No marco da campaña Infonadal están en marcha actuacións específicas de inspección e análise centradas este ano nos xoguetes para menores de tres anos e nos que teñen imáns, as grilandas e os punteiros láser
Galicia é líder na vixilancia e control do mercado, sendo unha das comunidades que máis produtos perigosos detecta cada ano
No 2014 analizáronse no Laboratorio de Consumo de Galicia máis de 500 produtos de consumo, e comunicáronse á rede de alerta nacional un total de 70 produtos
Infonadal inclúe tamén accións formativas nas que está prevista a participación de preto de 800 persoas
Entre as recomendacións para un consumo responsable, aconséllase elaborar un presuposto coa cantidade dispoñible e comprar con antelación, conservar os tíckets de compra ou comprobar que os xoguetes contan co marcado CE
Santiago, 7 de Decembro de 2015.-

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Consumo, ten en marcha unha nova edición da campaña Infonadal Consumo, unha iniciativa mediante a cal, de cara ás compras do Nadal, se reforzan as actuacións de control do mercado que a inspección de consumo leva a cabo permanentemente para garantir a seguridade dos produtos, así como as análises no Laboratorio de Consumo de Galicia. A iniciativa inclúe tamén accións formativas para atender á necesidade de orientación, información e formación dos consumidores galegos nestas datas, nas que está prevista a participación de preto de 800 persoas.

Os controis realizados no marco de Infonadal céntranse nos xoguetes, e, entre eles, nos xoguetes para menores de tres anos, e nos xoguetes con imáns, así como as grilandas e os punteiros láser. Deste xeito garántese ao máximo a protección dos consumidores galegos durante o Nadal, época na que se incrementa a venda de produtos para os máis pequenos. A inspección de Consumo é a encargada de tomar as mostras no mercado, que posteriormente se envían ao Laboratorio de Consumo de Galicia, o único oficial público acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para o análise deste tipo de produtos.

No caso de que se constate que algún destes produtos presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios (SIRI), un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

Por outra banda, o Instituto Galego de Consumo tamén intensifica a vixilancia no cumprimento das obrigas dos establecementos que poñen os seus produtos a disposición dos consumidores: indicación de prezos, etiquetado, publicidade ou existencia de follas informativas.  

A posta en marcha da campaña Infonadal Consumo enmárcase na intensa labor de control do mercado que realiza durante todo o ano o Instituto Galego de Consumo, que sitúan a Galicia cada ano como unha das comunidades que máis produtos industriais perigosos detecta cada ano.

Así, ao longo do pasado 2014, realizáronse no Laboratorio de Consumo de Galicia máis de 7.000 ensaios en máis de 500 produtos de consumo analizados, e o IGC comunicou á rede de alerta nacional un total de 70 produtos, situándose como a segunda autoridade autonómica de Consumo que realizou máis notificacións. Entre os produtos notificados, cabe sinalar que 37 eran xoguetes, tendo en conta que nas análises e inspeccións se presta especial atención aos produtos destinados aos consumidores máis vulnerables.

Charlas formativas

A campaña Infonadal complementa o labor de inspección e control con accións formativas a través da Escola Galega de Consumo (EGC), que oferta a colectivos e entidades a organización de charlas nas que se analizan as particularidades do consumo durante o Nadal e se propoñen alternativas para un consumo máis responsable e solidario, ao mesmo tempo que se explica, dun xeito sinxelo, que facer ante os problemas máis frecuentes coas compras do Nadal. Estas charlas participativas están dirixidas a todas as idades e o seu contido está especialmente adaptado ás necesidades propias dos grupos ao que van dirixidas.

Consellos para mercar os xoguetes

Á hora de mercar os xoguetes, o IGC resalta unha serie de consellos para garantir a seguridade e a idoneidade dos mesmos. Así, resulta fundamental comprobar que sexan axeitados á idade e ás habilidades físicas do neno, e asegurarse de que dispoñen do marcado CE. Tamén hai que comprobar que na etiqueta figura o nome e o enderezo do responsable do produto, ler as instrucións de manexo e as advertencias, e constatar que a etiqueta e as instrucións están polo menos en castelán. Ademais, débese asegurar que non teñan bordes cortantes, e que os xoguetes eléctricos non teñan fontes de alimentación de máis de 24 voltios.

En xeral para as compras destas datas, desde o Instituto Galego de Consumo recoméndase elaborar un presuposto coa cantidade dispoñible para gastar, comprar con antelación ou facer un uso responsable das tarxetas de crédito.

Tamén se recomenda esixir e conservar o ticket ou factura, atender de forma reflexiva a información publicitaria, e poñer atención á información que figura na etiquetaxe dos produtos, especialmente a que se refire a datas de consumo, conservación e instrucións de uso.

No tocante ás compras por Internet, hai que elixir sempre formas de pagamento seguras, xa sexa por transferencia, tarxeta ou a través de plataformas especializadas, e en calquera caso, comprobar se ao inicio da barra de direccións aparece “https”, o que indica que a páxina está a utilizar unha conexión segura. Entre outros consellos, tamén se recomenda escoller en primeiro lugar aqueles establecementos que exhiben estar adheridos ao Sistema Arbitral de Consumo, pois en caso de ter que reclamar poderá resolver o conflito de forma rápida e gratuíta.

 

Temática:
ProdutosXoguetes