ASEGURADOR: Persoa xurídica, validamente constituída, que se dedica a asumir riscos alleos en cumprimento dunha relación contractual, a cambio dunha prima.

BENEFICIARIO: É a persoa que recibe a prestación do seguro contratado, e que así ven designada no contrato. Este pode coincidir co propio asegurado ou ser unha terceira persoa distinta. 

CONSORCIO DE COMPENSACIÓN DE SEGUROS: Trátase dunha entidade adscrita ao Ministerio de Economía e Facenda, inspirada no principio de compensación, a cal ten como finalidade a cobertura dos riscos de determinados seguros. 

Así mesmo, o Consorcio terá por obxecto indemnizar, en réxime de compensación, as perdas derivadas de acontecementos extraordinarios acaecidos en España. Tamén dará cobertura aos danos persoais derivados de acontecementos extraordinarios que ocorresen no estranxeiro cando o asegurado da póliza teña a súa residencia habitual en España. 

Entenderase por acontecementos extraordinarios aqueles derivados de fenómenos naturais como terremotos e maremotos, inundacións extraordinarias, erupcións volcánicas, tempestades ciclónica atípica, ou as caídas de corpos siderais e aerólitos; os que sexan consecuencia de actos de terrorismo, rebelión, sedición, motín e tumulto popular; ou das actuacións das Forzas Armadas ou das Forzas e Corpos de Seguridade en tempo de paz.  

DEREITO DE RESCATE: Dereito legalmente recoñecido ao tomador, nalgunhas modalidades de seguro de vida, polo que o asegurado pode recuperar o capital acumulado segundo as táboas de valores previstas no contrato. Para que este dereito poida operar cómpre que teñen transcorrido dous anos desde a contratación.

O dereito de rescate perderase cando o tomador renuncie ao dereito de cambiar ao beneficiario do seguro.

FRANQUÍA: Importe expresamente pactado nas Condicións Particulares da Póliza, que será a cargo do asegurado e que se deducirá da indemnización que corresponda a percibir en cada sinistro.

INDEMNIZACIÓN: Cantidade que ha de pagar o asegurador no caso de producirse un sinistro cuberto pola póliza. Para determinar o seu importe, haberá que atender ao establecido no contrato.

INTERESE ASEGURADO: Trátase do ben exposto ao risco, motivo polo que o asegurado contrata o correspondente seguro, xa que de producirse un sinistro este sufriría unha perda económica. Para este fixarase un valor sobre o que se calculará a indemnización.

MEDIADORES DE SEGUROS: Aqueles que leven a cabo as funcións de mediación entre o tomador ou asegurado e as compañías aseguradoras, comprendendo as actividades  de presentación, proposta ou realización de traballos previos á celebración dun contrato de seguro ou reaseguro, ou de celebración do propio contrato, así como asistencia na xestión e execución do mesmo.

Poden clasificalos en axentes de seguros exclusivos ou vinculados, ou corredores de seguros, sendo tres figuras independentes e incompatibles entre si en canto á realización das actividades correspondentes ao mesmo tempo e pola mesma persoa.

OBXECTO ASEGURADO: Aquel elemento que queda exposto ao risco cuberto polo seguro. Segundo o obxecto, podemos distinguir dúas clases de seguros: o de persoas, nos cales o obxecto é unha ou varias persoas; ou o de danos, nos cales o obxecto pode ser un elemento material ou un patrimonio, ou ben tratarse de responsabilidade. 

PRAZO DE CARENCIA: Tempo que ha de transcorrer desde a sinatura da póliza ata que poidamos facer uso de determinadas coberturas. Durante este prazo será o asegurado quen soporte o risco no caso de que se produza un sinistro.

Os períodos de carencias adoitan incorporarse en seguros de persoas (vida ou médicos, p.ex) co obxecto de evitar fraudes. Cómpre prestar atención á súa duración antes de asinar.

PRIMA: Prezo que o asegurado aboa ao asegurador como contra prestación polo servizo contratado. Esta debe pagarse por anticipado, podendo realizarse mediante un pago único ou periódico (mensual, trimestral, semestral); neste caso, o primeiro será esixible no momento de formalizarse o contrato e os sucesivos ao vencemento de cada un dos prazos. 

REGRA DE EQUIDADE: Esta regra aplícase cando a información facilitada ao asegurador non se corresponde coa realidade do risco, o que, de haber sido coñecido, realizaría unha tarificación distinta, normalmente máis elevada. A consecuencia, si se producise un sinistro, a indemnización reducirase na proporción existente entre a prima pagada e a que correspondese pagar para ese risco (salvo dolo, en cuxo caso, a compañía non indemnizará nada).

REGRA PROPORCIONAL: É a fórmula que se aplica na determinación da cifra indemnizatoria que, en caso de sinistro parcial, debe satisfacer a aseguradora, en virtude da cal, cando exista infraseguro (é dicir, cando o capital garantido na póliza é inferior ao valor real do obxecto asegurado) o dano debe ser liquidado tendo en conta a proporción que exista entre o capital asegurado e o valora real no momento do sinistro.

Esta regra pode quedar sen aplicación cando, mediante o pago da correspondente sobreprima, así se estipulase na póliza. Este sería o caso dun seguro a primeiro risco.

REVALORIZACIÓN E REDUCIÓN DO VALOR ASEGURADO: Mecanismo a través do cal o importe da suma asegurada así como da prima, corríxense con cada vencemento en función ao aumento ou diminución de valor do obxecto asegurado.

RISCO: Posibilidade de que se produza un suposto ou acontecemento fortuíto capaz de producir danos.

SEGURO A PRIMEIRO RISCO: Aquel polo que o asegurador renuncia a aplicar a regra proporcional e se obriga a pagar en caso de sinistro o importe total dos danos, ata onde alcanza o capital garantido.

SEGUROS A VALOR PARCIAL: Seguros nos que a suma asegurada correspóndese só cunha parte do valor declarado. No caso de que se produza un sinistro a indemnización alcanzará como máximo o valora asegurado e sempre que o valor dos bens asegurados non exceda do valor declarado. No caso contrario aplicarase a regra proporcional.

SEGUROS A VALOR TOTAL: Seguros nos que a suma asegurada debe corresponder, en todo momento, ao valor de uso ou actual dos bens asegurados. A póliza deberá concretar a determinación do dito valor segundo as características dos bens asegurados.

SINISTRO: Feito ou situación cuxas consecuencias quedan garantidas polas coberturas do seguro.

SUMA ASEGURADA: É o importe máximo da indemnización a pagar polo asegurador en caso de sinistro. Refírese sempre a seguros contra danos.

TOMADOR: Persoa física ou xurídica que subscribe o contrato de seguro coa compañía aseguradora, asumindo as obrigas derivadas do mesmo, sendo a principal aboar a prima.

VALOR DE NOVO: Prezo total de venta ao público en estado de novo do ben asegurado, no momento do sinistro.

VALOR DE REPOSICIÓN: Prezo de adquisición do obxecto asegurado en estado novo; é dicir, sen que se teña en conta a depreciación sufrida polo obxecto. Este concepto é propio dos chamados seguros multirrisco.

Temática:
Serv. financeiros e segurosSeguros