A Escola Galega de Consumo créase como un instrumento para coordinar as actividades de educación e formación no eido do consumo, coa finalidade de impulsar e desenvolver a educación e a formación das persoas consumidoras galegas a través da realización de cursos, obradoiros, conferencias, publicacións e estudos.

A través das distintas programacións, a Escola Galega de Consumo canaliza as actividades de formación e educación neste ámbito, que promove a Xunta de Galicia tanto na educación formal como non formal, dando resposta á planificación estratéxica establecida en cada momento, atendendo tamén ás demandas das persoas consumidoras e á propia evolución do mercado.

As nosas aulas

Para desenvolver a súa labor educativa e formativa, a Escola Galega de Consumo dispón dunhas instalacións propias, equipadas para traballar dun xeito práctico as diferentes temáticas que conforman o consumo responsable.

Aula de informática

Aula dotada de dez equipos informáticos, na que se realizan os obradoiros de compras en internet, contratación de viaxes na rede, deseño de videoxogos ou a simulación dunha factura eléctrica, de xeito que o alumnado poida coñecer como navegar e facer compras na rede de forma segura.

Aula de publicidade

Aula equipada con todos os medios técnicos precisos para traballar os contidos relacionados coa publicidade, elaborar un anuncio, analizar a publicidade ilícita e, en definitiva, comprender mellor a linguaxe publicitaria e os seus recursos.

Aula do supermercado

Aula na que se simula un supermercado real e na que se traballa a compra responsable, o etiquetado alimentario, a pirámide dos alimentos ou a publicidade no punto de venda, analizando as técnicas comerciais para incentivar o consumo, e aprender así a mercar dun xeito informado e crítico. 

Obxectivos

O obxectivo xeral da Escola Galega de Consumo céntrase en dar resposta ás demandas formativas e educativas dos distintos sectores da poboación galega e, especificamente, as detectadas nas estatísticas das consultas e nas reclamacións recibidas das distintas oficinas de consumo, nos estudos de investigación realizados e nas avaliacións das actividades formativas.

En todo caso deberán contemplarse obxectivos específicos para cada un dos tres sectores de intervención principais que son:

1. Educación dentro do sistema educativo formal

No eido da educación formal, a Escola Galega de Consumo mantén unha liña permanente de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, materializada nun convenio marco de colaboración con anexos programáticos anuais. Dentro desta colaboración están establecidos programas de formación para o profesorado e para as ANPAS.

2. Educación non formal

No eido da educación non formal, a Escola Galega de Consumo realiza distintas accións informativas e formativas sobre temas de consumo de interese xeral para as persoas consumidoras. Estas actividades poden impartirse nas propias instalacións da Escola Galega de Consumo, en Santiago de Compostela, ou no lugar elixido polo colectivo solicitante, como as sedes das organizacións de persoas consumidoras, os centros escolares ou os locais dos propios concellos.

As persoas en situación de vulnerabilidade, as persoas consumidoras de máis idade ou as persoas con algunha discapacidade tamén contan cunha oferta formativa específica, que atende de xeito individualizado ás súas demandas, canalizadas a través das asociacións de pensionistas ou das distintas entidades que prestan atencións ás persoas en risco de exclusión social.

A oferta faise extensiva tamén ao alumnado universitario, a través da colaboración coas distintas facultades e centros do Sistema Universitario de Galicia.

3. Formación dos empregados públicos

A formación continua dos empregados públicos que traballan nas distintas administracións competentes en materia de consumo, como o persoal das OMIC, é determinante para o exercicio da súa labor profesional. A formación do persoal de consumo que realiza tarefas de información e formación das persoas consumidoras, así como do persoal que realiza tarefas de control do mercado, debe responder a unha planificación permanente e diferenciada.

Por iso, a profesionalización do persoal das OMIC e das organizacións de persoas consumidoras é unha prioridade para a Escola Galega de Consumo, considerando que esta debe ir máis aló da formación para a mellora da xestión das actividades na defensa dos intereses das persoas consumidoras, e atender dun xeito especial ao desenvolvemento de estratexias específicas para a súa formación profesional.

Estas actuacións complétanse cun programa de formación continua das persoas que participan na arbitraxe de consumo e que exercen a súa labor nos distintos colexios arbitrais, na procura de que o seu traballo profesional sexa a mellor garantía para a persoa consumidora na resolución dos conflitos de consumo.