A Xunta, a través de Infonadal Consumo, leva a cabo actuacións específicas de inspección e análise que se centran este ano nos xoguetes con imáns, os destinados a menores de 3 anos e as grilandas
Galicia é líder na vixilancia e control do mercado, sendo unha das comunidades que máis produtos perigosos detecta cada ano
No 2016 realizáronse no Laboratorio máis de 10.200 ensaios detectándose un total de 79 produtos inseguros
Para realizar un consumo responsable aconséllase elaborar un presuposto coa cantidade dispoñible e comprar con antelación, conserva os tíckets de compra ou comprobar que os xoguetes contan co marcado CE
Santiago de Compostela, 13 de Decembro de 2017.-

O Instituto Galego de Consumo (IGC), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ten en marcha unha nova edición da campaña Infonadal Consumo, que ten por obxectivo garantir a seguridade dos produtos e protexer os dereitos dos consumidores de cara ás compras de Nadal.

A través desta iniciativa, refórzanse as actuacións de control do mercado que realizan durante todo o ano de xeito coordinado a inspección de Consumo e o Laboratorio de Consumo de Galicia.

Os controis, que se están a realizar este ano no marco de Infonadal, céntranse nos xoguetes para menores de tres anos, os xoguetes con imáns e as grilandas. Deste xeito garántese ao máximo a protección dos consumidores galegos durante o Nadal, época na que se incrementa a venda de produtos para os máis pequenos.

A inspección de Consumo é a encargada de tomar as mostras no mercado, que posteriormente se envían ao Laboratorio de Consumo de Galicia, o único que é oficial e público, acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para o análise deste tipo de produtos. No caso de que se constate que algún presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

Por outra banda, o Instituto Galego de Consumo tamén intensifica a vixilancia no cumprimento das obrigas dos establecementos que poñen os seus produtos a disposición dos consumidores: indicación de prezos, etiquetado, publicidade ou existencia de follas informativas.

A posta en marcha da campaña Infonadal Consumo enmárcase na intensa labor de control do mercado que realiza durante todo o ano o Instituto Galego de Consumo, que sitúan a Galicia como unha das comunidades que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano. Así, ao longo do pasado 2016, realizáronse no Laboratorio de Consumo de Galicia máis de 10.200 ensaios en 524 produtos de consumo analizados, e o IGC comunicou á rede de alerta nacional un total de 79 produtos, situándose como unha das autoridades autonómicas de Consumo que realizan máis notificacións. Entre os produtos notificados, cabe sinalar que 27 eran xoguetes, tendo en conta que nas análises e inspeccións se presta especial atención aos produtos destinados aos consumidores máis vulnerables.

No que vai de ano analizáronse 406 produtos. Comunicáronse á rede de alerta nacional 57 produtos dos que 28 foron xoguetes.

Consellos para mercar os xoguetes

Á hora de mercar os xoguetes, o IGC resalta unha serie de consellos para garantir a seguridade e a idoneidade dos mesmos. Así, resulta fundamental comprobar que sexan axeitados á idade e ás habilidades físicas do neno, e asegurarse de que dispoñen do marcado CE.

Tamén hai que comprobar que na etiqueta figura o nome e o enderezo do responsable do produto, ler as instrucións de manexo e as advertencias, e constatar que a etiqueta e as instrucións están polo menos en castelán. Ademais, débese asegurar que non teñan bordes cortantes, e que os xoguetes eléctricos non teñan fontes de alimentación de máis de 24 voltios.

En xeral para as compras destas datas, desde o Instituto Galego de Consumo recoméndase elaborar un presuposto coa cantidade dispoñible para gastar, comprar con antelación ou facer un uso responsable das tarxetas de crédito. Tamén se recomenda esixir e conservar o tícket ou factura, atender de forma reflexiva a información publicitaria, e poñer atención á información que figura na etiquetaxe dos produtos, especialmente á que se refire a datas de consumo, conservación e instrucións de uso.

No tocante ás compras por Internet, hai que elixir sempre formas de pagamento seguras, xa sexa por transferencia, tarxeta ou a través de plataformas especializadas, e en calquera caso, comprobar se ao inicio da barra de direccións aparece “https”, o que indica que a páxina está a utilizar unha conexión segura. Entre outros consellos, tamén se recomenda escoller en primeiro lugar aqueles establecementos que exhiben estar adheridos ao Sistema Arbitral de Consumo, pois en caso de ter que reclamar poderá resolver o conflito de forma rápida e gratuíta.

Temática:
ProdutosXoguetes