá o exceso das cantidades cobradas a maiores, sen intereses.

     Resolución do contrato 
 
O tomador poderá resolver o contrato, de forma unilateral, sen ter que indicar os motivos e sen penalización algunha, DENTRO DOS 30 DÍAS SEGUINTES á data na que o asegurador entregue a póliza ou documento de coberturas provisional, sempre que se trate dun seguro contratado para un período superior a 6 meses

A decisión do tomador de resolver o contrato debe ser comunicada á compañía por escrito ou por calquera outro medio que quede constancia (carta certificada, burofax, etc.).

As coberturas do contrato cesarán a partir da data da comunicación, tendo dereito o tomador do seguro a que se lle devolva a parte da prima pagada e non utilizada, dispondo a compañía dun prazo de 30 días, a contar dende a recepción da comunicación, para levar a cabo dita devolución.

Quedarán excluídos da cobertura os supostos de morte do asegurado cando sexa causada por algunha das circunstancias expresamente excluídas na póliza ou a consecuencia dun suicidio durante o primeiro ano de vixencia do contrato. Así mesmo, cando a morte do asegurado sexa causada dolosamente polo beneficiario, este quedará privado da prestación que se lle recoñecese no contrato, integrándose a mesma no patrimonio do tomador.
    
Nos SEGURO DE ACCIDENTES, enténdese por accidente aquela lesión corporal que deriva dunha causa violenta súbita, externa e allea á intencionalidade do asegurado, e cuxo resultado pode ser a morte ou invalidez (temporal ou permanente). 

O asegurador obrígase a satisfacer ao beneficiario unha prestacións económica segundo o estipulado no contrato, no caso de morte ou supervivencia do asegurado, ou de ambos eventos conxuntamente.

Pode estipularse sobre a vida propia ou sobre a de un terceiro. 

É motivo de excepcións de responsabilidade do asegurador cando sexa o propio asegurado o que provoque intencionadamente o accidente, supostos nos que non terá que facerse cargo de ningunha das prestacións recollidas no contrato. En todo caso, cando sexa o beneficiario o que causa dolosamente o sinistro, a designación feita ao seu favor no contrato será nula, correspondendo dita indemnización ao tomador ou aos seus herdeiros.

Para os seguros de accidente, as coberturas variarán segundo o suposto do que se trate, así garántese:
•    O pago dun capital, para o caso de morte. Pagarase ao beneficiario a indemnización estipulada no contrato, segundo o acordado.

•    O pago dun capital, para o caso de invalidez permanente. Aboarase un capital ao 100% para o caso de que o asegurado quede totalmente incapacitado por invalidez.

Cando se trate dunha invalidez parcial, aboarase unha parte proporcional do capital establecido no contrato. Para determinar a indemnización, atenderase aos baremos establecidos pola propia asegurador en función da gravidade da lesión e incapacidade por invalidez.

•    O pago dunha cantidade diaria, por invalidez temporal. Durante o tempo que o asegurado permaneza en situación de incapacidade, aboaráselle unha renda diaria, atendendo ao estipulado no contrato. 

•    A prestación de asistencia sanitaria, derivada de accidente. Os gastos de asistencia sanitaria, que veñan derivados dun accidente, serán por conta do asegurador, sempre que dita cobertura veña establecida na póliza e atendendo ás condición previstas no contrato.

Para determinar o grado de invalidez empregarase un informe médico de incapacidade. Se o asegurado non estivese de acordo coa indemnización establecida pola compañía, calculada en base ao grado de invalidez e aos baremos fixados na póliza, ambas partes someterse á decisión pericial, tendo que designar un perito médico, que deberá ser aceptada por escrito.    

Os SEGURO DE ENFERMIDADE e ASISTENCIA SANITARIA son seguros mediante os cales o risco asegurado é a enfermidade, polo que se garante o pago de sumas e gastos de asistencia médica e farmacéutica para o suposto de enfermidade do asegurado. Normalmente establécese un prazo de carencia dende a contratación do seguro durante o que non estará cuberta a enfermidade. Esta cláusula debes aceptala expresamente por escrito.

