24 de Marzo de 2010.-

Un grupo de 32 socias da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Santa María La Real de Pamplona, adscritas á Confederación Española de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios CEACCU, visitan hoxe día 22 a Escola Galega de Consumo para realizar actividades en obradoiros novidosos como o simulador de compras por internet e o simulador de viaxes.

As actividades consistiron no traballo de distintos aspectos da Lei de comercio electrónico a través dun simulador de compras en liña, unha ferramenta da que dispón a Escola Galega de Consumo, para traballar sobre os dereitos e os deberes das persoas consumidoras en relación coa compra de produtos a través da internet. A aplicación conta cunha tenda virtual, un módulo de correo electrónico, un portal bancario e un módulo de atención telefónica, todo iso co fin de simular un contorno real de comercio electrónico e traballar aspectos de seguridade nas compras así como as normativas de vendas a distancia, Lei de protección de datos ou Lei de garantías.

Tamén probarán por vez primeira o simulador de compra de viaxes presentado polo conselleiro de Economía e Industria D. Javier Guerra Campos dentro dos actos do Rueiro de Consumo para conmemorar o Día Mundial dos Dereitos dos Consumidores o 15 de marzo.

Esta ferramenta, totalmente novidosa a nivel do Estado, simula unha axencia de viaxes onde contratar voos ou viaxes combinadas de xeito seguro e situar aos participantes nas incidencias que poden xurdir nestas contratacións e a forma axeitada de exercitar os dereitos como consumidores.

As socias desta organización amosáronse moi interesadas nestas novidosas ferramentas e destacaron o seu carácter práctico así como a utilidade das temáticas que nela se traballan, xa que as compras a distancia están cada vez máis estendidas na nosa sociedade e, en especial as de viaxes que representan o 35% de todas as compras on-line.

Temática:
Outros