O 23 de decembro de 2015 o Tribunal Supremo ditou unha sentenza na que declara nulas por abusivas distintas cláusulas incluídas nos contratos bancarios celebrados con consumidores. Con posterioridade, o 16 de xullo de 2020 o Tribunal de Xustiza da Unión Europea tamén se pronunciou sobre as cláusulas relativas aos gastos de formalización das hipotecas e recentemente de novo o Tribunal Supremo na súa sentenza do 27 de xaneiro de 2021.
Entre as cláusulas que se declaran nulas encóntranse aquelas que impoñen ao consumidor todos os custos derivados da concertación do contrato como consecuencia da intervención notarial e rexistral ou os de xestoría.
En concreto, o Tribunal declara na súa sentenza que “no que respecta á formalización de escrituras notariais e inscrición das mesmas (necesaria para a constitución da garantía real), tanto o arancel dos notarios, como o dos rexistradores da propiedade, atribúen a obriga de pago ao solicitante do servizo de que se trate ou a cuxo favor se inscriba o dereito. E quen ten o interese principal na documentación e inscrición da escritura de préstamo con garantía hipotecaria é, sen dúbida, o prestamista, pois así obtén un título executivo, constitúe a garantía real e adquire a posibilidade de execución especial”.
En consecuencia, o tribunal declara abusiva a cláusula porque non permite unha mínima reciprocidade na distribución dos gastos producidos como consecuencia da intervención notarial e rexistral, e fai recaer a súa totalidade sobre o hipotecante, o que con leva que se ocasione ao consumidor un desequilibrio relevante.
Con posterioridade establécese unha regulación por parte do Estado aclarando que gastos deben asumir as entidades bancarias e cales o consumidor. Esta lexislación é para hipotecas posteriores ao 10 de novembro do 2018.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea da un paso máis e pronúnciase sobre a Comisión de Apertura e as Costas Xudiciais.
Segundo o Tribunal europeo respecto ás Costas xudiciais corresponderíanlle ás entidades financeiras sempre que se lle dea a razón ao consumidor e en canto á Comisión de Apertura pode ser considerada abusiva se non é suficientemente transparente ou non está debidamente xustificada.
Agora o Tribunal Supremo volve a posicionarse sobre este asunto indicando, respecto a os gastos de taxación, que lle corresponden á entidade bancaria.
Como teño que facer para reclamar?
Debe seguir os seguintes pasos, de carácter gratuíto:
1.- Presente un escrito de reclamación ante o Servizo de Atención ao Cliente da entidade bancaria. A entidade dispón dun prazo dun mes para contestar.
2.-Se transcorrido o dito prazo a entidade non contesta ou a contestación non é satisfactoria, débese presentar unha reclamación ao Banco de España, ben por vía telemática ou por escrito en modelo oficial, no Rexistro Xeral do Banco de España, en calquera das súas sucursais ou remitir por correo postal ao Departamento de Conduta de Mercados e Reclamacións. O Banco de España dispón dun prazo de 4 meses para ditar resolución.
3.- Unha vez que o Banco de España se pronuncie de forma favorable ao consumidor, este poderá requirir á entidade o seu cumprimento. A entidade deberá dar cumprimento á resolución no prazo dun mes, en caso contrario, poderá reclamar o seu cumprimento ante o Instituto Galego do Consumo
En calquera caso, o afectado sempre poderá interpoñer a oportuna demanda xudicial.
A continuación inclúense uns enlaces de interese entre os que se encontra un modelo de reclamación ante o servizo de atención ao cliente da entidade financeira e un cadro resumen de asunción dos gastos.