Seguro contra danos

O SEGURO OBRIGATORIO DE VEHÍCULOS AUTOMÓBILES é un seguro obrigatorio por lei, para todo tipo de vehículos a motor (que poderá ser concertado polo propio condutor ou por outra persoa que teña interese). A alta deste tipo de seguro atende á responsabilidade que ten que asumir o condutor, derivada dos riscos creados a causa da súa condución (tanto dos danos causados ás persoas como aos bens).

Quedan excluídas as lesións ou falecemento do condutor do vehículo causante do accidente, así como os danos que sufra o vehículo asegurado e os bens transportados no mesmo. Tamén quedan excluídos os danos causados por un vehículo roubado. Neste caso, farase cargo da indemnización derivada dos danos ocasionado, tanto materias como persoais, o Consorcio de Compensación de Seguros.

Estas serán as únicas exclusión que a compañía aseguradora poderá opor fronte ao prexudicado, con independencia de que no propio contrato se recollese algunha outra.

Se un condutor circula con un vehículo sen estar asegurado, poderáselle impor unha sanción que leve aparellada a prohibición de circular por territorio nacional, o depósito ou precinto público ou domiciliario do vehículo, con cargo ao seu propietario, ou unha sanción económica que poderá ir dende 601 euros ata 3.005 euros de multa.

Queda garantida a cobertura da responsabilidade civil de vehículos terrestres automóbiles, en todo o territorio da UE, correspondente a danos a persoas (cun importe de 70 millóns de euros por sinistro, calquera que sexa o número de vítimas) ou danos a bens (establecéndose un importe de 15 millóns de euros por sinistro). Estes importes actualizaranse segundo o IPC europeo.
A compañía aseguradora quedará exonerada de responsabilidade cando os danos causados ás persoas veñan provocados pola condución ou neglixencia do prexudicado, ou se deriven de causas de forza maior estraña á condución ou ao funcionamento do vehículo (non se consideran casos de forza maior os defectos do vehículo nin a ruptura ou fallo dalgunha das súas pezas ou mecanismo).

Cando se trate de danos en bens, se o condutor fose o responsable, terá que responda fronte aos terceiros prexudicados. Se concorre neglixencia do condutor e do prexudicado, moderarase a responsabilidade e a indemnización.

Se a contía da indemnización resultase superior ao importe da cobertura do seguro obrigatorio, satisfarase, con cargo a este, dito importe máximo, e o resto ata o montante total da indemnización será a cargo do seguro voluntario ou do responsable do sinistro, segundo proceda.
A compañía aseguradora terá que satisfacer ao prexudicado o importe dos danos sufridos que lle fosen ocasionados, a el a aos seus bens. A acción directa para reclamarlle ao asegurador a indemnización correspondente prescribirá polo transcurso dun ano.

Asemade, a aseguradora dispón dun prazo de 3 meses, a contar dende a recepción da reclamación do prexudicado, para presentar a oferta de indemnización ou unha resposta motivada a cerca de por que rexeita o sinistro e consecuentemente non asume a indemnización. De non dar unha resposta motivada no prazo dos tres meses, imporanse xuros moratorios á aseguradora; así mesmo, devengaranse xuros moratorios igualmente nos supostos nos que, sendo aceptada a oferta polo prexudicado, esta non se satisfaga no prazo de 5 días.  

A compañía de seguros debe facilitar aos usuarios exemplares da declaración amigable de accidente, que deberá ser utilizada polo condutor para presentar a declaración dos sinistros á súa aseguradora. 

