O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, entregaron hoxe os galardóns deste certame no que participaron máis de 1.000 estudantes de primaria e secundaria de toda Galicia
Resultaron premiados alumnos de centros educativos de Tordoia, na provincia da Coruña; de Cospeito, Monforte e Ribadeo, en Lugo; e de Poio, en Pontevedra; así como de Ourense
Os primeiros clasificados en cada categoría representarán a Galicia na fase nacional do certame
Santiago, 26 de Maio de 2015.-

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, entregaron hoxe os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis, en cuxa décima edición participaron máis de 1.000 estudantes de primaria e secundaria de toda Galicia.

Este ano o concurso celebrouse baixo o lema O teu consumo ten historia: 10 anos de Consumópolis e 30 anos de consumo, conmemorando os 10 anos que ten xa o certame e as tres décadas da primeira Lei estatal para a defensa dos consumidores e usuarios. Así, despois dunha primeira fase de xogo en liña, os estudantes participantes elaboraron un traballo en grupos de cinco coordinados por un docente, consistente nun cartel que compara formas de consumo do pasado e do presente.

Tal e como sinalou Francisco Conde, os traballos premiados son “unha mostra de talento e creatividade, e dos bos resultados que pode dar o traballo en equipo”, apuntando que iniciativas como Consumópolis permiten avanzar de forma efectiva na protección dos consumidores e usuarios. Neste sentido, sinalou que a educación para o consumo é imprescindible para que “coñezamos os nosos dereitos como consumidores e para que os exerzamos de forma responsable”. Conde destacou a importante labor que desenvolve o Instituto Galego de Consumo, a través da Escola Galega de Consumo, que ofreceu o ano pasado de xeito directo formación a preto de 10.000 persoas, un 10% máis que o ano anterior.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria sinalou como piares do éxito deste certame a súa capacidade de transmitir e potenciar entre o alumnado valores como a cooperación, o consumo responsable ou o traballo de equipo; e salientou o feito de que a maioría dos centros participantes dispoñan de aulas Abalar como un factor fundamental para facilitar a participación neste concurso, cuxa primeira fase se desenvolve en liña. Así mesmo, Román Rodríguez agradeceu o labor do profesorado para incentivar ao alumnado a implicarse neste tipo de iniciativas e lembrou que Consumópolis forma parte desde hai 3 anos do Plan Proxecta, no que se integran os proxectos institucionais das distintas consellerías e organismos da Xunta de Galicia vinculados coa educación cun obxectivo claro: fortalecer os valores e as competencias clave, nun marco de innovación educativa, para acadar a mellora do noso sistema educativo.

Na fase autonómica de Consumópolis, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do IGC, e en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores carteis en cada tramo de idade, dotados con 1.000 euros os primeiros premios, 600 euros os segundos e 300 euros os terceiros, que poderán empregar para actividades ou material pedagóxico. Os primeiros clasificados de cada categoría representarán a Galicia na fase nacional de Consumópolis, organizada pola Axencia de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN).

Centros premiados
Na categoría de 5º e 6º curso de primaria clasificouse en primeiro lugar o colexio CPI Virxe do Monte de Cospeito (Lugo), mentres que en 2º e 3º lugar foron recoñecidos traballos de alumnos do CEIP Lourido de Poio (Pontevedra).

No tocante a 1º e 2º curso de ESO, o primeiro e o terceiro premio recaeron en alumnos do IES O Couto de Ourense, centro educativo que na anterior edición de Consumópolis se fixo cun dos premios a nivel nacional. En segundo lugar clasificouse un equipo de estudantes do CPI Pecalama de Tordoia (A Coruña).

O IES A Pinguela de Monforte de Lemos (Lugo) foi o primeiro clasificado na categoría para 3º e 4º de ESO. O segundo premio recaeu de novo en alumnos de IES O Couto, mentres que o terceiro foi para un equipo do colexio Sagrado Corazón de Jesús de Ribadeo (Lugo).

Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a gran labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame cada ano. Coa posta en marcha desta iniciativa a Xunta continúa a traballar na mellora da formación dos máis novos en consumo, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido. 

Videoteca

Temática:
Outros