A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencias exclusivas en materia de protección ás persoas consumidoras. Co obxecto de desenvolver as actividades relacionadas coa defensa dos seus dereitos e intereses, creouse no ano 1994 o Instituto Galego de Consumo (IGC) como un organismo autónomo adscrito á Consellería de Economía e Industria.

O IGC está rexido por un Consello de Dirección no que están representadas as organizacións de persoas consumidoras e usuarias de Galicia.

A efectos de verificar e facer cumprir a normativa reguladora e a protección dos dereitos das persoas consumidoras, o IGC realiza a inspección e control de calidade dos estabelecementos, bens e servizos existentes no mercado xa como consecuencia de reclamacións e denuncias das persoas consumidoras, xa enmarcadas dentro de campañas programadas polo propio IGC. Desta actuación pódese derivar un expediente sancionador para corrixir as infraccións detectadas.

Como consecuencia das investigacións levadas a cabo polo IGC logo dunha inspección ou unha denuncia, ás veces detéctanse produtos que poden constituír un risco para a saúde das persoas consumidoras. Nestes casos, estes produtos introdúcense na "Rede de Alerta", que constitúe un sistema de intercambio de información a nivel europeo e que ten como finalidade ter unha información fluída e permanentemente actualizada sobre os produtos perigosos que se detectan no mercado en todo o ámbito da UE. Noutras ocasións a actuación derivada dunha inspección de mercado é a adopción de medidas cautelares sobre un produto ou a declaración dun produto como inseguro.

O IGC conta cun laboratorio de consumo propio, situado na Coruña, e que está acreditado por ENAC para realizar analíticas de fibras e produtos téxtiles e xoguetes. Outras liñas de actuación son o control e análise de cosméticos e produtos de hixiene, lixivias e produtos de limpeza, material de aparellos eléctricos e o pequeno electrodoméstico. Entre as súas funcións atópase a comprobación de marcado, etiquetaxe e análises físicas, químicas, eléctricas e mecánicas dos distintos produtos que se ofrecen no mercado. Con este fin realízanse analíticas das mostras obtidas nas campañas de inspección, reclamacións das persoas consumidoras ou denuncias ante a Xunta Arbitral de Consumo. Tamén se realizan análises demandadas por particulares ou empresas con distinta finalidade.

O Centro de Documentación e Información do Instituto Galego de Consumo está situado na Coruña e constitúe un servizo de apoio que ten como finalidade a recompilación e estudo das publicacións específicas en materia de consumo. No Centro de Documentación pódense realizar calquera tipo de consultas, e solicitar en réxime de préstamo o material bibliográfico dispoñíbel.

O Instituto Galego de Consumo mantén unha política activa de fomento, apoio e asesoramento ás Organizacións de Persoas Consumidoras e ás Oficinas Municipais de Información ao/á Consumidor/a "OMIC", destinándolles cada ano unha parte dos seus orzamentos a través de axudas e subvencións para o seu funcionamento e para a realización de proxectos en materia de consumo. Actualmente está en marcha unha aplicación informática que conecta estas oficinas co Instituto Galego de Consumo, co fin de axilizar as reclamacións das persoas consumidoras e usuarias. Por outro lado, a Escola Galega de Consumo realiza de xeito permanente ao longo de todo o ano diversas actividades educativas, formativas e divulgativas en materia de consumo responsable, dirixidas a todos os sectores da poboación, a través das que tenta responder ás necesidades das persoas consumidoras, informándoas sobre os distintos bens e servizos que están presentes nun mercado cada vez máis globalizado, tecnificado e cambiante, e tamén sobre os seus dereitos para que poidan exercelos de acordo con pautas de consumo responsable. Na súa labor, a Escola Galega de Consumo colabora de xeito habitual con entidades públicas e privadas autonómicas, estatais, comunitarias e internacionais, establecendo diferentes plans e programas formativos e educativos de actuación conxunta en materia de consumo.

O IGC conta coa Xunta Arbitral de Consumo de Galicia. Este sistema de carácter extraxudicial, no que participan ademais do propio IGC, as organizacións de persoas consumidoras e as empresariais, constitúe unha vía rápida, eficaz e gratuíta de resolución de conflitos entre as persoas consumidoras e os empresarios e as empresarias e profesionais. A solución adquire a forma de laudo arbitral que ten carácter executivo e vinculante, e evita outras instancias xudiciais.

Por último hai que salientar que o IGC participa activamente en grupos de traballo, comisións técnicas e órganos de coordinación a nivel estatal do que o seu máximo expoñente é a Conferencia Sectorial de Consumo coa participación de todas as comunidades autónomas.