A través do seguinte enlace podemos ver como é un parte de declaración amigable de accidente: declaracion-amistosa-accidente.pdf

Este parte deberá recoller os datos relativos a cada un dos vehículos implicados no accidente, os seus propietarios, condutores e respectivas entidades aseguradoras. É importante que no mesmo indiquemos a matrícula dos vehículos, entidade aseguradora, número de póliza e os danos sufridos por cada un dos implicados.

Podemos comprobar como o mencionado parte recolle 17 casiñas, para cada un dos implicados, con diversas circunstancias, as cales se deberán marcar segundo o sucedido en cada caso, e así poder deducir quen é o responsable do sinistro. Tamén hai un espazo no cal se poderá debuxar un croque do ocorrido. 

É imprescindible que ambas partes asinen dito parte amigable, para poder chegar de forma máis rápida e eficiente a un acordo entre as partes.
A maiores, pola parte de atrás poderanse incluír todos aqueles datos que fosen necesario, como no caso de que houbese máis de dous vehículos implicados, etc.

O SEGURO OBRIGATORIO DE VIAXEIROS (SOV) e o seguro obrigatorio, que debe ter contratado todo transportista de viaxeiros. A finalidade é a de indemnizar aos viaxeiros ou aos seus herdeiros, cando sufran danos corporais a causa dun accidente durante o desprazamento mediante un transporte público colectivo español, cando circulen por territorio nacional ou a viaxe teña inicio neste.

Este seguro é compatible con calquera outro seguro que tivese contratado o viaxeiro.

Así mesmo, este seguro non libera á empresa transportista, aos condutores dos vehículos ou a terceiros, da responsabilidade civil na que puidesen incorrer, xa fose de forma dolosa.

Terán cobertura todas as lesións corporais que sufran os viaxeiros a consecuencia directa dun choque, envorco, saída da calzada, rotura, explosión, incendio, reacción, golpe exterior ou calquera outra avaría que afecte ou se derive do vehículo. Así mesmo, establécense indemnizacións económicas e asistencia sanitaria por morte, invalidez permanente ou incapacidade temporal do viaxeiro.
As mesmas serán aboadas segundo o baremo que consta no anexo do RD 1575/1989, de 22 de decembro, que aproba o Regulamento do seguro obrigatorio de viaxeiros, establecéndose unha indemnización por importe de 36.060,73 euros para caso de falecemento. En todo caso, cando se trate de lesións corporais, establécense diversas categorías ás que haberá que atender en cada caso concreto para valorar. 

Quedan asegurados baixo a cobertura deste seguro todas aquelas persoas que posúa o título de transporte no momento do accidente, con independencia de que este fose de pago ou gratuíto. Naqueles supostos nos que se expida o billete sen solicitar a identificación do viaxeiro, entenderase que o accidentado está provisto de billete, en todos aqueles casos nos que, polas características do accidente, sexa verosímil o extravío ou destrución do billete.

Tamén quedan cubertos os menores de idade que estean exentos do pago do billete, o persoal da empresa transportista dedicado aos servizos requiridos para o seu funcionamento e o persoal das Administracións públicas que se atopen na viaxe a causa do exercicio das súas funcións.

Medios de transporte incluídos:
•    Autobuses, trolebuses e tranvías que circulen por vías urbanas e interurbanas (públicas ou privadas), cando o transporte sexa público.
•    Ferrocarrís
•    Teleféricos, funiculares, telesquís, telecadeiras, telecabinas ou calquera outro que se realice por cable.
•    Embarcacións de matrícula e pavillón español, que estean autorizados para o transporte público colectivo de pasaxeiros.

Están excluídos os transportes destinados ao transporte público de persoas con menos de nove prazas, salvo os de tracción por cable.

Quedan cubertos os accidentes que teñan lugar durante a viaxe, así como todos aqueles que sucedan antes de comezar a viaxe, se o vehículo xa fose posto a disposición dos viaxeiros, ou os que teñan lugar inmediatamente despois de terminarse, mentres que o pasaxeiro se atopa no vehículo.

