¿Que debe incluír o orzamento de reparación?

Cando teñas un problema cun electrodoméstico e solicites a asistencia dun técnico para que cho repare, terás dereito a que se che entregue un ORZAMENTO PREVIO por escrito, que terá unha validez mínima de 30 días a contar desde a súa entrega.

Este debe recoller, alo menos, a identificación do Servizo de Asistencia Técnica (SAT), os datos do cliente, datos do aparato (marca, modelo e número de serie), o motivo da reparación e diagnóstico da avaría, importe do servizo (identificando as pezas de reposto a empregar), data e sinatura do responsable do SAT e o prazo previsto de entrega do ben reparado ou data da reparación (cando esta se realice no domicilio do cliente). No seu caso, data e sinatura de aceptación do usuario. En todo caso, debe indicarse o tempo de validez do orzamento.

A empresa non che poderá cobrar nada pola elaboración do orzamento, salvo que este fose solicitado por ti e posteriormente non o aceptases, sempre que foses informado previamente. Nestes casos, o aparato deberá ser devolto nas mesmas condicións nas que foi entregado antes de realizarse o orzamento.  

Asemade, unha vez reparado o aparato, tamén poderán cobrar polos GASTOS DE ALMACENAXE a partir dun mes dende a data en que se tivese que recoller, comezando a contarse dito prazo dende que se che comunicou que xa está reparado e á túa disposición. O establecemento deberá publicar claramente nunha táboa de cara o público o que se cobrará por dito almacenaxe.

Dito presuposto deberá estar á túa disposición nun prazo máximo de 5 días hábiles.

Cando aparezan defectos ocultos durante a elaboración do orzamento ou durante a reparación do aparato, deberáseche comunicar de forma inmediata para proceder, nos supostos de que xa existise un orzamento previo, a confeccionar outro adicional correspondente á reparación do defecto oculto, e o cal terá que ser aceptado. Se o usuario renunciou ao orzamento previo por escrito, o servizo técnico deberá porte en coñecemento a existencia do defecto.

En todo caso, cando o aparato quede no establecemento, ben para ser presupostada a súa reparación ou para levar a cabo o propio servizo de reparación, o servizo de asistencia técnica entregarache un resgardo acreditativo do depósito, o cal debe ser presentado á hora de retirar o aparato. Cando haxa un orzamento previo asinado polo SAT e polo usuario, este será igualmente válido a efectos de resgardo.

Dito xustificante de resgardo deberá incluír, en todo caso, o número de orde correlativo, os datos do aparato (marca, modelo e nº. de serie), os danos visibles e presuntas avarías existentes e servizos a realizar, data de recepción do aparato, prazo previsto de entrega, datos e sinatura do cliente, así como os datos de identificación e sinatura do responsable do SAT.

O servizo de asistencia técnica debe manter a documentación relativa ao resgardo e orzamento previo durante un período mínimo de seis meses.

Pezas de reposto:

As pezas de reposto que se utilicen para a reparación do aparato teñen que ser novas, salvo que o usuario consentise por escrito para que se utilizasen pezas de reposto usadas ou que non sexan orixinais, sempre que estas se atopen en perfectas condicións de uso e por un prezo inferior ao que teñan as pezas novas.

Cando nos atopemos ante unha reparación fóra do prazo de garantía, o servizo de asistencia técnica está obrigado a entregarlle ao usuario as pezas de reposto que fosen cambiadas.

É obriga de todos os servizos de asistencia técnica a dispor de pezas de reposto, como mínimo, durante seis anos, para os aparatos funcionais (sempre que o ben teña un prezo de venta superior a 10.000 pesetas, senón o prazo será de 5 anos); ou durante un prazo de 2 anos, cando se trate de bens estéticos. Os prazo aquí indicados deberán comezar a contarse dende que se deixe de fabricar o modelo do aparato correspondente.

Así mesmo, as pezas de reposto deberán ser postas a disposición do cliente no prazo máximo de 15 días, a contar dende a data da solicitude, cando se trate de aparatos nacionais; ou no prazo de un  mes, cando se trate de aparatos de importación.

O establecemento queda obrigado a entregar FACTURA, a cal debe recoller de forma detallada as operacións realizadas, as pezas de reposto empregadas e o tempo de man de obra utilizado xunto cos respectivos importes, así como debe recoller os importes por desprazamento e transporte.

Ademais, a factura deberá incluír como mínimos o nome, domicilio e número de identificación fiscal do SAT; o nome e domicilio do usuario; a marca e modelo do aparato reparado; e a data e firma da persoa responsable do SAT.

Se existe orzamento previo, a contía reflectida neste debe corresponderse coa da factura.

Garantía das reparacións:

Todas as reparacións que se leven a cabo polo servizo de asistencia técnica quedarán baixo un réxime de garantía, durante un período mínimo de 3 meses, a contar este dende a data de entrega do aparato, sempre que o aparato non fose manipulado posteriormente por un terceiro ou a nova avaría se deba a un uso inadecuado do mesmo, tendo que ser o servizo técnico o que probe que foi así.

Asemade, se durante o prazo de garantía da reparación se reproducise unha avaría xa reparada ou aparecede un novo defecto que tivese orixe na propia reparación, deberáselle comunicar ao servizo de asistencia técnico que levou a cabo a reparación quedando este obrigado a reparar novamente o aparato de forma gratuíta.

Non se poderá cobrar cantidades superiores aos prezos reglamentariamente estipulados, anunciados ou aceptados no orzamento, quedando o servizo de asistencia técnica obrigado a devolverlle ao usuario, de forma inmediata, as cantidade cobradas de máis.

Reclamacións

Se non quedas conforme co servizo prestados poderás presentar unha reclamación, mediante a correspondente folla de reclamación solicitándose no propio establecemento, das cales deberán dispor todos os establecementos de Servizos de Asistencia Técnica. En todo caso, poderá presentarse reclamación a través dunha Asociación de Consumidores ou acudir ante as autoridades competentes en materia de consumo, ao igual que o indicado para reclamar en reparacións no fogar.

Dicionario

APARATOS DE USO DOMÉSTICO: bens de consumo duradeiro de uso doméstico que utilicen para o seu funcionamento calquera tipo de enerxía ou transformación.

SERVIZO DE ASISTENCIA TÉCNICA (SAT): establecemento ou persoa que, cumprindo os requisitos regramentarios establecidos para esta actividade, se dediquen á reparación, instalación ou conservación do mantemento de aparatos de uso doméstico e presten os seus servizos tanto nos locais onde se desenvolve a súa actividade como nos domicilios dos usuarios.

SAT OFICIAL DA MARCA: servizos de asistencia técnica que posúan autorización escrita do fabricante ou do seu representante legal en España.

PEZAS DE REPOSTO: todo elemento ou conxunto de elementos que realicen unha función correcta e específica, incluso decorativa, no aparato de uso doméstico, así como aquela peza necesaria para o correcto funcionamento do aparato de uso doméstico.

 

Temática:
ServizosServizos de asistencia técnica