Un dos obxectivos prioritarios das políticas de defensa das persoas consumidoras na nosa Comunidade Autónoma é o desenvolvemento de distintos programas destinados a impulsar a formación e a educación da cidadanía galega, desde os niveis escolares ata os adultos. Por iso, na Escola Galega de Consumo traballamos na cualificación técnica e na formación permanente dos empregados públicos das distintas administracións competentes en materia de consumo, tanto autonómica coma local, e dos traballadores das organizacións de persoas consumidoras e usuarias.

O Libro Branco da Educación para o Consumo en Galicia, así como outros documentos prospectivos, aconsellaron a creación dentro da Escola Galega de Consumo dun centro permanente de formación, situado nun espazo físico en Santiago de Compostela, co ánimo de ampliar e diversificar a oferta formativa ante a crecente demanda de colectivos non atendidos con anterioridade e do público en xeral, interesado cada vez máis nunha información e formación permanentemente actualizadas nos temas de consumo.

Os obxectivos do centro permanente son:

  • Ampliar e diversificar a oferta formativa en materia de consumo para responder á demanda da xente nova e dos distintos colectivos interesados.
  • Facilitarlles ás organizacións de persoas consumidoras e usuarias e a aquelas outras organizacións que o demanden a realización de actividades formativas nun espazo físico con recursos e materiais axeitados.
  • Facilitarlles aos distintos colectivos de persoas consumidoras e usuarias o acceso a recursos que melloren a súa formación.
  • Impulsar a utilización das novas tecnoloxías no tratamento e na difusión dos diferentes temas de consumo.