INFORMACIÓN DENEGACIÓN DE EMBARQUE
De ser o caso dunha denegación de embarque, o Regulamento (CE) nº 261/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, de 11.02.2004, polo que se establecen normas común sobre compensación e asistencia aos pasaxeiros aéreos no caso de denegación de embarque e de cancelación ou gran atraso dos voos, e se derroga o Regulamento (CEE) nº 295/91, establece as seguintes obrigas do transportista aéreo:
1.- Obriga de informar ás persoas pasaxeiras:
O artigo 14 do Regulamento (CE) nº 261/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, de 11.02.2004 establece:
O transportista aéreo encargado de efectuar un voo que denegue o embarque ou cancele un voo deberá proporcionar a cada un dos pasaxeiros afectados un impreso no que se indiquen as normas en materia de compensación e asistencia. Os datos de contacto do organismo nacional no que reclamar proporcionaranse ao pasaxeiro por escrito.
Con respecto ás persoas invidentes ou con problemas de visión deberán facilitarlle a información utilizando os medios alternativos adecuados.
2.- Obriga de solicitar persoas voluntarias que renuncien ás súas reservas a cambio de determinados beneficios.
O artigo 4.1 do Regulamento (CE) nº 261/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, de 11.02.2004, sinala que:
Cando un transportista aéreo encargado de efectuar un voo prevexa que ten que denegar o embarque nun voo, deberá, en primeiro lugar, pedir que se presenten voluntarios que renuncien as súas reservas a cambio de determinados beneficios, nas condicións que acorden o pasaxeiro interesado e o transportista aéreo encargado de efectuar o voo. Ademais, os voluntarios recibirán o reembolso do billete ou un transporte alternativo.
3.- Obrigas de prioridade
O Regulamento (CE) nº 261/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, de 11.02.2004 indica que os transportistas aéreos encargados de efectuar voos darán prioridade ao transporte das persoas con mobilidade reducida e os seus acompañantes ou cans de acompañamento certificados, así como dos menores non acompañados.
4.- Obriga de compensación e asistencia aos pasaxeiros no caso de denegación de embarque.
Os artigos 4.2 e 4.3 do Regulamento (CE) nº 261/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, de 11.02.2004, sinalan que:
Se o número de voluntarios non é suficiente para que os restantes pasaxeiros con reservas poidan ser embarcados no devandito voo, o transportista aéreo encargado de efectuar o voo poderá denegar o embarque aos pasaxeiros contra a vontade destes.
No caso de que denegue o embarque aos pasaxeiros contra a vontade destes, o transportista aéreo encargado de efectuar o voo deberá compensarlles inmediatamente (compensación de 250€, 400€ ou 600€ dependendo da distancia) e prestarlles asistencia (dereito a comida e refrescos, aloxamento, transporte dende o aeroporto ao aloxamento e ao reembolso do billete ou transporte alternativo).
COMO RECLAMAR?
No caso de que o transportista aéreo non cumpra coas súas obrigas, poderase reclamar de acordo cos pasos seguintes:
1º.- Reclamación ante a compañía aérea correspondente polo medio designado por esta (páxina web, correo electrónico etc.), a través das follas de reclamacións da propia compañía aérea, ou na súa falta utilizando o seguinte formulario da AESA:
Na presentación da reclamación débese conservar o billete e demais documentos utilizados.
2º.- No caso de non recibir resposta da compañía no prazo dun mes, ou esta non ser satisfactoria pódese presentar unha reclamación ante AESA sen custo algún de modo presencial, semipresencial ou telemático:
En todo caso a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pon a disposición das persoas afectadas o teléfono gratuíto 900 23 11 23 ademais das súas oficinas presenciais.