Consideracións previas

Determinados servizos, dependendo da súa natureza, necesariamente deben manter unha maior garantía en canto a súa eficacia e seguridade, o que supón que se leven a cabo determinados controis técnicos, profesionais ou de calidade sobre os mesmos.

Así, por exemplo, quedan sometidos a un réxime especial de responsabilidade os servizos sanitarios; os de reparación e mantemento de electrodomésticos, ascensores e vehículos de motor; servizos de rehabilitación e reparación de vivendas; servizos de revisión, instalación ou similares de gas e electricidade; e os relativos a medios de transporte. Nestes suposto, os prestadores do servizos serán responsables dos danos e prexuízos causados aos consumidores, salvo que proben que cumpriron as esixencias e requisitos establecidos e dilixencias que esixe a natureza do servizo.

En todo caso, e sen prexuízo do establecido pola normativa específica, a responsabilidade derivada das prestacións dos servizos aquí recollidos terán como límite a contía de 3.005.060,52 euros.

¿Que son os servizos de reparación a domicilio?

Dentro dos servizos de reparación inclúense todos os que se refiran ao mantemento, reparación e reforma da vivenda e locais en xeral, así como as súas instalacións e edificacións anexas. Así, por exemplo, inclúense todos aqueles servizos de fontanería, electricidade, carpintería, albanelería, etc., todos os cales deben seguir unhas mesmas regras.

¿Que debe incluír o orzamento?

Deberán entregarche unha folla informativa onde se especifiquen os prezos aplicables por tempo de traballo e gastos de desprazamento (estes só poderán cobrarse unha vez). Deberá incluír os prezos dos servizos ofertados e as recargas por traballos urxentes ou fóra da xornada habitual (servizos 24 horas ou en fin de semana).

Tes dereito a un orzamento previo debidamente cumprimentado, antes de que se inicien os traballos de reparación. Se renuncias a este, deberás asinar unha orde de traballo na que se reflicta que se renuncia ao orzamento previo e autoriza a reparación.

SE NON ACEPTASES O ORZAMENTO, poderanche cobrar o importe de elaboración, sempre e cando cho advertisen con anterioridade e poderán cobrarche os gastos por desprazamento, no seu caso.

En todo caso, o orzamento debe incluír os datos de identificación da empresa; o prezo da man de obra; a data de inicio e finalización da obra; o prezo total, incluíndo os impostos; o período de garantía do servizo; o período de validez da oferta realizada e a data e sinatura do profesional. Se este fose aceptado por ti, deberás asinalo.

Non se che poderá esixir ningún importe que exceda dos prezos contidos no orzamento. Se houbese algunha variación no mesmo (incluído o prezo), deberá constar por escrito e terá que ser aprobada por ti.

Pezas de reposto

Todas as pezas, elementos ou materiais que se empreguen na prestación do servizo deberán ser novos e axeitados ao uso ou finalidade ao que vaian destinados. Asemade, o profesional absterase de cambiar pezas que non fosen necesarias, cando elo supoña un incremento do custo. En todo caso, cando fose necesario substituír unha peza, o prestador do servizo deberá entregarche as pezas que fosen cambiadas.

Si se utilizasen pezas de segunda man, o profesional faracho saber para que prestes a túa autorización.

Unha vez realizado o servizo, o profesional entregarache a factura onde constará o número da mesma, a identificación da empresa, datos do cliente, descrición dos servizos realizados, prezo total (debe incluír prezo dos materiais empregados, da man de obra e os impostos), período de duración da garantía da reparación e a data e sinatura do prestador dos servizo e do cliente. 

Garantía da reparación

O profesional co que contrates e que leve a cabo o servizo de reparación deberá entregarche un documento de garantía das reparacións e instalacións que efectuase, no que deberá constar o obxecto da reparación ou instalación, o garante, beneficiario da garantía e dereitos do mesmo, así como o prazo de duración da garantía que estableza o profesional (o cal non poderá ser inferior a 3 meses, contados a partir da data da factura que corresponda coa finalización dos traballos).

Reclamación

Cando non quedes conforme co servizo prestado e non logres chegar a un acordo co profesional, podes presentar a correspondente reclamación no propio establecemento do prestador do servizo a través da folla de reclamacións, que este mesmo che deberá facilitar; poderás dirixirte á oficina municipal de información ao consumidor (OMIC) do teu concello onde te asesorarán e levarán a cabo as xestión oportunas para tramitar a túa reclamación ou acudir onda unha Asociación de consumidores, dende onde che poderán tramitar a reclamación.

Se presentada a reclamación por calquera dos anteriores medios indicados, non se da unha solución efectiva á controversia, poderás dirixirte ao Instituto Galego de Consumo, dende onde se levarán a cabo actuación de mediación encamiñadas a resolver o conflito, o mesmo tempo que poderás solicitar que a túa controversia se resolva a través do procedemento arbitral, sendo este gratuíto para ambas as partes.    

Temática:
VivendaReformas