11 de Agosto de 2010.-

Os conselleiros de Economía e Industria, Javier Guerra, e do Medio Rural, Samuel Juárez, acompañados pola presidenta do Instituto Galego de Consumo, Nava Castro, e a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon, veñen de asinar un acordo de colaboración co obxecto de formalizar unha sistemática de control capaz de determinar a veracidade das alusións comerciais á procedencia do leite producido en Galicia e manter constancia da evolución dos prezos ao consumo.

Por parte da Consellería de Economía e Industria, o ente encargado do seguimento dos prezos de venda do leite no sector da distribución en Galicia será o Instituto Galego de Consumo, que recollerá os prezos de venda incidindo de forma especial nas marcas brancas e no eido das grandes e medianas superficies. Tamén se encargará de inspeccionar as diferentes marcas ofrecidas ao consumidor co obxectivo de detectar posibles prácticas de publicidade enganosa.

O departamento que dirixe Samuel Juárez, a través das direccións xerais de Produción Agropecuaria e de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, planificará e executará as actuacións de control en orixe, para verificar a realidade da información proporcionada ao consumidor.

A Comisión Europea constatou que logo da alza de prezos dos produtos básicos agrícolas no segundo semestre de 2007 e principios de 2008, se produciu unha caída en picado que evidenciou a existencia de disfuncións na cadea. Estes desaxustes supoñen graves consecuencias para os produtores agrícolas e impide tamén un trato correcto aos consumidores, agravándose no caso do sector lácteo.

Ante este feito, as Consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural viron necesario reforzar este sector implantando mecanismos de control para detectar posibles prácticas ilícitas e contribuír á transparencia do mercado para evitar comportamentos contrarios á competencia. Con este acordo o que se persegue, en última instancia, é mellorar a posición dos produtores e incrementar os niveis de protección dos consumidores.

Temática:
Outros