O Laboratorio de Consumo de Galicia (LCG), é o centro no que se realizan as análises e os ensaios sobre produtos industriais non alimenticios presentes no mercado, co fin de avaliar a súa conformidade coas regulamentacións técnicas referidas tanto á calidade como á seguridade.

Realiza ensaios sobre produtos de consumo co fin de verificar a súa adecuación á normativa, as súas características, e a veracidade das atribucións declaradas na etiquetaxe.

Actualmente o Laboratorio de Consumo de Galicia analiza e controla os produtos industriais, agrupados nas seguintes liñas de actuación:

  • Sustancias perigosas en produtos de consumo
  • Fibras e produtos téxtiles.
  • Material de aparatos eléctricos e pequeno electrodoméstico.
  • Xoguetes e material escolar.
  • Artigos de puericultura.
  • Produtos electrónicos.
  • Máscaras no entorno COVID-19

O LCG é, polo tanto, o instrumento técnico do Instituto Galego de Consumo que permite, por unha banda, analizar os produtos obxecto de reclamacións dos consumidores e acadar a resposta adecuada na resolución dos conflitos, e por outra, detectar a presenza de produtos inseguros no mercado e comunicalo á rede de alerta nacional. Grazas a este instrumento, Galicia está á cabeza das Comunidades Autónomas na detección de produtos inseguros no mercado

O Laboratorio de Consumo de Galicia ten a acreditación da Entidade Nacional de Acreditación, ENAC desde o ano 2001 en diversos ensaios de produtos téxtiles e xoguetes segundo os criterios de aseguramento da calidade na realización de ensaios segundo a norma ISO/IEC 17025. No ano 2015 renovou unha vez máis esta acreditación e modificou e ampliou o seu alcance para adaptalo á actual normativa. A acreditación representa o recoñecemento formal da competencia técnica do Laboratorio e a máxima fiabilidade nos seus resultados.Galicia é a única Comunidade Autónoma de todo o Estado que conta cun Laboratorio Oficial de Consumo para produtos industriais, e o único Laboratorio Oficial deste tipo que conta con acreditación ENAC.

O laboratorio conta cunha dotación de persoal de 5 técnicos titulados, cun perfil multidisciplinar que abarca desde os licenciados en Ciencias Químicas ata os Enxeñeiros Industriais, ademais de persoal auxiliar e administrativo.