O conselleiro de Economía e Industria destaca a colaboración do Instituto Galego de Consumo con outras administracións e coas asociacións de consumidores
O organismo autonómico leva tramitado preto de 8.500 reclamacións no primeiro semestre, e emitiu de xaneiro a xuño 1.600 laudos arbitrais, que en preto dun 80% dos casos foron favorables para o reclamante
No que levamos de ano o IGC leva abertos máis de 1.000 expedientes sancionadores, un 10% máis que no mesmo período de 2014, sendo a electricidade o sector máis sancionado seguido pola telefonía
Santiago, 8 de Xullo de 2015.-

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou esta mañá a coordinación e cooperación entre as administracións con competencias en materia de consumo así como coas distintas entidades implicadas como un elemento clave para avanzar na protección efectiva dos consumidores.

Conde, que participou no encontro do Consello de Dirección da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan), dependente do Ministerio de Sanidade, que se reúne hoxe en Santiago, xunto cos consellos nacional e autonómico de consumidores e usuarios, resaltou o papel dos organismos que presiden Manuela López Besteiro e Rosa Otero, respectivamente, como órganos de consulta e representación institucional ante a Administración.

Destacou tamén o responsable de Economía e Industria na reunión, na que participou tamén a directora exectutiva de Aecosan, Teresa Robledo, o traballo das propias asociacións de consumidores, coas que o Instituto Galego de Consumo colabora cada ano para o desenvolvemento de actuacións de atención e resolución das reclamacións, e cuxo traballo, tal e como apuntou Conde, é imprescindible en ámbitos como a sensibilización, a información e o asesoramento.

Grazas a este traballo coordinado coas asociacións de consumidores e coa Administración central, nos seis primeiros meses do ano o Instituto Galego de Consumo leva atendidas máis de 14.000 consultas e tramitado preto de 8.500 reclamacións, acaparando unha vez máis as compañías de telefonía o maior número, cun 39%, seguidas polas eléctricas, cun 20% do total de reclamacións. Ademais, no primeiro semestre emitíronse preto de 1.600 laudos arbitrais, que en case o 80% dos casos foron favorables para o reclamante.

Temática:
Outros