A cobertura deste seguro non alcanzará aos asegurados que provoquen os accidentes en estado de embriaguez ou baixo os efectos de drogas, estupefacientes ou estimulantes, ou mediante a comisión de actos dolosos.

     Prestacións

Por falecemento, cuxa indemnización en caso de morte será única. Se, como consecuencia do accidente se produce o falecemento durante os 18 meses seguintes, contados dende a data do accidente, tamén procederá a indemnización.

Por incapacidade: Será beneficiario o propio asegurado, podendo distinguir entre:

* Incapacidade permanente cando, debido á natureza das lesións causantes da incapacidade permanente, sexa imposible emitir un diagnóstico definitivo durante o curso do tratamento, o asegurado poderá solicitar e obter nese período o abono de cantidades en concepto de anticipo a conta da indemnización que poida corresponderlle. 

* Incapacidade temporal, suposto no que se indemniza en función do grado de inhabilitación que se atribúa ao asegurado, atendendo ás lesións, e en base ao baremo recollido no anexo do Regulamento do Seguro Obrigatorio de Viaxeiros.

De asistencia sanitaria, cuxa garantía esténdese ás 72 horas seguintes ao momento do accidente, cando se trate de lesión que non requiran hospitalización do asegurado ou tratamento especializado en cura ambulatoria. Ata os 10 días seguintes, cando o asegurado tivese a hospitalización cuberta por outros seguros obrigatorios, ou ata os 90 días seguintes, nos restantes casos.

No SEGURO DE FOGAR as pólizas veñen reguladas pola Lei de Contrato de Seguros e pola Lei de Ordenación e Supervisión dos seguros privados, así como polas propias condicións particulares e xerais do seguro, e trátase de pólizas que xuntan na mesma, garantías de diferentes seguros, para proporcionar coberturas a diversos riscos (por exemplo: roubo, incendio, responsabilidade civil, etc.) mediante un só documento. Estamos a falar das denominadas “pólizas multirriscos do fogar”. 

É práctica habitual que as entidade financeiras esixan ter contratado un seguro de fogar á hora de conceder unha hipoteca. 

Debes distinguir entre as pólizas paquete, a póliza flexible ou multirrisco a opcións e a pólizas en bloque.

As garantía cubertas por unha póliza multirrisco do fogar, distinguen entre o continente, que supón ter aseguradas as instalacións fixas do inmoble (paredes, teito, chan, portas, instalacións fixas de auga, electricidade, caldeiras xeotérmicas, etc.); e o contido, neste caso o seguro cubre os posibles danos que poida sufrir o mobiliario e enxoval doméstico (mobiliario fixo de baño e cociña, os cristais, os electrodomésticos).

Cando contratas un seguro contra incendios, a compañía aseguradora queda obrigada, dentro dos límites estipulados pola lei e no contrato, a indemnizar os danos producidos a causa dun incendio que afecta ao obxecto asegurado.

Enténdese por incendio a combustión e abrasión con chama, capaz de propagarse, dun obxecto que non estaba destinado a ser queimado no lugar nin momento no que se produce.

As coberturas deste tipo de seguros subscríbense aos obxectos descritos na póliza, quedando a compañía de seguros obrigada a indemnizar os danos producidos por incendio cando este fose orixinado por causas fortuítas, por malicia de estraños ou por neglixencia propia ou das persoas de quen se responda civilmente.

Cando se trate dun seguro sobre mobiliario, a cobertura incluirá os danos producidos por incendios nos bens de uso habitual do asegurado, da súa familia, persoas dependentes e das persoas que convivan co asegurado.   

Quedan excluídos, salvo pacto en contrario, os danos que cause o incendio nos valores mobiliarios públicos ou privados (acción, etc.), efectos de comercio, billetes de banco, pedras e metais preciosos, obxectos artísticos ou calquera outro obxecto de valor que se atope no lugar asegurado. 

