Ás veces esquecémonos diso, pero houbo un tempo no que só se podían comer tomates no verán, uvas no outono ou boas laranxas no inverno. Hoxe en día os supermercados ofrécennos todos estes produtos frescos durante todo o ano. Con todo, esta comodidade tamén ten as súas desvantaxes. Para que esas apetitosas cereixas poidan chegar ata os nosos fogares necesitáronse máis embalaxes, aumentarían en gran medida as emisións de gases contaminantes no seu transporte ou se correron riscos de importación de pragas ou especies invasoras que en futuro poderían danar os cultivos locais.

 

O comercio de proximidade é máis respectuoso co medio ambiente. Evita desprazamentos en coche e reduce a contaminación ambiental. Comprando no comercio local consumiremos máis produtos de tempada (cando a súa calidade é óptima e o seu prezo máis alcanzable), axudamos tanto aos produtores da zona como aos comerciantes dos nosos pobos e cidades, de tal forma que mentres gozamos dun paseo polo barrio, faremos a nosa compra e ao mesmo tempo estaremos a contribuír ao mantemento da economía local. Aínda que só sexa unha pequena achega, destes pequenos detalles tamén dependerá o que os nosos descendentes poidan seguir gozando dos deliciosos manxares que desde sempre nos proporcionaron os nosos mares ou produciron a agricultura e a gandería galegas, cuxo papel foi fundamental tanto no mantemento paisaxístico e ambiental como na fama que a pulso se gañaron os produtos galegos.

Temática:
ProdutosAlimentación