Pasos que se deben seguir nas reclamacións relativas ao Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH)

  

1. O primeiro que debe facer é comprobar o tipo de interese ao que está referenciado o seu préstamo hipotecario. Esta información atópase na escritura notarial de constitución do mesmo. En caso de que non dispoña da citada escritura pode requirirlle á entidade que lle concedeu o préstamo hipotecario a entrega dunha copia ou tamén pódea solicitar acudindo á notaría na que formalizou o contrato. Neste último caso deberá aboar o custo de emisión da copia.

 

2. No caso de que o índice de referencia do seu préstamo hipotecario sexa o IRPH, primeiro debe presentar unha reclamación por escrito ante o departamento ou servizo de atención ao cliente ou ante o Defensor do Cliente da entidade coa que contratara o préstamo hipotecario.

No documento no que presente a reclamación debe constar a seguinte información:

  •  Nome, apelidos, DNI e enderezo e, no seu caso, os datos da persoa que a representa, xunto coa acreditación da representación.
  •  Motivo da reclamación no que se especifique que solicita un pronunciamento sobre a nulidade da cláusula contractual que establece o IRPH como índice de referencia do seu préstamo hipotecario, de acordo cos pronunciamentos xudiciais, en especial, a sentenza do 3 de marzo de 2020 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
  •  Oficina na que formalizou o préstamo hipotecario.
  •  Que vostede non ten coñecemento de que a súa reclamación sobre o IRPH se está tramitando a través dun procedemento administrativo, arbitral ou xudicial.
  •  Lugar, data e sinatura. Xunto coa reclamación, debe aportar unha copia da escritura de formalización do seu préstamo hipotecario.

 

3. A entidade contra a que vostede reclama dispón do prazo dun mes contado desde a presentación da reclamación para resolver ou denegar a súa reclamación. A entidade debe resolver por escrito e motivadamente.

 

4. No caso de que a entidade denegue a admisión da súa reclamación, desestime total ou parcialmente a súa petición ou non resolva no mencionado prazo, pode presentar unha reclamación ante o Banco de España. Esta reclamación deberá conter:

 

  •  Nome, apelidos, DNI e enderezo a efectos de notificación. Se vostede presenta a reclamación a través de representante, debe acreditar a dita representación.
  •  Identificación da entidade contra a que reclama, así como da oficina ou sucursal na que contratou o préstamo hipotecario.
  •  Motivo da reclamación no que se especifique que vostede solicita un pronunciamento sobre a nulidade da cláusula contractual que establece o IRPH como índice de referencia do seu préstamo hipotecario de acordo cos pronunciamentos xudiciais, en especial, a sentenza do 3 de marzo de 2020 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Teña en conta que non pode alegar feitos distintos dos aducidos na reclamación previa presentada ante a entidade, coa excepción de aqueles que se produciron con posterioridade á súa presentación.

  •  Acreditación do transcurso do prazo dun mes sen que obtivera contestación á súa reclamación ou de que se denegara a admisión da súa petición ou que esta fose total ou parcialmente desestimada.
  •  Lugar, data e sinatura. Xunto coa reclamación, debe aportar unha copia da escritura de formalización do seu préstamo hipotecario, así como a documentación acreditativa de ter presentado a reclamación ante a entidade e, no seu caso, a resposta dada pola entidade á mesma.

 

Vostede pode presentar a súa reclamación tanto en soporte papel como a través do rexistro electrónico do Banco de España, accedendo ao seguinte enlace do Banco de España:

 

PRESENTAR RECLAMACIÓN OU CONSULTA NO BANCO DE ESPAÑA

 

5. O Banco de España dispón dun prazo de 90 días naturais contados desde a presentación da reclamación ou desde a data na que se recibiu a documentación completa para emitir un informe motivado que se pronuncie sobre as cuestións expostas na dita reclamación, o cal lle será notificado no prazo de 10 días hábiles contados desde a súa emisión. Este informe non ten carácter vinculante e non ten a consideración de acto administrativo recorrible.

 

6. Unha vez recibido o informe do Banco de España, en caso de que sexa desfavorable para a entidade contra a que vostede reclamou, esta deberá comunicar expresamente no prazo dun mes contado desde a notificación se acepta ou non o manifestado polo Banco de España, así como aportar a xustificación documental de ter rectificada a situación. No caso de que a entidade non realice a dita comunicación, enténdese que esta non aceptou o determinado no informe.

 

7. Se vostede non está de acordo co pronunciamento do informe ou a entidade decida non aceptar o imposto no mesmo, pode presentar unha demanda no Xulgado.

Para máis información sobre o IRPH préma aquí.

Temática:
Serv. financeiros e segurosProdutos financeiros