Así mesmo, cando os obxectos asegurados, destruídos a causa do incendio, se atopasen fóra do lugar descrito na póliza no momento de producirse o sinistro, o asegurador non estará obrigado a asumir a indemnización establecida, salvo que comunicases por escrito á compañía o traslado dos mesmos e esta non manifestase a súa desconformidade no prazo de 15 días.

Quedará igualmente eximido de responsabilidade a aseguradora cando os danos provocados polo incendio se orixinasen por culpa do asegurado. 

Cando contrates un seguro de roubo, a aseguradora queda obrigada a indemnizarte polos danos, dentro dos límites establecidos por lei e polo propio contrato, derivados do roubo dos obxectos asegurados, levado a cabo por terceiros. Nestes supostos, quedará cuberto tanto o valor do interese asegurado cando o obxecto fose subtraído e non se atopase no prazo sinalado no contrato, como os danos que a comisión do delito causase no obxecto asegurado.

Quedarán excluídos das coberturas deste seguro os danos consecuencia do sinistro, cando este se producise a causa de neglixencia grave do asegurado, tomador ou das persoas que con eles convivan, ou se leve a cabo fóra do lugar indicado na póliza ou a causa do seu transporte, salvo pactado en contrario ou cando o sinistro sexa a consecuencia de riscos extraordinarios. 

O SEGURO DE ASISTENCIA EN VIAXE é un seguro accesorio, contratado como complementario á póliza doutro seguro (por exemplo, automóbil, accidentes, multirisco de fogar, etc.), mediante o cal o asegurador garante ao tomador unha axuda material inmediata, en forma de prestación económica ou de servizos, cando este se atope en dificultades a consecuencia dun evento fortuíto na realización dunha viaxe fóra do seu domicilio habitual, atendendo ás condicións previstas no contrato concertado previamente.

O SEGURO DECENAL garante, no ámbito da edificación de vivenda, a cobertura de todos aqueles danos xurdidos por vicios ou defectos da construción, e que afectan directamente á resistencia do edificio, durante un período de 10 anos.

Dito seguro pasou a ser obrigatorio a partir do 6 de maio de 2000 (entrada en vigor da lei de ordenación da edificación), quedando as construcións anteriores baixo a regulación do Código civil.

Naqueles supostos nos que o obrigado a contratar o seguro non o faga, este pasará a responder igualmente, e de forma persoal, das garantías ás que por lei ven obrigado e que máis abaixo se recollen. 

O tomador deste seguro será o promotor, o cal ven obrigado por lei a subscribir dito seguro e os beneficiarios serán os compradores das vivendas.

É importante distinguir os axentes que interveñen na edificación para poder dirimir responsabilidades, atendendo a aqueles supostos onde non se coñeza con seguridade quen cometeu a neglixencia, responderán solidariamente. Así distinguimos:

•    PROMOTOR: calquera persoa que impulse, programe e financie as obras de edificación para a súa posterior entrega ou venta a terceiros baixo calquera título.

•    PROXECTISTA:  axente que, por encargo do promotor e con suxeición á normativa técnica e urbanística correspondente, redacta o proxecto.

•    CONSTRUTOR: axente que asume, contractualmente ante o promotor, o compromiso de executar con medios humanos e materiais, as obras ou parte das mesmas con suxeición ao proxecto e ao contrato.

•    DIRECTOR DE OBRA: axente que dirixe o desenrolo da obra nos aspectos técnicos, estéticos, urbanísticos e medioambientais, de conformidade co proxecto que a define, a licenza de edificación e demais autorizacións preceptivas e as condicións do contrato, co obxecto de asegurar a súa adecuación ao fin proposto.

•    DIRECTOR DE EXECUCIÓN DA OBRA: axente que asume as funcións técnicas de dirixir a execución material da obra e de controlar cualitativa e cuantitativamente a construción e a calidade do edificado. 

