O conselleiro de Economía e Industria salienta que o Instituto Galego de Consumo achega asesoramento, ao tempo que o Banco de España verifica que se cumpren os requisitos de transparencia e protección dos clientes
Apunta que o 82% dos expedientes relacionados con este tipo de cláusulas nas hipotecas foron resoltos a favor do reclamante
Santiago, 10 de Xuño de 2015.-

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou esta tarde no Parlamento galego o traballo que están a realizar tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia de xeito coordinado para garantir a transparencia e a comprensión polos consumidores das denominadas ?cláusulas chan?.

Neste sentido, Conde sinalou que o Banco de España, encargado de atender as queixas en relación con esta problemática, está a verificar que se cumpren os requisitos fixados polas ordes de transparencia e protección dos clientes bancarios, sinalando que o 82% dos expedientes relacionados con este tipo de cláusulas nas hipotecas foron resoltos a favor do reclamante.

Ao mesmo tempo, tal e como indicou Conde, o Instituto Galego de Consumo informa e asesora ás persoas consumidoras sobre a forma de proceder ante o organismo supervisor das entidades financeiras, ofrecendo os instrumentos e servizos necesarios. Do mesmo xeito, Conde apuntou que o IGC iniciará expedientes sancionadores cando se dean os requisitos para facelo.

Neste sentido, o conselleiro de Economía e Industria lembrou que non todas as "cláusulas chan" son abusivas, e que a declaración de nulidade, que lle corresponde á autoridade xudicial, está relacionada coa falta de transparencia e ten que ser analizada caso por caso.

Así mesmo, sinalou que a posibilidade efectiva de sanción por parte das autoridades de Consumo se limita aos contratos hipotecarios subscritos despois do 9 de maio de 2013 nos que a falta de transparencia fose verificada polo Banco de España ou a xurisdicción civil, sen que ata o momento se dese ningunha destas circunstancias nos consumidores que acudiron ao Instituto Galego de Consumo.

Temática:
Outros