A preocupación dos poderes públicos para que os produtos postos no mercado sexan seguros levou á Unión Europea a ditar unha directiva sobre seguridade xeral dos produtos (2001/95/CE, do 3 de decembro) que foi trasposta ao ordenamento xurídico español por medio do Real decreto 1801/2003, do 26 de decembro sobre seguridade xeral dos produtos.

Existen dúas redes de alerta de información sobre a seguridade dos produtos non alimenticios: SIRI a nivel estatal e RAPEX a nivel europeo. Estas redes, que están debidamente coordinadas, permiten que a través delas se informe daqueles produtos perigosos para que as autoridades competentes realicen as actuacións necesarias co fin de impedir a súa comercialización. Estas redes de información funcionan de forma bidireccional de xeito que, non só a través delas se recibe información de produtos perigosos procedentes doutras autoridades de control, senón que cando unha autoridade detecte un produto inseguro debe introducilo nos ditos sistemas para coñecemento xeneralizado do resto de autoridades de control.
Por outro lado hai que salientar que calquera fabricante ou comercializador que teña coñecemento de que introduciu no mercado un produto inseguro ten a obriga de comunicalo ás autoridades de control para a súa inclusión nestas redes.

As actividades de control de mercado orientadas á defensa dos intereses das persoas consumidoras, realízanse a través da inspección de todo tipo de produtos e servizos, co obxectivo de verificar a súa adecuación á normativa aplicable en cada caso, velando pola transparencia das relacións comerciais.
A inspección de consumo controla o cumprimento da normativa de defensa da persoa consumidora mediante as seguintes accións:

  • Campañas de inspección
  • Investigación de reclamacións presentadas polas persoas consumidoras
  • Actuacións relacionadas coa Rede de Alerta de produtos perigosos
  • Actuacións de oficio por iniciativa da propia Administración de consumo