Responsabilidade dos axentes da edificación e prazos para reclamar:

Durante 10 anos: poderase reclamar a reparación dos danos causados por vicios ou defectos que afecten á cimentación, os soportes, as vigas, os forxados, os muros de carga e outro elementos estruturais e que comprometan a resistencia mecánica e a estabilidade do edificio.

Durante 3 anos: danos materiais causados no edificio por vicios ou defectos dos elementos construtivos ou de instalación que incumpran os requisitos de habitabilidade.
Enténdense cumpridos os requisitos de habitabilidade cando se alcancen condicións aceptables de salubridade no interior do edificio, que non se perciban ruídos que supoñan perigo para a saúde das persoas ou lles sexa imposible levar a cabo as súas actividades; que sexa posible un uso razoable da enerxía necesaria para a adecuada utilización do edificio.

Durante 1 ano: o construtor responderán dos danos materiais por vicios ou defectos de execución, que afecten a elementos de terminación ou acabado das obras, que se produzan nos elementos de acabado ou de terminación da obra.

O cómputo destes prazos, para poder presentar reclamación, comezaranse a contar dende o momento de recepción da obra. 

O asegurador poderá optar entre indemnizar ao asegurado (comprador da vivenda), atendendo á valoración dos danos, ou reparar os mesmos.

Quedan excluídos os danos que non veñan garantidos pola lei; os danos ocasionados a inmobles contiguos ou adxacentes ao edificio, a bens mobles sitos no edificio, danos ocasionados por modificacións ou obras realizadas no edificio despois da recepción (salvo subsanación dos defectos), así como gastos necesarios para o mantemento do edificio do que xa se fixo a recepción, danos ocasionados polo mal uso ou falta de mantemento axeitado do edificio, os que teñan a súa orixe nun incendio ou explosión (salvo que se deba a vicios ou defectos da instalación do edificio), os ocasionados por caso fortuíto, forza maior, acto de terceiros ou polo propio prexudicado polo dano, e aqueles que teñen orixe en partes da obra sobre as que houbese reservas na acta de recepción, mentres tales reservas non fosen subsanadas.

O SEGURO DE DEFENSA XURÍDICA e aquel mediante o que a compañía aseguradora se fai cargo dos gastos derivados da intervención do asegurado nun procedemento administrativo, xudicial ou arbitral, e presta os servizos de asistencia xurídica derivados da cobertura do contrato.

Queda excluído da cobertura deste seguro o pago de multas e a indemnización de gastos orixinados por sancións administrativas impostas ao asegurado polas autoridades administrativas ou xudiciais.

O asegurado ten dereito, en calquera caso, a elixir libremente o Procurador e Avogado que o represente e defenda en calquera tipo de procedemento. 

En todo caso, o asegurado ten dereito a someterse ao procedemento arbitral calquera diferenza que poida xurdir co asegurador sobre o contrato de seguro, tendo que designarse o árbitro con posterioridade á disputa.

Quedan excluídos da aplicación do aquí disposto os seguintes supostos:
i.     Cando o propio asegurado sexa o culpable do sinistro e a reclamación se dirixe a súa compañía, non terá dereito a designar avogado, quedando obrigado a prestar toda a colaboración que lle sexa posible.
ii.    Defensa xurídica realizada polo asegurador na asistencia en viaxe.
iii.    Defensa xurídica que teña por obxecto litixios ou riscos que xurdan ou teñan relación co uso de buques ou embarcacións marítimas. 

Reclamacións

Servizo de Atención ao Cliente

Cando teña lugar un sinistro, deberás por os feitos en coñecemento da túa compañía aseguradora, a través do servizo de atención ao cliente.

Se a compañía non se quixese facer cargo das coberturas contratadas ou non estiveses de acordo coas prestacións realizadas, podes presentar a correspondente reclamación ou queixa ante o propio Servizo de atención ao cliente da entidade. Esta debe recoller os contidos mínimos de calquera reclamación, como son: os datos identificativos do reclamante; identificación da entidade reclamada; motivo da reclamación ou queixa; e o lugar, data da mesma, seguida da sinatura do reclamante ou representante deste. É importante que vai acompañada de toda canta documentación exista e resulte imprescindible para resolver o conflito existente.

Defensor do cliente

Cando a compañía non che conteste á reclamación que presentases ante o Servizo de atención ao asegurado ou cando a resposta fose desfavorable, poderás dirixirte ao defensor do cliente. Este é un organismo independente á compañía e cuxa resolucións será vinculante para a entidade reclamada, pero non para ti. 
Ten presente que as aseguradoras non están obrigadas a adherirse a este organismo, ao tempo que pode haber compañías que pertenzan a un mesmo Defensor do asegurado. En todo caso, o prazo máximo ao que debe acollerse este organismo para ditar unha resolución, será de dous meses, a contar dende a presentación da reclamación.

Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións

Cando a túa reclamación ou queixa non fosen atendida de forma favorable polo Departamento de atención ao cliente ou polo Defensor ou, transcorrido o prazo de dous meses sen dar resposta, poderás dirixirte á Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións . En todo caso, as resolución ditada pola Dirección Xeral de Seguros non é vinculante para ningunha das partes.

Poderás TRAMITAR a túa reclamación por escrito, empregando o seguinte formulario FORMULARIO QUEIXA E RECLAMACIÓN.pdf, ou a través de calquera medio electrónico. 

Esta debe conter os datos identificativos do reclamante (nome e apelidos, ou denominación social, no caso de persoa xurídica; domicilio a efectos de notificación, DNI ou CIF, no seu caso). Si se tramitase a través de representante, deberase acreditar a representación mediante AUTORIZACIÓN, ou calquera outro medio válido; identificación da entidade reclamada; descrición dos motivos da reclamación ou queixa. É imprescindible acreditar que xa se presentou a correspondente reclamación ante o servizo de atención ao cliente da entidade ou, no seu caso, ante o Defensor do cliente (sendo denegada a súa admisión ou desestimada a pretensión solicitada) ou, no seu caso, que xa transcorreran dous meses dende a presentación da mesma sen que fose resolta. Finalmente debes indicar o lugar e data, e asinala.

Recorda acompañala de toda canta documentación resulte imprescindible para resolver as cuestións que xurdan con motivo da reclamación ou queixa, sen prexuízo de que este organismo solicite da entidade reclamada a documentación que deba obrar no seu poder en relación coa mesma.

Poderás remitir a reclamación ante a DIRECCIÓN XENERAL DE SEGUROS E FONDOS DE PENSIÓNS, dirixíndoa ao seu Servizo de Reclamación, na seguinte dirección: Paseo de la Castellana, nº. 44, 28046 Madrid. 

Este organismo dispón dun prazo máximo de 4 meses para responder, a contar dende a data de presentación da reclamación no servizo de reclamacións competente.

Cando non sexa posible resolver neste prazo, deberá constar no informe final as causas que non permitiron concluír o expediente en prazo. En todo caso, que non se emita informe dentro do prazo estipulado non quere dicir que se estimen as pretensións da reclamación

O expediente CONCLUÍRA con un informe motivado, incluíndo conclusións claras nas que conste se a entidade quebrou as normas vixentes e se a súa actuación se axusta ou non ás boas prácticas. En todo caso, dito informe final deberá dar resposta a todas as cuestión que expoñan as reclamacións. 

NOTIFICARASE aos interesados e a entidade reclamada no prazo de 10 días hábiles, a contar dende a data de emisión. 

En todo caso, a resolución deste organismo non ten carácter vinculante para ningunha das partes, así como tampouco a consideración de acto administrativo recorrible.

Temática:
Serv. financeiros e segurosSeguros